sábado. 23.01.2021 |
El tiempo
sábado. 23.01.2021
El tiempo

En O Bierzo quieren gallego

Estudar galego. Esa sinxela razón foi a que trouxo até Santiago a 153 alumnos de primaria e secundaria do Bierzo, que chegaron este luns á comunidade para pasar unos días en contacto coa realidade cultural e lingüística de Galicia. Estos novos aprendices de galego, 69 de primaria e 84 de secundaria, están acompañados por 11 profesores.

Os centros de Castela e León que participan nesta viaxe son o CIP Jimena Muñiz, o CP Lorenzo de Brindis, o CP Compostilla, o CP Jesús Maestro, o CEIP Valentín García Yebra, o CRA Puente Domingo Flórez, o CRA Carucedo, o CEIP San Ildefonso, o CEIP Virgen del Carmen, o IES Bergidum Flavium, o IES Virgen de la Encina e o IES Padre Sarmiento.

Durante a súa estadía, que se extenderá até o mércores, o alumnado poderá gozar dun completo progama de actividades, que inclúe visitas aos principais puntos de interese da zona vella compostelana, á Cidade da Cultura ou ao Aquavisión do Grove. Na capital galega, os rapaces tamén terán ocasión de percorrer un pequeno tramo do Camiño de Santiago e visitar a exposición 'Galicia Dixital'. Asimesmo, visitarán a Mariña lucense e terán a oportunidade de coñecer o funcionamento das bateas na Ría de Arousa, entre outras iniciativas.

Os principais obxectivos deste proxecto son achegar a cultura mais a lingua da comunidade aos mozos das zonas de fala galega de León e Zamora, promover o uso e contacto directo co idioma e dar a coñecer diferentes mostras do patrimonio xeográfico e cultural galego. Outro dos puntos fortes é o interese en potenciar o intercambio de alumnos entre ambas comunidades. Por elo, tamén se preparou unha pequena xornada de irmandamento con alumnos do municipio de Curtis, na provincia da Coruña.

Este programa educativo, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten xa unha traxectoria de máis de dez años e encádrase nun protocolo de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León, para fomentar o uso do galego nas zonas limítrofes da comunidade veciña, nas provincias de León e Zamora.

Entre outras axudas, a Xunta faise cargo do envío anual de varios lotes de libros e material didáctico de todo tipo, como complemento para esta aprendizaxe. E semella que o esforzo está a valer a pena. Estes 153 rapaces son a mellor proba. Un deles, Álvaro Martínez, déixao claro: "Estudio gallego porque es el idioma de nuestro país".

Un programa consolidado
O encargado de recibir a estes alumnos e explicarles o que van facer durante estes días foi o subdirector xeral de Política Lingüística, Xoán Rivas. O responsable autonómico non dubidou en felicitar a estes mozos pola decisión que teñen tomado. "Merecedes esta viaxe, porque sodes un exemplo de que querendo e falando a nosa lingua é como se mantén viva", comentou dirixíndose a eles.

E é que a satisfacción da Administración galega co programa de aprendizaxe de galego instaurado nas zonas limítrofes de Castela e León non podería ser maior. De feito, neste momento hai máis de 1.000 alumnos de galego no Bierzo e Sanabria, participando en actividades de "dinamización e interacción cultural e lingüística". Así, "temos moito interese en seguir mantendo este programa", destacaba Rivas, xa que axuda a "fomentar o galego alén das nosas fronteiras".

O representante tamén alabou o papel que está a xogar a Junta de Castilla y León na consolidación deste programa, comentando que "a relación con eles é moi boa". A alegría de Xoán Rivas é ainda maior se falamos do número de alumnos. "A presenza de estudiantes é equilibrada, non estamos perdendo nenos e, incluso, cada vez incorpóranse máis alumnos", subliña.

Aprendices de galego
Héctor Gallego é un dos estudiantes do Bierzo que chegaron a Santiago para seguir aprendendo galego. Ten claros os seus motivos para terse iniciado nesta lingua. Para el resulta sinxelo. "Me gusta el gallego", dice. Ademais, ten tradición familiar. "Algunos de mis familiares lo hablan, sobre todo mis abuelos", explica este estudiante.

Silvia é unha das máis novas do grupo. Para ela, estudiar galego é algo tan natural como para o resto dos seus compañeiros. "Lo estudio porque me gusta", explica de forma clara e directa. Silvia tamén forma parte do grupo que ten familiares de fala galega: "os meus pais e os meus avós fálano", explica cambiando de idioma de forma natural.

Pablo Pérez amósase moi concienciado cos seus estudios de galego. "Paréceme moi importante que o estudemos e manteñamos", di falando galego de maneira solta. Pablo tamén ten familiares que o falan, polo que tampouco resulta algo novo para él. "Os meus avós fálano", comenta.

Natalia Fernández tamén se amosa contenta de estar estudando galego, un idioma que lle gusta. Ademais, recoñece que a principal razón para terse iniciado neste idioma foi de carácter práctico. "Era la mejor alternativa, sino tenía que escoger cultura berciana", confesa a estudante.

En O Bierzo quieren gallego
Comentarios