A presentación da última novela do escritor e xornalista Manuel Jabois será finalmente no Museo de Pontevedra. O mal tempo obrigou a trasladar o acto deste sábado (12.00 horas, entrada libre) dende Santa Clara, onde estaba previsto inicialmente, ao Edificio Castelao do Museo, segundo informaron os promotores. Nesta nova localización Jabois falará de Mirafiori (Alfaguara, 2023) coa tamén xornalista Susana Pedreira.
Mirafiori é a novela coa que Jabois pecha a triloxía M, que abriu con Malaherba (Alfaguara, 2019) e continuou con Miss Marte (Alfaguara, 2021). Os tres libros comparten escenarios, perfís de personaxes e xeito de narrar, configurando en conxunto un universo literario particular moi marcado pola identidade real do autor. Non comparten entre si entramados narrativos. Mirafiori chegou ás librerías o pasado 5 de outubro.
"Eu nunca tiven unha relación longa. Sen embargo, dende a miña primeira moza, sempre pensei que sería para toda a vida", explicaba o autor, nunha entrevista publicada en Diario de Pontevedra, sobre a historia de amor que narra na novela. "Aquí temos unha relación amorosa que comeza con anos e se prolonga durante outros . Quería meterme na pel de alguén que vive iso".
Jabois comezou a súa carreira no Diario de Pontevedra en 1998, onde traballou ata 2013. Estivo dous anos en El Mundo antes de fichar por El País, onde asina dende 2015. Tamén é colaborador da Cadena Ser.
O seu debut literario tivo lugar coa A estación violenta (Rinoceronte, 2006). Dende entón ten publicado catro novelas e cinco títulos de non ficción. Como columnista ten gañado, entre outros, os premios Julio Camba e Mariano de Cavia.