Luís Tosar y Yolanda Castaño, contra el feminicidio en la India

A axenda de eventos do 2011 comezou xa a súa conta atrás e para este domingo, día 9 de xaneiro, hai marcada, para quen desexe acudir, unha cita coa cultura galega e coa solidariedade. A sexta edición do festival Implícate, cuxos beneficios irán parar á organización non gubernamental Implicadas no Desenvolvemento, entrega unha vez máis a batuta ao actor Luís Tosar e á poeta Yolanda Castaño para conducir unha gala que mesturará o teatro, a danza, a literatura e a música coa explicación dos proxectos que a mencionada entidade está a desenvolver a día de hoxe. Son catro en total, repartidos a partes iguais entre a India e Etiopía.

Así, o espectáculo dará comezo ás oito e media do serán e durará unhas dúas horas. Será no Teatro Principal de Santiago, e terá un prezo de 12 euros (8 para estudantes e 5 se quen paga a entrada quere sentar na fila 'pantasma' dos que non poden asistir pero desexan facer a súa aportación á causa). Os cartos recadados irán destinados a loitar contra o infanticidio feminino no sur da India onde, segundo os datos que manexa a organización encabezada pola escritora María Reimóndez, cada ano morren ou deixan de nacer 200 nenas.


O PROGRAMA: ARTE Á ESCOLLA


MÚSICA
-Leilía
-Som do galpóm
-Wöyza

DANZA
-Centro Coreográfico Galego

TEATRO
-Life is a paripé con Iolanda Muíños, César Goldi e Mos
-Quico Cadaval

LITERATURA
-Ánxela Gracián
-Lino Braxe
-Marica Campo
-Séchu Sende

Comentarios