'Uxío Novoneyra. Últimas paisaxes', la voz del poeta de O Courel

A figura do bardo do Courel, Uxío Novoneyra, converteuse no centro de atención dous días despois das Letras Galegas da man de prestixiosos intérpretes da escena galega, coma Mabel Rivera ou Rebeca Montero, de Lino Braxe, de Rómulo Sanjurjo e da Deputación de Lugo. O Pazo de San Marcos vén de acoller un recital que quedou rexistrado no cedé Uxío Novoneyra. Últimas paisaxes, unha maqueta que reúne diversas testemuñas do autor na voz daqueles que na vida do poeta contaron coa súa aprobación para recitar os seus versos.

O documento inclúe doce dos seus poemas máis significativos, desde 'Libertá' a 'Vietnam Canto' ou desde 'O corvo nuclear' a 'O lobo', que son recitados polo propio poeta e que foron recuperados do arquivo sonoro de RNE en Galicia, emisora que colaborou nesta homenaxe ao courelao. Así mesmo, na maqueta tamén se poden atopar dúas pezas para soprano e piano compostas polo falecido compositor Manuel Balboa sobre os poemas 'Os Eidos', obra capital do poeta.

No acto, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, destacou a firme labor de Novoneyra en defensa do galego. "El mesmo dicía que o galego era a forza do noso amor", lembrou o socialista, palabras ás que engadiu o seu convencemento de que "el sería un máis dos galegos que o luns estivemos en Santiago polo noso idioma".

Na mesma liña, Besteiro mostrou a súa satisfacción á hora de colaborar con proxectos coma este, "nos que se pon en valor a nosa provincia e a riqueza que temos desde diferentes perspectivas". O Goberno provincial lucense xa colaborou anos atrás na publicación de 'Muller pra lonxe. Gran Lugo e Nebra nº1', de Novoneyra. "Por iso, cando se nos trasladou a idea de traballar con RNE para elaborar o cedé non o dubidamos desde o minuto un", subliñou.

Ao fío, e no nome dos lucenses, agradeceu á Real Academia Galega a designación do poeta do Courel como homenaxeado no Día das Letras. "Este ano todos os galegos debémonos sentir premiados coa decisión de distinguir a un poeta que soubo dar unha imaxe de provincia no mesmo ano no que celebramos o décimo aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade. A satisfacción é dobre".

Comentarios