Máis dun milleiro de persoas participaron na primeira parte de Noites Abertas

As actividades contaron cada fin de semana cunha media de 266 participantes, segundo o Concello de Pontevedra ▶ Entre as propostas de máis éxito están o obradoiro de elaboración de doces veganos e o espazo xestionado polo alumnado do IES Valle-Inclán A lámpada marabillosa
Unha actividade da edición deste ano de Noites Abertas. RAFA FARIÑA
photo_camera Unha actividade da edición deste ano de Noites Abertas. RAFA FARIÑA

Confírmase a volta á normalidade en Noites Abertas. Dío o Concello de Pontevedra. A programación de ocio alternativo para a mocidade, que promove o a Concellería de Xuventude cada fin de semana (dende hai 23 anos), "logrou acadar esa normalidade que tanto botaba en falta". Na primeira parte da iniciativa municipal, desenvolvida dende o 11 de marzo ata agora, participaron un milleiro de persoas. Concretamente 1.066 (máis 53 como público), segundo o balance que facilitou o Concello.

"O programa entrará logo das vacacións de Semana Santa na súa segunda fase e agardamos que non só manteña o ritmo, senón que aumente", sinalou o concelleiro Alberto Oubiña, en palabras facilitadas polo departamento de Xuventude. 

Segundo o balance facilitado, o 90% dos participantes nas actividades tiñan entre 12 e 25 anos: 541 mozos e 525 mozas. Cada fin de semana, de media, Noites Abertas logrou congregar a 266,5 persoas participando de xeito activo nalgunha das súas actividades.

Dentro das propostas que máis éxito tiveron (incluso con listaxe de espera) están o obradoiro de elaboración de doces veganos, a proposta do alumnado do IES Valle-Inclán A lámpada marabillosa (espazo de relax e improvisación xestionado polos estudantes), o obradoiro de escritura creativa e ilustración, o de bordado mexicano, o de personalización de totebags, o de xoiería con resina vexetal, o de eco-estampación, o de encadernación, o bádminton libre e o de origami-colares.

Outras actividades de moito éxito (que completaron cabida pero non deixaron persoas fóra) foron as de batería, baile galego, xadrez e xogos de mesa non convencionais.

PREVENCIÓN DE DROGAS. Só tres actividades tiveron que ser canceladas con antelación: origami, defensa persoal e sexualidade. En dous dos casos, por ter covid os monitores. Noutro, por non se apuntar persoas suficientes. A actividade específica do Plan de Prevención de Drogas contou con oito persoas na súa primeira sesión.

"Queremos destacar unha das actividades deste ano: A lámpada marabillosa, ese espazo de socialización e esparexemento que habilitamos na Casa Azul e que non ten unha finalidade concreta, máis aló de permitir a xuntanza, a conversa ou o xogo libre", sinala tamén Oubiña. «Está resultando unha experiencia moi positiva, cunha concorrencia constante de participantes que buscan relacionarse, pasar un anaco agradábel ou coñecer outros mozas e mozas coma eles. É unha actividade importante, porque alén da vixilancia que hai, con monitores presentes, non é algo dirixido, é un espazo onde é a rapaza a que se expresa e fai o que considera, recuperando esa socialización que a pandemia restrinxiu e limitou". Segundo os datos facilitados polo Concello, nesta proposta comezaron participando ata 46 persoas (11 de marzo), se ben o número variou nas fins de semana posteriores entre as 19 e as 41.

A programación de Noites Abertas, gratuíta, de acceso libre e dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos, prolóngase ata o 14 de maio. Toda a información das actividades pode consultarse na súa páxina de Facebook.