Aramburu vive!

Ex-alumnos do pintor pontevedrés seguen empregando a súa academia como estudio ▶O Pazo das Mendoza acolle dende o luns unha exposición colectiva cos seus cadros

Algúns dos creadores que expoñen no Pazo das Mendoza, coas súas obras, rodeando á comisaria da mostra, Lucía Carballal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - Manuel Aramburu
photo_camera Algúns dos creadores que expoñen no Pazo das Mendoza, coas súas obras, rodeando á comisaria da mostra, Lucía Carballal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - Manuel Aramburu

O PINTOR Manuel Aramburu vive. A súa obra permanece. E permanece tamén o espírito da súa academia de pintura, pola que pasaron centos de pontevedreses de distintas xeracións, primeiro na rúa Benito Corbal e despois nas galerías da Oliva. "A esencia de Manuel Aramburu non morreu. Está viva en cada un dos seus alumnos".

O creador, falecido en 2015, leonés de nacemento, pero afincando toda a súa vida en Pontevedra, fundou e mantivo activa unha academia de pintura co seu nome dende finais dos anos 70. "Cando se xubilou, seguíu visitando a academia, dúas veces á semana máis ou menos, para revisar os traballos e dar consellos", segue contando Lucía Carballal. "Despois, ao falecer [2015], a súa viúva decidiu alugarlle aquel espazo aos alumnos, que o converteron nun estudio no que xuntarse para pintar". Alí seguen. Cada un ten a súa chave, que usan fundamentalmente entre luns e mércores. Unha vez ao ano, como se fixo sempre, montan unha mostra colectiva para ensinar a súa obra.

Lucía Carballal, hoxe estudante da Facultade de Belas Artes, tamén foi alumna da academia de Aramburu. Coñece de primeira man esta historia. Así que cando tivo que montar unha exposición para unha materia do grao decidiu facelo cunha ducia de ex-alumnos de Aramburu. "Aínda que hai que puntulizar que o estudio o empregan bastantes máis. Non sabería dicir un número exacto, pero quizais sexan 20 persoas".

... Anos despois é o título da mostra que se pode visitar dende este luns e ata o 17 de decembro no Pazo das Mendoza. Os autores agrupáronse baixo o lema Artistas pontevedreses. Non é un nome elixido ao chou, é unha homenaxe ao mestre. "Artistas pontevedreses era o título dun catálogo que publicou Aramburu, en 2004, con obras de 80 dos seus alumnos".

RETRATOS E PAISAXES. Entre 40 e 80 anos teñen os artistas que expoñen no Pazo das Mendoza. "En canto a temas e estilos, hai variedade. Cada un ten o seu propio xeito de traballar", explica a comisaria. "Hai cousas que comparten, iso si. Na súa gran maioría pintan a partir de fotografías. Fan unha pintura fundamentalmente realista. Despois, hai dende paisaxes a retratos pasando por bodegóns".

Lucía Carballal pediulle a cada un dos autores que colgase dúas obras: unha máis antiga e outra máis recente. "Do que se trata é de observar o progreso en cada un deles, de poder ver cara onde evolucionou o seu traballo co tempo".

Aramburu, o pintor-mestre, o representante da xeración de artistas da posguerra, o bolseiro da Deputación en 1969 para estudar en París, o amigo de Laxeiro e retratista maiúsculo, Medalla de Ouro da Bienal de Pontevedra de 1975, o pintor do óxido, vive. "Eu mesma conservo, na miña casa, obras retocadas por el. As súas ensinanzas fican nos seus alumnos", remata Lucía Carballal. "Reflíctese perfectamente nesta exposición. Cada artista ten o seu selo, pero todos teñen en común ter pasado polas mans de Aramburu, todos comparten ter sido iniciados na técnica polo mestre".