Luís Iglesia e Xosé Antonio Touriñán, fronte a fronte

Os dous actores galegos traen o ciclo 'Noites de Retranca', na súa faceta de monologuistas, ao Pazo da Cultura o sábado 8 de outubro (21.00 horas, con entradas entre 10,60 e 16,60 euros, ataquilla.com)

Luís Iglesia (Riotorto, Lugo, 1962), actor e dobrador, é un rostro habitual do cine e da televisión en Galicia. Entre os seus traballos figuran ‘Matalobos’, ‘Pazo de familia’ ou ‘Vilamor’

Humor galego. "O humor é como o idioma ou a xeografía, determina quen es. De feito, hai un par de cousas que só temos os galegos: a retranca e a morriña. Iso inventámolo nós. Non nolo quita ninguén. Porque non vas saír da morriña para rir a gargalladas. Aí quedou a retranca, unha medio risa ante a que acabas preguntándote se iso foi un chiste ou non o foi".

O que lle fai graza. "Eu supoño que o mesmo que ao común dos mortais. Faime moitísima graza o enxeño. E o humor dos nenos, esa especie de lóxica ‘apabullante’ súa. Aos adultos déixannos quedar moitas veces como parvos".

"Do máis difícil da miña carreira foi facer o Dicionario do ILG. Despois de dúas horas, o cerebro pedía papas"

Os límites do humor. "Eu son dos que pensan que o humor si ten límites. Igual que a liberdade. De feito, se a liberdade os ten, e xa no maio do 68 se dicía aquilo de a túa liberdade remata onde empeza a dos demais, por que o humor non habería de telos? Isto dígoo completamente en serio. Existe ese tópico de que o humor non ten cancelas, pero eu son dos que cren que as ten que ter. Non podemos facer un chiste de todo. Pódese facer humor de moito, de case todo, se me apuras, da vida, da morte, pero hai unha serie de cuestións relacionadas co respecto nas que para min non ten cabida".

Facer rir e facer chorar. "As dúas cousas son difíciles. Pero algo que descubrín despois de catro espectáculos tocando o humor é que ten un aquel de matemático: tes que formulalo antes, calculalo ben, non se pode limitar a unha sucesión de chistes, ten unha matemática interior. Eu penso que o humor é tan difícil como gratificante. No momento en que os chistes funcionan prodúcese como unha comuñón co público, que igual non se dá noutros xéneros fóra da comedia".

É é máis difícil facer rir, facer de Carmelo Matalobos, dobrar a Robert de Niro ou ler os vocablos do Dicionario de pronuncia da lingua galega para o Instituto Galego da Lingua (ILG)? "Sen dúbida ler as palabras para o dicionario, pero de longo. Quen me meteu nese lío foi Xosé Luís Regueira, o académico, que é amigo e veciño. Durante meses estiven poñéndolle escusas e insistíndolle en que había máis xente que podía o facer. "Por que non o facemos entre tres?". Non houbo maneira. Creo que foron entre 56.000 e 58.000 palabras lidas unha detrás doutra con ton neutro. Xúroche que cando levabamos 20 minutos xa nada tiña sentido. Non sabía nin o que estaba lendo. Fixemos unhas mil palabras por hora. Despois da segunda hora, o cerebro aburbullaba e pedía papas por todos os lados. Foi do máis difícil que fixen. Das cousas que enumeraches e case da miña carreira".

Xosé Antonio Touriñán: "A retranca fainos superiores"




A metade das Cantareiras de Ardebullo, o Puskas de Era visto ou o João Simões de Land Rober son algúns dos personaxes aos que dá vida Xosé Antonio Touriñán (Culleredo, A Coruña, 1980).

Experiencia en facer rir. "Debuto en Noites de Retranca, pero si, levo tempo intentando facer rir e parece que ás veces o vou conseguindo. Xa hai bastante xente que nos fai enfadar, case chorar. Faría falta máis xente facendo rir. Que digan que facer comedia é máis complicado que facer drama a min paréceme ben. Déixame en bo lugar. Tampouco vai andar tirando un pedras contra o seu propio tellado".

"A Roberto (Vilar) había que darlle unha medalla de ouro polo programa do outro día con Alberto Núñez Feijóo"

Pintar a mona con Feijóo. "Pintar a mona é o que dicimos que facemos no programa de Roberto Vilar. Non sei se exactamente será iso, a verdade, porque hai moita xente que pinta a mona e non fai rir. Vendo o éxito do programa, penso que non o facemos mal de todo. E se me preguntas por Feijóo... Non sei se seguimos falando de pintar a mona ou estamos cambiando de tema... A ver, a min pouco me tocou interactuar moito con el, pero penso que Roberto ten que estar moi orgulloso do programa que fixo. Para min hai que darlle unha medalla de ouro polo programa do outro día. Ao final, estamos facendo un espazo de humor. Tampouco se pode esquecer. Non é un programa nin de escarnio nin de análise política. Pódese ser máis duro ou menos, pero fai un espazo de entretemento, e eu creo que o fixo maxistralmente".

Os límites do humor. "Eu son dos que pensan que deberiamos rir de todo. Sei que hai momentos nos que ao mellor non apetece porque doe, pero todo se enfronta mellor e as feridas pechan antes".

O que lle fai graza. "A min faime rir moito Marcos Pereiro. Despois fanme rir cousas estrañas ou un pouco surrealistas, algo que quizais ten que ver con adicarte a isto. O humor máis negro ou levado ao límite. Gústame moito ese fío no que te moves intentando facer humor e a puntiño de fracasar".

Humor galego. "Si que temos un humor propio, diferente. Os galegos non temos que contar o chiste completo, non necesitamos que nolo expliquen, algo moi relacionado co dobre sentido da retranca. Iso non funciona en Madrid. É así. Dígocho en serio: no tema do humor somos superiores. Temos un sentido do humor superior ao resto. Defínenos claramente".

Comentarios