Manuel Jabois, Juan Tallón e Cristina Pato estarán na Festa dos Libros

Diego Ameixeiras será homenaxeado nunha edición pola que pasarán 80 autores
Carme da Silva xunto coas representantes de dúas librerías. ANXO LORENZO
photo_camera Carme da Silva xunto coas representantes de dúas librerías. ANXO LORENZO

Manuel Jabois, Juan Tallón e Cristina Pato serán algúns dos protagonistas que estarán os días 8, 9 e 10 de xullo na Praza da Ferrería. A Festa dos Libros contará nesta edición con 80 autores, entre os que están Arantza Portabales ou Miguel Ángel Cajigal El Barroquista. Serán 89 as actividades que se levarán a cabo tanto nos espazos comúns como nos postos das 13 librerías que, xunto co Concello, organizan esta edición.

O autor homenaxeado será Diego Ameixeiras. A festa quere recoñecer así a súa traxectoria e labor de normalización lingüística como escritor, xornalista e guionista en lingua galega.

A concelleira de Festas, Carme da Silva, sinalou que había "ganas de recuperar a festa sen restricións" por parte do Concello e das librerías.

Todos os días de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.30 horas terán lugar as actividades. Os máis pequenos podrán retomar todas as mañás aqueles obradoiros que non se puideron realizar o ano pasado por mor da covid-19. Algunhas das actividades infantís son: os contacontos de Polo Correo do Vento; Un universo na túa maleta, con Ana Meilán García; e Quén son? Crías de animais, con Xulio Gutiérrez e Isabel Pelayo. Ademais, haberá música en directo todas as noites.

Da Silva animou a que todos os pontevedreses "desfruten sen prexuízos da literatura, xa que seguro rematarán o día con máis dun libro na man".

Comentarios