Luís Rei: "Os escritores somos axentes do servizo secreto da propia conciencia"

"Trátase de coñecer a verdade a fondo para logo mentir a gusto". Así funciona a escrita para Luís Rei, que na súa última novela, Matarán a Reboiras, volve xogar, como xa fixo en boa parte da súa obra narrativa, coa mestura que resulta entre a ficción e a non ficción
 
Luís Rei, nas escaleiras de Villa Pilar, onde está o Espazo Nemonon. RAFA FARIÑA
photo_camera Luís Rei, nas escaleiras de Villa Pilar, onde está o Espazo Nemonon. RAFA FARIÑA

Cunha cita de Henry David Thoreau abre Luís Rei (A Coruña, 1958) a súa última novela, Matarán a Reboiras (Xerais, 2022): "Escribir unha verdadeira obra de ficción supón tomar certas liberdades para describir con máis exactitude como son as cousas". O escritor, afincado en Pontevedra, contesta, a través do correo electrónico, como se xestou esta obra, canto traballo de documentación ten detrás e se considera que esta é a súa obra máis política.

Como coñece a Moncho Reboiras e por que decide convertelo na peza central desta novela que entrelaza tempos e espazos?
Como responsable, e logo mártir desa causa, Reboiras era a referencia icónica da aposta que nos primeiros anos 70 levou á creación no seo da UPG dun destacamento armado, en contacto coa ETA, aínda que con ingredientes singulares. A miña idea de partida nesta novela era contar iso desde as licenzas do literario. Aí estaban os datos e eu ía formular daquela o libro como o que poderíamos denominar un episodio nacional; nesa liña que ten cultivadores tan ilustres como Pérez Galdós, Max Aub e Almudena Grandes. Só que a propia escrita me pediu ampliar o foco, que xa non ía limitarse á cacería de Reboiras pola policía franquista, no verán ferrolán de 1975. Esa ampliación fixo aparecer acontecementos coma a folga en Bazán, de tres anos antes, e a loita contra a planta de gas, de tres décadas despois. É dicir, mantendo Ferrol como principal escenario, o que era un «episodio» converteuse en varios. Reboiras seguiu no título porque ao longo da escrita e alén das varias tramas é unha referencia permanente do libro, que non é un tratado de historia nin un texto político, senón unha humilde novela que ten como principal propósito poñer ante o lector un espello no que poida verse mentres se entretén.

A denuncia do caciquismo ou da manipulación non van deixar de seguir acompañándome no que poida facer no futuro, pero probablemente con moito menor peso. Se cadra porque un, ao ir facendo anos, ten unha relación máis pacífica co desencanto.  

É unha novela con moito traballo de documentación detrás? A descrición do Ferrol dos anos 70 ten una especial relevancia.
A escrita é o resultado de moitos momentos. Está o tempo da chispa, o que Joyce en expresión que fixo fortuna chamaba epifanías. Está o longo incubar diso, ata que o preside unha idea, que no maxín do autor sempre é redonda. E está a fase de acopio, para min a máis gozosa. Buscar testemuños orais de moitos dos protagonistas maiores e menores daquel tempo, revisar as achegas dos non poucos especialistas na historia do movemento obreiro galego e do mundo nacionalista, visitar hemerotecas, recoller documentos, fotos, cartas, etcétera. Trátase de coñecer a verdade a fondo para logo mentir a gusto... Sabendo, Saramago dixit, que a escrita é unha viaxe á imperfección, posto que o resultado final, mesmo despois do reescribir, ou do que Dieste denominadba desescribir, nunca vai acadar aquela idea inicial perfecta. 

Por veces esta é unha novela-denuncia. Retrátase a corrupción, a manipulación, a cobiza... O pensamento político (hoxe en segundo plano  na súa vida) está máis presente que nunca nesta obra do Luís Rei escritor?
Dixen antes que non é un tratado de historia, aínda que hai feitos e personaxes que xa están na historia, nin tampouco non un texto político, aínda que os episodios relatados xiran en gran medida arredor da loita política, que si está moi presente. O que non sei é se é a miña novela máis política, xa que aí está, precedéndoa, O encargo do señor Castelao. En todo caso, teño a sensación de que a denuncia do caciquismo ou da manipulación non van deixar de seguir acompañándome no que poida facer no futuro, pero probablemente con moito menor peso. Se cadra porque un, ao ir facendo anos, ten unha relación máis pacífica co desencanto.  

A TVG leva demasiados anos servindo case só como altofalante gobernamental e cuns informativos tan manipulados que son un insulto á intelixencia. Aínda que haxa remuda na Xunta, se a lei non se cambia, só se transformará nun altofalante doutros.

Fala da manipulación política da Televisión de Galicia, o medio no que traballou. Sufriuna vostede directamente? Segue habendo manipulación na canle pública? Que pensa da iniciativa dos propios traballadores ‘Defende a Galega’?
Falamos dunha empresa que se sostén basicamente dos cartos de todos, a través dos orzamentos da Xunta, e que por tanto debera servir a todos. Iso só se pode facer cabalmente desde o pluralismo, algo que debería estar no ADN dunha sociedade san e moderna. En cambio, a TVG leva demasiados anos servindo case só como altofalante gobernamental por obra e graza dunha liña e duns informativos tan manipulados que son un insulto á intelixencia. Os traballadores promoveron no seu momento unha Iniciativa Lexislativa Popular, co propósito de cambiar a lei e garantir a liberdade, pero iso desvirtuouse, e agora queda a denuncia do ‘Defende a Galega’. Só que, aínda que haxa remuda na Xunta, se a lei non se cambia é moi difícil que iso se corrixa. O que máis ben pode suceder é que a empresa se transforme nun altofalante doutros. Abonda con ver como obran agora nas deputacións os que antes predicaban a súa desaparición como niños de clientelismo.

Canto hai de verdade nesta novela? Parece atoparse especialmente cómodo (Toda a vida, O señor Lugrís e a negra sombra...) neste espazo narrativo a medio camiño entre a ficción e a non ficción.
É unha viaxe de ida e volta ao real. Xúntanse personaxes que saen co seu DNI, reflectidos no espello ao longo do camiño que dicía Stendhal, e outros sometidos por medio da invención a alteracións que son un aviso aos lectores: permanezan atentos! A min práceme ese lugar en que a non ficción lle pide matrimonio á ficción, ou viceversa. Fíxeno coa historia de apaixonado amor clandestino dunha poeta de noso, coa bohemia nihilista de Lugrís e a pléiade de inadaptados que o rodeaban, ou coas ansias de vinganza xusticeira en que unín os destinos de Castelao e o dirixente comunista Xosé Gómez Gayoso. No fondo, os escritores somos axentes do servizo secreto da propia conciencia... con licenza para impugnar. E para mentir. 


A PRESENTACIÓN
Teresa Táboas, Luís Rei e María Varela, este martes, no Espazo Nemonon. RAFA FARIÑA
Teresa Táboas, Luís Rei e María Varela, este martes, no Espazo Nemonon. RAFA FARIÑA
Luís Rei presentou este martes en Pontevedra a súa nova novela, acompañado pola xornalista María Varela e pola arquitecta Teresa Táboas. O acto tivo lugar no Espazo Nemonon, que xestiona o arquitecto Mauro Lomba. Matarán a Reboiras é a novela número doce deste autor, que tamén ten publicado sete libros de poemas e cinco ensaios. Gañador dos premios Xerais, da Crítica e Blanco Amor, entre outros, coordina dende hai 20 anos a colección de poesía Tambo.