Lucibela substituirá á artista Pongo no ciclo Con voz de muller

A compositora angolana suspendeu toda a súa xira europea e non poderá este sábado na Ferraría
Lucibela. INSTAGRAM
photo_camera Lucibela. INSTAGRAM

A artista angolana de kuduro, rap e pop Pongo, tomou a decisión de suspender toda a súa xira europea. Por mor desta acción, non poderá estar no ciclo Con voz de muller que se desenvolverá a partir do vindeiro sábado na praza da Ferraría, segundo acaba de informar o Concello de Pontevedra.

Co fin de manter o inicio desta serie de actuacións o mesmo sábado 6 de agosto, será a cantante Lucibela a que ilumine coa súa voz o escenario deste emblemático espazo.

Natural de Cabo Verde, a artista é definida como "unha brisa fresca que axita as flores da buganvilla e a crista das ondas", e logrou colocarse nos últimos anos como unha das principais voces novas do país de fala lusa. O seu primeiro álbum, Laço umbilical, é unha mostra perfecta da unión coa súa terra e un exemplo sobresaliente da súa capacidade vocal, ao tempo que explora os problemas que supón ser muller, caboverdiana e amar con sensualidade e graza.

DESDE LISBOA. Co fin de seguir medrando como artista, amais de atopar un equilibrio familiar e laboral, Lucibela reside dun tempo a esta parte en Lisboa. Na cidade portuguesa aprende e "non perde o seu toque», segundo ela mesma, onde de cando en vez aínda actúa nas prazas e nas rúas da capital, como facía na súa terra natal.

O ciclo Con voz de muller afondará no talento feminino, nacional e internacional, con Lucibela, Somdolila, o monólogo A Síndrome de Lis (de Rocío Barrio e Diana López Varela), Brassica Rapa, Guadi Galego, De Vacas e Ginebras; entre o 6 e o 10 de agosto. O ciclo inclúese dentro da programación do verán, allea ás Festas da Peregrina.

Comentarios