Maneiro: "Este disco foi premonitorio, xa me gustaría que alguén mo explicase"

"Personaxe e cantante de Heredeiros da Crus", Maneiro despréndese do Javi para levar ao escenario as novas composicións de Un bonito despertar. Escritas antes do accidente cerebrovascular que sufriu en 2022, reflicten fielmente o cambio de vida que lle pedía o corpo e poderán escoitarse este sábado no Teatro Principal

20240227_Ggarcia_050 (1)
photo_camera Javi Maneiro, á dereita, este martes en Pontevedra co guitarrista e arreglista Rubén Cores. GONZALO GARCÍA

Javi Maneiro (A Pobra do Caramiñal, 1973), veciño de Ribeira desde hai 25 anos, vocalista de Heredeiros da Crus e Jabón Blue, presentará este sábado, 2 de marzo, o seu cuarto disco en solitario, Un bonito despertar, no Teatro Principal de Pontevedra. As entradas anticipadas están á venda na plataforma ataquilla.com. É o concerto co que remata esta xira por teatros e salas pequenas de sete localidades galegas. Coincide, ademais, co décimo aniversario da súa carreira en solitario e supón o seu regreso aos escenarios despois do accidente cerebrovascular que sufriu en agosto de 2022, en pleno escenario na xira do 30 aniversario de Heredeiros, e que o puxo ao borde da morte. Este martes estivo en Pontevedra, acompañado de Rubén Cores, guitarrista e arreglista deste álbum.

Títulos como Un bonito despertar ou A morte non me enjaña e letras como Ninguén escapa vivo desta vida, hai que vivila... Parece evidente a influencia dese accidente nas letras, pero resulta que xa o tiña escrito previamente. Como se explica isto?
Asusta. Xa me gustaría que alguén mo explicase a min. Foi un disco premonitorio. A miña idea era gravar un disco para celebrar os 30 anos da miña carreira, porque Heredeiros non tiñan pensado gravar nada novo. Apetecíame recuperar o galego e volver ás raíces. Nas vacacións da fábrica [compaxinaba a música cun traballo nunha conserveira] empecei a escribir. Fíxeno nun Nadal, nunca tan rápido fixen un disco. En marzo empezamos a gravar e Rubén estivo cos arreglos durante a xira de Heredeiros. A idea era seguir gravando as voces e rematar o traballo de cara ao Nadal. E xa nada. Cando cheguei á casa, despois de todo o que pasou, unha amiga díxome: Sabes que todo o que escribiches che pasou? Foi unha premonición absoluta. Precisabas un cambio e foi o corpo o que te fixo parar.

Supúxolle un cambio de vida?
Hai un vello ao lado da casa que di Primero la salud, después siempre la plata. Que razón ten o vello.Deixei de fumar, obrigatoriamente; volvín facer deporte e baixei un par de puntos no acelerador. Non podo traballar na fábrica por agora e céntrome na música.

Un bonito despertar son dez cancións pop-rock en galego. Que conta neste disco?
Vendo o que me pasou, fiándoo todo, creo que igual que para min, significa un cambio na vida. Mirar cara o interior e ver se conseguiches o que querías cando eras neno, se es feliz no traballo, a gusto coa túa parella... Hai momentos na vida nos que un empeza a preguntarse unha chea de cousas. Se a resposta é un non... O cambio de vida é importante para a saúde, sobre todo para mental, a grande enfermedade deste século. Hai que coidarse a un mesmo. Fixéronme unha chea de probas para ver por que me pasara iso e deduciron que era da enfermidade que hai agora, estrés e sobreesforzo. Traballar demasiado. E gañar pouco.

Despois dun primeiro concerto en 2023, nesta xira é cando está recibindo directamente a resposta do público. Este de Pontevedra é o último da xira. Que balance fai?
Pois a dificultade de dar a coñecer un traballo. Para min quizais un pouco máis difícil. Eu son Javi Maneiro, personaxe e cantante de Heredeiros da Crus, e eu quero quitarlle o Javi, que a xente quede con Maneiro e escoite á persoa. Estame costando, hai que picar moita pedra, saír a tocar, gañar o público pouco a pouco e a única maneira de que tropecen contigo é estando aí.

