jueves. 19.09.2019 |
El tiempo
jueves. 19.09.2019
El tiempo

LUÍS REI, AUTOR DE 'RAFAEL DIESTE. O LIBRE PENSAMENTO'

"Con Dieste, a novela era a vida"

O escritor e xornalista Luís Rei, en Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
O escritor e xornalista Luís Rei, en Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Luís Rei repite con Rafael Dieste. O autor, que en principio ía revisar unha biografía de 1987, acabou facendo un libro novo sobre o que considera un referente ético e literario. Di que Dieste era libre, era bo e era un escritor total. Este luns presenta o seu título en Pontevedra

"Escribir, para que a auga envelenada poida beberse". É a cita da poeta Chantal Maillard coa que Luís Rei (A Coruña, 1958) remata Rafael Dieste. O libre pensamento (Xerais, 2019), a biografía do autor rianxeiro que vén de publicar. "Hai quen di que o Ulises, de Joyce, é a máis entretida das novelas difíciles e a máis difícil das novelas entretidas. Na escrita, independentemente de que un sexa un autor preocupado pola mínima cortesía de resultarlle ao lector de fácil lectura, independentemente da claridade ou da escuridade do texto, o que debe primar é o valor. O que debe emerxer cando un conseguiu afondar na alma humana, na súa propia e na dos demais, é que a literatura sirva para construír un mundo moralmente máis habitable", comenta ao respecto da cita de Maillard. O candidato de Marea Pontevedra á Alcaldía aparca a súa faceta política para falar do seu último traballo literario, un texto no que volve á non ficción para honrar a un dos seus referentes.

Vostede xa escribira unha biografía de Rafael Dieste en 1987.
Xa choveu. Daquela fixen unha primeira achega biográfica á figura de Rafael Dieste, ao que coñecera e admirara. E agora, noutro momento como aquel sen novela, quixen ampliar aquela biografía, revisala á luz de datos que foron emerxendo transcorridas máis de tres décadas, pero acabei escribindo un texto totalmente novo. Aínda así, no retrato final sae un Rafael Dieste moi parecido.

Como di, coñeceuno en persoa. Como chegou ao autor?
Nos tres anos finais da súa vida, tivo a ben, cando me acheguei a el coa escusa de que apadriñase unha revista literaria que facía un grupo de xente da miña xeración, que se chamou Bonaval e da que só saíu un número, recibirme moitos sábados polas mañás para falar. Basicamente el falaba e eu escoitaba.

De que falaban?
Falabamos de literatura e do devir histórico do país. Eran os anos 1979, 1980 e 1981, xusto despois da restauración democrática en España, nos que moitos de nós volvemos os ollos á República, ese momento anterior de intento entusiasmado de construír unha sociedade moderna. Todo iso, Rafael Dieste viviuno de primeira man. Coñeceu o nacemento dun xornalismo novo en Galicia, en El Pueblo Gallego de Vigo; coñeceu directamente o que era a República en Madrid; coñeceu a Guerra Civil, cando se puxo ao servizo da legalidade; coñeceu a experiencia do exilio, que para el e a súa compañeira dende 1934, Carmen Muñoz, supón máis de dúas décadas instalados en Bos Aires; e coñeceu a experiencia universitaria a través de Cambridge, onde foi lector durante dous cursos, e a través de Monterrey, onde foi mestre de lingua e literatura tamén durante dous cursos. Todo isto fai da súa unha vida moi vistosa. A tentación que podía ter, que tiven con outras figuras no seu momento, de novelar a partir de feitos reais, non existíu. Aquí, a vida é a novela.

É evidente a admiración que lle profesa a Dieste. Escribiulle a biografía a un mestre?
Eu creo que si. Non é que a súa sexa unha obra rocosa, que teña unha ambición de totalidade como podían ter Dickens ou Tolstoi ou Galdós ou Eça de Queirós. É outro tipo de escritor. O que achega el é o toque. E nese toque era un mestre.

Destaca del a súa liberdade. Tamén a súa bondade, a vida sen tacha. Non tivo medo de acabar idealizando en exceso ao personaxe?
Esta é unha biografía, non unha haxiografía. Pero é certo que o seu modelo de conduta durante toda a vida foi o dun home bondadoso e desinteresado. Que non é o común iso? Debería. Neste sentido, podo recoñecer que esta é unha aproximación de parte. Se queres, é un eloxio desmedido, pero aseguro que o é dende a máxima obxectividade. Era un ser libre. Érao mesmo escribindo e por iso ocupou as catro esquinas da mesa: fixo poesía, fixo teatro, fixo narrativa e fixo pensamento. Aínda así, foille insuficiente e por iso son tan importantes as súas contribucións ao eido da xeometría e das matemáticas, por exemplo. Como foi libre, dispersouse en todo aquilo que espertaba a súa curiosidade. E tamén foi libre porque escribiu en galego e en castelán, porque foi galeguista de primeira hora, pero tamén foi federalista e marxista... Moveuse en fronteiras, espazos nos que é máis sinxelo que emerxa o pensamento libre. Dicíao Carlos Oroza: "Dejad que el trigo crezca en las fronteras". O trigo de Rafael Dieste nacía nas fronteiras.

Escritor total.
Eu creo que si. Deixou unha obra importante en distintos xéneros. Despois, onde se autorretratou mellorfoi na súa narrativa curta, tanto nos contos de Os arquivos do trasno como en Historias e invenciones del Félix Muriel.

É a de Rafael Dieste unha figura a reivindicar?
Tivo un momento no que pasou ao limbo, dende que morre no ano 1981 ata que lle adican o Día das Letras Galegas en 1995. Ese ano é certo que moita xente volve os ollos á súa figura. E despois regresa á unha zona de penumbra da que non dá saído. Agardo contribuír con este libro a iluminar esta figura ata o punto de que acabe ocupando o lugar que merece e que lle corresponde.

O señor Lugrís e a negra sombra, O encargo do señor Castelao e agora Rafael Dieste. O libre pensamento. Está construíndo de xeito intencionado unha colección de libros en homenaxe aos autores que lle gustan?
E hai catro ou cinco anos fixen unha tradución de Catro a catro, o gran libro de Manuel Antonio. Pero podemos ir máis lonxe. En momentos distintos, porque son de xeracións distintas, Castelao, Dieste e Manuel Antonio coincidiron na mesma rúa de Rianxo, a Rúa de Abaixo. As súas son casas separadas apenas por uns pasos. Así que fixen a troika rianxeira. Pero non só me atraeron as figuras destes homes, senón tamén a de Luz Pozo, por exemplo, en quen está inspirada en gran parte a miña novela Toda a vida.

"Con Dieste, a novela era a vida"
Comentarios