"Convertín Pontevedra no meu Nova York"

O pintor inaugura 'Pontevedra Suite', unha exposición que reúne 47 cadros da súa etapa máis prolífica, entre 1983 e 1987 ►A mostra permanecerá aberta ata o 17 de setembro no Sexto Edificio do Museo

"Nacín nesta cidade e decidín vivir aquí", contaba Manuel Moldes. "Por diversas circunstancias, aínda que eu tivese pensado marchar a América, ao final quedei en Pontevedra e convertina no meu Nova York". O autor inaugurou este xoves a súa mostra Pontevedra Suite no Sexto Edificio de Pontevedra, unha exposición que reúne 47 obras realizadas entre 1983 e 1987 e nas que a Boa Vila ten unha especial presenza.

"Son os anos nos que Moldes se converte nun dos artistas que forman parte da historia da arte galega máis recente, porque el xa está nos libros de historia", explicaba o director do Museo, Carlos Valle, que engadiu que "o mundo deste autor non se explica sen Pontevedra". A paisaxe vital de Moldes está composta por recordos dunha vila que camiñaba entre o rural e o urbano, cos seus monumentos e a súa arquitectura, pero tamén coa rede de relacións tecida arredor dela.

O comisario da exposición, Ángel Cerviño foi o encargado de coordinar todo o traballo de recompilación das obras para poder expoñelas todas xuntas. Houbo de chamar á porta de institucións e particulares, así como rebuscar entre os recordos de Moldes, para reunir todas as obras que se amosan no Sexto Edificio ata o 17 de setembro.

Ángel Cerviño "Esta mostra vai ser fundamental na evolución das futuras pinturas de Moldes. Non vai saír inmune"

"O que hai pendurado nestas tres salas é só unha parte do traballo de Moldes neses catro anos, hai centos de bocetos e cadros pequenos que non están aquí. Ademais, esta etapa remata co gran mural da UNED, en Monte Porreiro, de 13 metros de longo", explicou o xoves Ángel Cerviño. Entre as obras da mostra atópase unha homenaxe a Rosalía, un cadro que retrata a un avó ("para min esa figura foi importante", sinalaba Moldes) ou un neno recadeiro en bicicleta polas rúas da cidade que podería ser o propio pintor.

Esta é a primeira vez que as obras poden verse xuntas no mesmo espazo. Nin o propio Moldes as contemplara todas reunidas ata o de agora. "Nos anos 80 ocorría algo moi curioso, que as obras saían do prelo e se vendían porque había xente interesada en compralas", contaba irónico o comisario. Por iso na mostra hai moitas obras que nunca chegaron a expoñerse.

Tanto Cerviño como Alberto González Alegre levan cinco anos traballando arredor da exposición, un proxecto que foi crecendo co tempo. "Cando fas unha exposición con Moldes, que leva 40 ou 50 anos de traxectoria, tes que establecer límites porque o que sobra é obra e toda é boa", contou Cerviño, que insistiu no carácter inédito dunha mostra destas características "que custará volver atopar".

Se lle piden que resuma esta mostra nunha frase, Moldes contesta, entre risos: "Aupa Pontevedra. Hai que roelo"

RECORDOS. Moldes agradeceu o traballo de Cerviño e Alegre como comisarios porque el mesmo se confesa sorprendido co resultado. "De pronto atopas unha serie de cadros ben situados e ves a relación entre eles", contou Moldes, que dixo que recordaba ben esa etapa da súa vida polas vivencias personais e profesionais.

O artista rebobina 30 anos na súa traxectoria e recupera cadros dun tempo de especial efervescencia, no que chegou a pintar tres obras de gran formato ao mes. "Esta mostra vai ser importante tamén na evolución das futuras pinturas de Moldes. Ver todo isto xunto, coa potencia que ten na súa vida persoal, vaille afectar. Non vai saír inmune", explicou Ángel Cerviño mentres Moldes asentía.

O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, tamén no acto de presentación á prensa, que tivo lugar mentres se ultimaban os detalles para a inauguración da mostra, falou da importancia de que autores como Moldes queden en Pontevedra para engrandecer o seu Museo, pero tamén para formar a unha nova xeración de mozos artistas. "É importante destacar que Manuel Moldes está presente despois na Facultade de Belas Artes, polo que moitos das e dos artistas que se foron formando nos últimos anos en Pontevedra beberon do que el fixo, e agora poderán comprobar como o que explicaba nas aulas o plasmou artisticamente durante os anos 80", contou Leal.

O deputado de Cultura aproveitou tamén para felicitar a os traballadores do Museo de Pontevedra polo seu traballo na montaxe da mostra. Ás felicitacións de Leal sumouse tamén o director do Museo. Á inauguración oficial da mostra, que tivo lugar estre xoves ás 20.00 horas, asistiu o músico Xocas Meixide, que ofreceu unhas pezas para os presentes.

Moldes suma con esta tres exposicións nos últimos meses tras catro anos sen amosar o seu traballo. Este foi un tempo de reflexión, no que o autor preferiu alonxarse dos focos. Agora, recupera as obras máis importantes dun tempo efervescente: os anos nos que pintar era unha obsesión. Se lle piden que resuma nunha frase o que significan para el estas pezas contesta, entre risos: "Aupa Pontevedra. Hai que roelo".

Comentarios