Estame costando, hai que gañar o público pouco a pouco e a única maneira de que tropecen contigo é estando aí"

E despois?
A semana seguinte sae o videoclip oficial de Un bonito despertar, logo intentaremos facer un par de cancións en acústico invitando a xente amiga, algunha canción nova máis e despois os concertos de verán, que saíron desta xira. Nese sentido foi un éxito.

20240227_Ggarcia_047
Rubén Cores e Javi Maneiro, este martes en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Traballo en solitario, pero moi ben acompañado no escenario.
O equipo de traballo é importantísimo. Primeiro, que sexan boas persoas, e logo bos músicos. Teño esa sorte por todos os lados, empezando con Rubén, co que empecei con todo isto para redirixir a miña carreira. Está Manu Rey á batería, Pachi Cruz ao baixo, Iria Iglesias aos teclados e Fernando Calvo ás guitarras. E Fran Gude como produtor, cunha traxectoria incrible. Nesta xira tamén colabora a Xunta de Galicia, sen eles non poderiamos facela, e Toxo Telecom, unha empresa de telefonía de Ribeira.

A mesma que se viralizou coas Tanxugueiras no Benidorm Fest.
Si. Está apoiando moito a música en galego. O novo videoclip está todo producido por eles. 

Que se poderá ver no concerto?
Irán cancións novas e outras da época de Jabón Blue e da miña época en solitario. Todas pasadas pola man de Rubén Cores para que vaian na mesma onda.

Había tempo que non escribía e estaba fodido por ter que cantar o que non sentía; tivéronme que levar ao estremo de rebentarme unha vea na cabeza para darme conta"

En Jabón Blue apostou polo castelán, agora volve ao galego, con gheada e seseo. Volta aos inicios?
Escribín Corasón de carballo para Jabón Blue, pero xusto o deixamos e volveu Heredeiros, pero por letra, por melodía e por temática non entraba na súa filosofía. Gravámola, pero tardouse en tocar en  directo un ano e medio e collín un mosqueo considerable con eles. Non tiña capacidade de escribir como 20 anos atrás nin quería ser un problema. Pero chegaron os chavales de Cadrechiñ@s, do meu cole [o CEP Pilar Maestú, da Pobra], e pedíronme que lles fixera o himno. Concretamente foi a ex muller de Tonhito de Poi a que mo pediu. Tiña que ser en galego e cunha mensaxe de igualdade, de esforzo... e saíume rapidísimo. Encantoulles aos profes, aos nenos e aos pais, e fixeron esforzo para gravala ben, con Iago Pico en Pouland Estudios. Aí foi cando decidín facer o disco en galego. E saíume rapidísimo.

Tiña o disco aí dentro, esperando saír.
Imaxino que dentro de min había ganas dun cambio radical. Había tempo que non escribía e estaba fodido por ter que cantar cousas que non sentía. E son cabezón. Tivéronme que levar ao estremo de rebentarme unha vena na cabeza para darme conta. Sucedeu e aquí estou cunhas ganas incribles de seguir escribindo e ver a cara da xente cando tocamos en directo. Hai moitísima intensidade e hai verdade no que se está cantando.

Fin de xira no Teatro Principal

O Teatro Principal acollerá este sábado, 2 de marzo, ás 20.00 horas, o concerto co que Maneiro pechará esta xira que o levou por pequenas salas e teatros de Boiro, Ourense, A Coruña, Lugo, Vigo e Ferrol. En Santiago estreara o disco en 2023, na súa volta á escena tralo accidente cerebrovascular sufrido no verán de 2022.

As entradas anticipadas están á venda na plataforma ataquilla.com a dez euros máis gastos.

No escenario, coa súa banda, presentará as súas novas cancións, incluídas no álbum Un bonito despertar, entre outros temas.

Comentarios