Luis Piedrahita e Miguel Lago virán cos seus últimos espectáculos a Pontevedra

Os dous monologuistas súmanse á programación humorística de Afundación, que inclúe a Faemino & Cansado e Pantomima Full

Miguel Lago
photo_camera Unha imaxe de promoción de Miguel Lago

O humor segue a marcar a programación cultural de Afundación para Pontevedra. Segundo se pode comprobar na web de venda de entradas da institución, ataquilla.com, os vindeiros meses estarán marcados polas actuacións de monologuistas como Luis Piedrahita ou Miguel Lago. As propostas de Afundación tamén inclúen o espectáculo Noites de estrelas. Todos eles súmanse ás xa anunciadas presenzas de Faemino e Cansado (21 de abril) e Pantomina Full (4 de maio).

O vigués Miguel Lago (El club de la comedia, Late Motiv, La Resistencia) actuará no Auditorio de Afundación o 27 de maio (20.00 horas; 15,60 e 17,60 euros). Virá á capital da provincia co seu último espectáculo, Miguel Lago pone orden, no que volve propoñer unha análise da actualidade dende o punto de vista dun personaxe conservador e provocador. "Si no me denuncian por este monólogo, yo ya no sé qué más hacer", ten sinalado o propio artista para promocionar o seu show.

Pola súa banda, o coruñés Luis Piedrahita estará en Pontevedra o 21 de setembro (21.00 horas; 15,08 e 18,09 euros). Presentará na cidade o seu show Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas. O guionista, mago, cineasta e humorista recompila nesta proposta algunhas das súas coñecidas reflexións arredor da vida cotiá.

Luis Piedrahita

NOITES DE ESTRELAS. Ás propostas de Lago e Piedrahita sumarase outro espectáculo de corte humorístico, Noite de estrelas. Trátase dunha montaxe que reúne enriba do escenario a algúns nomes populares do mundo da interpretación en Galicia. A Pontevedra virán o 9 de xuño (20.30 horas; 11,90 e 13,90 euros) Isi, Patricia Vázquez, Manuel Manquiña e Sergio Pazos. "Por primeira vez xuntos nun mesmo escenario, protagonizarán os catro monólogos máis agardados da temporada. O resultado será un vertixinoso espectáculo de hora e media de humor variado, arriscado e entrañable, onde a improvisación,o xogo co público e a ironía xogarán un papel importante", explican os promotores.

Ademais, Noites de estrelas contará coa colaboración do grupo The Funkles, que abrirá e pechará o espectáculo. "Trátase dunha banda tributo a The Beatles e aos ritmos funk, soul e jazz, que a levaron a ter un universo sonoro único, que sorprende e fascina a todo o que os escoita. A traxectoria de The Funkles foi meteórica, participando en varios festivais nacionais e internacionais, o que a levou a actuar en países como Rusia, Inglaterra, Portugal ou Finlandia".

Fóra da programación de Afundación, Pontevedra acollerá o outro gran espectáculo galego de humor deste ano, Somos criminais, protagonizado por Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán. Neste caso será o 2 de xuño (con funcións ás 20.30 e ás 23.00 horas) cando se poida ver esta exitosa estrea, que esgota as entradas alá por onde vai, no Pazo da Cultura. Como no resto das localidades que visita, Somos criminais esgotou aquí as localidades pouco despois de poñerse á venda.

MÚSICA. Tributo a Beyoncé

Beyoncé

Se algo marca a pauta da programación de Afundación, á parte do humor, é a aposta polas bandas tributo e os espectáculos de homenaxe a grupos como The Beatles e artistas como Michael Jackson.

No que resta de programación, a este último está adicado o xa anunciado Michael's Legacy (27 de abril). A el únese agora Single Ladies, un show tributo a Beyoncé, que protagoniza María Badel e que se poderá ver o 16 de xuño (21.30 horas; 19,60 e 26,60 euros).

Comentarios