O longo camiño de Treixadura

O grupo de Redondela celebra 30 anos de carreira coa publicación dun libro-disco con 17 cancións e máis dun cento de páxinas, a través das que repasa a súa historia
O grupo de música tradicional de Redondela Treixadura. TREIXADURA
photo_camera O grupo de música tradicional de Redondela. TREIXADURA

O aniversario tiña que terse celebrado en 2020. Aí foi que o grupo de música tradicional de Redondela Treixadura cumpriu exactamente 30 anos. Pero chegou a pandemia da covid e decidiuse adiar a festa. Ata agora.

Dous anos despois, Treixadura publica o libro disco Camiño longo. A través de máis dun cento de páxinas e de 17 cancións (entre as que están dende Se chove, un dos seus temas máis aplaudidos, con máis de un millón de visualizacións en Youtube, ata o himno galego), a agrupación repasa as súas tres décadas de historia. O tema que escolleron para lanzar o traballo é un dos seus grandes éxitos: Fisterra, que nesta ocasión interpretan en colaboración coa Banda Municipal da Coruña.

"Camiño longo son 30 anos de carreira e toda unha vida compartida co noso público. 30 anos de emocións que embotellamos coa esperanza de que vos leven, coma a nós, a revivir momentos entrañables", din os compoñentes da agrupación no material promocional do novo disco, o oitavo que publican. "Puxemos todo o noso agarimo na súa elaboración e agardamos que vos preste tanto como nos prestou a nós gravalo... e escribilo!", publicaron nas súas redes sociais cando anunciaron a súa saída á rúa, o 23 de maio.

Son 30 anos de emocións que embotellamos coa esperanza de que vos leven, coma a nós, a revivir momentos entrañables

No mesmo material promocional explícase que o traballo foi concibido como "un percorrido artístico, visual e histórico dunha dilatada carreira musical que recolle a tradición e pon en valor a súa riqueza cultural".

O disco, no que volveu colaborar o Coro de Cantigas e Agarimos, foi gravado nos estudios Casa de tolos, en Mañufe, Gondomar, con Segundo Grandío, e en Edisco, A Estrada, con Fernando Campos.

XIRA. Despois dun concerto de presentación oficial en Vigo, o grupo está a punto de iniciar a xira de Camiño longo. Na súa web teñen colgadas as primeiras datas. Dentro da provincia, o 3 de xuño estarán en San Xoán de Albeos, Crecente; o 24 de xuño, na Estrada (e o día 30, dentro do mesmo concello, en Berres); o 16 de xullo, en Meaño; o 25 de xullo, no Rosal; o 29 de xullo, no Festival Intercéltico do Morrazo, que se celebra na Praia de Moaña; o 13 de agosto, en Vilanova de Arousa, e o 15 de agosto, en Cuntis.

A canción que se adiantou do álbum é un dos grandes éxitos do grupo, 'Fisterra'. Doutro dos seus temas, 'Se chove', levan máis de un millón de visualizacións en Youtube

Xan e Antón López, Xaquín Xesteira e Xabier Martínez son os catro gaiteiros que fundaron Treixadura en 1990 coa idea de traballar sobre dous piares: gaitas e instrumentos tradicionais, e voces. Nos anos seguintes entraron Paulo Nogueira e César Longa, e en 2003, xa convertidos nunha referencia da música tradicional, creouse o orfeón co seu mesmo nome. En 2008 entrou tamén Magoia Bodega pechando a formación actual. Ao longo dos seus 30 anos de vida, o grupo vendeu preto de 50.000 discos.