Lúa Sálamo: "O DJ ten que estar atento ao público e gozar"

DJ, música e programadora. Hiperactiva e polifacética, é DJ en Karma, batería en Trompas de Farlopio, do equipo do Galegote e do Surfing. E o 13 pincha no Flop

20190704_GGARCIA_01-02
photo_camera Lúa Sálamo (Chantada, Lugo, 1986). GONZALO GARCÍA

Pechou o Flop Festival o ano pasado e ábreo este.

Si. É curioso. Pero sucedeu un pouco por casualidade. Teño moi boa relación co responsable do apartado musical, José "Malaguita". Pediumo e aquí estou. Serán sesións moi diferentes. Non é o mesmo pinchar ás doce da noite que ás doce da mañá. Teño moitas ganas de facer unha pinchada a esas horas do mediodía. Mólame. Vai ser un rollo tropical e máis tranquilo. Penso que para empezar a festa pode estar ben.

Non se pode empezar a meter tralla ás doce da mañá.

Exactamente. Tralla metémola o ano pasado na sesión da noite, pero a esas horas hai que pinchar dunha maneira máis tranquila.

Co Flop Festival, o 13 de xullo no Parque do Gafos, péchanse as actividades arredor do Orgullo LGTBIQ+ en Pontevedra.

O Flop é unha festa que a min me gusta moito. Está moi ben que en Pontevedra se aposte por facer cousas como esta ao aire libre. O bo que ten esta cidade é que hai propostas diferentes en espazos abertos ao todo o mundo. Por exemplo, o festival Surfing the Lérez está máis pensado para o que é a música rock e pop. O Flop, para a música electrónica. É interesante que haxa espazo para todos e que todos poidamos coñecer e compartir experiencias distintas. Ademais, no caso do Flop está especialmente guai que sexa un festival de música electrónica, porque segue habendo moitos prexuízos con ela. Levala a un espazo ao aire libre na que todo o mundo poida escoitala sen complexos está moi ben.

O Galegote é o meu festival favorito, racha cun montón de tópicos arredor da música que se fai en galego que maioritariamente se segue relacionando ou coa música tradicional ou co bravú, e hai moitísimo máis

Vostede comezou tocando en bandas punk como Los Televisores ou Le Cûl...

E sigo agora en Trompas de Farlopio [que está a punto de sacar o seu primeiro álbum].

Pero desenvolve tamén unha faceta como DJ Lúa Zalamera.

En realidade, eu sempre estiven rodeada de música por todos os lados. Na casa mesmo, por parte de miña avoa, de miña nai, de meu tío, que foi quen me levou cara a electrónica... Sendo moi nova xa poñía música nalgúns locais de Chantada. Cando aínda había CDs! Despois, comecei a participar nunhas festas que faciamos un grupiño de amigos, as Kittin Parties, que se foron expandindo e agora xa son minifestivais itinerantes. Ao final, pícache o "gusanillo" e acabas enganchándote.

Agora é DJ residente nunha das salas máis importante da cidade, Karma.

Si. Moito lle rompín a cabeza a Marcos [Rivas, o responsable do local], para que me deixara! (ri). Estou alí pinchando con DJ Sr. Fiúza e Granero DJ. Comecei en El Grunge, que ten un ambiente máis rock. Pero tiña moitas ganas de probar a música electrónica en Karma. E finalmente funcionou. Abrín a veda da zapatilla, como din eles (ri). Pouco a pouco viuse que había público e eu penso que está ben ofrecer cousas diferentes. Pero tamén sigo pinchando garage e punk en El Pequeño de vez en cando.

O dos DJ é un sector bastante masculinizado. Atopouse con prexuízos por ser unha moza?

A música en xeral é un sector bastante masculinizado. Eu non me atopei ningún prexuízo. Tiven bastante sorte con iso. O que fai falta é visibilidade. Iso si. Moita. Porque, se en certos ámbitos ser muller che supón un plus, noutros tes que demostrar moito máis.

No de DJ?

Pois no de DJ... Non o teño claro. Non sabería dicirche. Quizais o máis exacto sería dicir que é un ámbito complicado para as mulleres, aínda que cada vez menos. Nos carteis seguimos sendo minoría, pero iso pasa nos festivais de música electrónica e nos carteis dos festivais en xeral. Hai moito traballo que facer aí.

Que é o máis importante á hora de facer unha boa pinchada?

Hai varias cousas. Unha moi importante é estar atento ao público, a como vai reaccionando para intentar conectar con el. Despois é moi importante que o DJ tamén estea gozando. Se non, malo. É un rollo moi recíproco.

Forma parte do equipo que organiza os festivais Surfing the Lérez e Galegote. Non para.

Son experiencias xeniais, pero teñen moitísimo traballo detrás. No Surfing este ano a cantidade de xente chegou a sobrepasarnos un pouco. Pero sempre é unha gozada que o que fas teña tanto éxito. A min encántame funcionar como nexo entre as bandas e o público, cadralo todo para que as cousas funcionen. E o Galegote gústame especialmente. É o meu festival favorito. Porque racha cun montón de tópicos arredor da música que se fai en galego que maioritariamente se segue relacionando ou coa música tradicional ou co bravú. E hai moitísimo máis. Cousas marabillosas. O Galegote é de verdade moi chulo.

Di o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, que Pontevedra ferve musicalmente.

E ten razón. Viuse este ano co proxecto Cabos Soltos, que foi unha maratón de coidado de grupos tocando nunha chea de espazos e en todos había un montón de xente. Foi unha pasada. Demostrouse o que se move na cidade.

De todo o que fai como DJ, como membro dun grupo punk, como xestora e programadora... Con que parte se identifica máis?

Eu son todo iso. Non hai unha parte coa que me identifique máis. Unha cousa levoume a outra e están todas moi relacionadas. Incluso me gusta estar na barra poñendo copas, que tamén estou. E facer obradoiros para nenos co cineclub Pontevedra, que tamén os fago. E montar o festival Fich de Chantada, que tamén o monto.

Comentarios