sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

Lúa Chea ou a 'teatro-terapia'

A compañía Líua Chea durante o seu último ensaio. DP
A compañía Líua Chea durante o seu último ensaio. DP
Unha compañía interxeracional ► Despois dos meses máis duros da pandemia, a agrupación poiense de teatro afeccionado Lúa Chea volve á actividade, nun ambiente "de familia" e "desafogo" da rutina diaria, no que conviven integrantes dende os 14 ata os 80

En lúa chea nada é o que parece. Os actores son máis que actores e, as obras, máis que obras. "Case somos unha familia, pasámolo moi ben e facemos todo con moitas ganas. Para moita xente, a compañía é un desafogo, un momento para socializar. Son cousas que non estamos habituados a facer polas rutinas da vida, e aquí perdemos a dinámica cotiá". Quen fala é Manuel Solla, director e mestre do grupo de teatro afeccionado que, con epicentro na Casa Rosada de Poio, é o refuxio de actualmente unhas 13 persoas, contra os quefaceres diarios.

"Penso que chegaremos a 15", sinala Solla que, despois dos duros meses de pandemia, hai poucos días presidiu o reencontro. "Estamos comezando a crear grupo. A pandemia foi un corte brusco. Agora entrou bastante xente nova e xa teño na mente a idea dunha obra nova para facer con todos eles", explica con entusiasmo. A obra, que xira en torno á vida "dunha parella que quere ir vivir soa", será o impulso definitivo para retomar as citas dos venres, o día oficial dos ensaios, polos que a compañía tanto agardou durante meses.

E é que estes actores e actrices afeccionadas non só fan teatro durante as xuntanzas. "É algo moi coloquial. Traballamos e facemos exercicios e xogos, e pouco a pouco imos montando a obra, que pode ser escrita ou inventada por nós, onde cada un vai poñendo a súa parte. Hai unha base, pero normalmente adaptamos a obra ao grupo", explica Solla.

E a actividade desta comunidade incluso vai máis alá, chegando ata o que o seu director define como 'teatro-terapia'. "Aquí todo o mundo se expresa, perde os medos e vai comprendendo o seu potencial, polo que tamén é un beneficio para a súa autoestima. Eu traballo con eles o inconsciente e as limitacións, e logo danse de conta de que, sen facer nada especial, senón que a través de xogos, expoñen os seus sentimentos e van avanzando", conta.

A compañía, que vén de comezar os ensaios, estreará unha nova obra nos vindeiros meses e levará a cabo varias actuacións 

A liberdade á hora de crear, é outra das máximas da compañía. "Segundo a obra ou actuación, sempre hai liberdade para que cada un aporte algo de seu. E con isto aprendemos a escoitarnos, a comprendernos e sentirnos, e pouco a pouco o traballo vai dando os seus froitos. É teatro, pero tamén unha cuestión persoal de grupo na que se xeran lazos", aclara o director.

Todo isto cobra, se cadra, un mérito maior, polo feito de que na compañía Lúa Chea conviven xeracións moi diferentes. "A persoa máis maior ten sobre 82 anos e a máis nova uns 14", sinala Solla. De feito, cinco dos integrantes son xubilados, e atopan neste grupo un grande estímulo: «fan memoria, móvense, e teñen que improvisar. Así a mente está activa, porque facemos un pouco de todo».

A pesar da enorme diferencia xeracional, e convivencia resulta excelente entre os compoñentes. "Todo o mundo máis ou menos fai o mesmo. Cada un coa súa bagaxe persoal, pero aínda que somos tan diferentes nunca chirriamos. A xente respétase moito, polo traballo de contacto que facemos previamente para comprendernos, e todo vai rodado. Tiñamos moitas ganas de volverW", asegura Solla, coa vista posta xa na estrea da nova obra e a vindeira xira.

Lúa Chea ou a 'teatro-terapia'
Comentarios
ç