Mantelos e polainas nunha pasarela tradicional

O Pazo Provincial da Deputación acolleu onte un desfile de traxes tradicionais galegos para poñelos en valor e reivindicalos como un elemento máis do patrimonio inmaterial de Galicia

Mantelos, faixas e polainas tomaron onte o Pazo Provincial nun desfile no que o traxe tradicional galego subiu á pasarela. Máis de 40 modelos amosaron algúns dos elementos propios da indumentaria típica da Galicia dos séculos XVIII e XIX, a súa época de ouro.

Traxes de garda ou de cerimonia, para poñer o domingo ou para ir faenar e de diferentes zonas de Galicia desfilaron no Pazo Provincial na noite de onte. Tratábase de reflectir de xeito fidedigno a moda das distintas clases sociais da época.

Pasaron pola pasarela modelos con indumentaria propia de zonas como Betanzos, O Carballiño, Leiro ou Santiago. Tamén o fixeron traxes de domingo orixinarios de zonas como Carballedo, Abadín ou Vilasantar. Desfilaron modelos con indumentaria de acotío propia de Pontedeume, A Limia ou A Pastoriza.

"Malia o menosprezo sufrido noutrora, o esquecemento, os inventos e distorsións duns e doutros, a couza e as queimas, o traxe tradicional chega a esta mostra para nos probar que aínda non é tarde, que está moi vivo", indicaban fontes da organización no tríptico de presentación do desfile.

Deste xeito, os encargados de realizar este desfile foron os membros de Sete Espadelas, que aproveitaron para falar das características propias de cada traxe e da súa zona de procedencia.

Todos os modelos que se amosaron na noite de onte son reproducións fidedignas de patróns antigos ou orixinais recuperados.