Manuel Olveira: ''La idea del gallego emigrante no existe en el mundo del arte''

manuel_olveira2.jpg
photo_camera manuel_olveira2.jpg

Manuel Olveira Paz (Porto do Son, 1964) dirixe o CGAC dende finais de 2005, tras estar á fronte do centro de produción de artes visuais e multimendia Hangar de Barcelona. Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago e en Belas Artes pola Universidade Central de Barcelona, obtivo o doutoramento en Educación Artística pola Universidade de Granada.

Pregunta: Que balance fai destes 15 anos?

Resposta: Moi positivo. O tempo na arte vai moitísimo máis rápido que o tempo biolóxico, e se 15 anos son a xuventude para unha persoa, para un museo representan a súa madurez. O balance é moi positivo se temos en conta que polo CGAC pasaron directores, profesionais, artistas e público moi diversos, pero en cultura a diversidade sempre é un valor, e o bo é que esa diversidade sempre mantivo un nivel de calidade. E logo resaltaría o traballo que vén facendo de penetración social e de dinamización do contorno moi importante. O CGAC fixo que cada vez sectores máis amplos da cidadanía se achegasen para valorar a arte e facer que fose unha ferramenta na súa vida. Por outra parte, se ollamos a historia, comprobamos que a partir do CGAC naceron unha serie de institucións, hai un desenvolvemento de galerías... o que indica que o sistema da arte contemporánea en Galicia se desenvolveu non só polo CGAC, aínda que foi un axente importante. O público puido achegarse á arte, ver arte en directo, debater sobre arte e os sectores profesionais da arte puideron dinamizarse, o cal me parece importantísimo.

P: Galicia leva un ritmo distinto respecto ao resto do mundo neste aspecto?

R: Reconstruír a historia sempre é difícil e cada perspectiva é distinta. Pero se nos remitimos aos feitos, o CGAC xermola no 84 e forma parte dese dispositivo de normalización cultural, sobretodo tras a etapa da Ditadura, a Transición e logo esa normalización cultural que pasou por erguer dispositivos, infraestruturas que puidesen satisfacer as necesidades da arte contemporánea. Estes 15 anos son ese proceso de normalización de diferentes infraestruturas culturais para responder ás diferentes demandas da sociedade. Normalizando esas infraestruturas estás dinamizando diferentes áreas da cultura: a formación, a exhibición, a produción, a difusión, o mercado... Creo que con esa dinamización é como vemos que hai hoxe unha xeración de artistas cunha boa formación, con plataformas de difusión e con capacidade para ter presenza a nivel internacional.

Colaboración entre espazos da arte
P:
Serían precisas máis infraestruturas? Como se artella a relación entre o CGAC e outros centros como o Marco?

R: Creo que esa normalización de infraestruturas que se fixo en todo o Estado español, o CGAC é un dos primeiros museos do Estado que traballa en arte contemporánea, está completada. A Cidade da Cultura será probablemente un dos grandes fitos desa normalización e o CGAC o que fixo foi manter liñas de colaboración e tecer redes con todas esas infraestruturas que foron medrando no sistema cultural da arte galega. O futuro pasa por ter redes de colaboración e proxectos de colaboración.

P: Cambiará o papel do CGAC co futuro Centro de Arte Internacional da Cidade da Cultura?

R: En cada momento histórico, ten diferentes funcións. Despois dese momento de normalización de infraestruturas o que hai que facer é afinar esas infraestruturas, e unha vez afinadas, ver que tipo de proxectos e que articulación desas infraestruturas se poden producir. Iso é algo que hai que facer pouco a pouco en función do proxecto. Vivimos nun momento en que as redes de traballo e os proxectos de colaboración van ser a tónica.

P: E cales son as expectativas de relación co centro da Cidade da Cultura?

R: É un proxecto que está por ver. Por min podedes facer todas as preguntas que queirades da Cidade da Cultura, pero eu non son responsable da Cidade da Cultura. Creo que diversificará e pluralizará as opcións culturais en Galicia, será unha infraestrutura que fará máis amplo o abano de posibilidades á hora de traballar e estou seguro que imos ter unha colaboración e que non haberá competitividade, porque son aspectos completamente diferentes.

''Hai que mudar a personalidade xurídica do CGAC''
P:
Como definiría estes dous anos e medio á fronte do CGAC no conxunto destes 15 anos?

R: Como organismo vivo que ten que adaptarse, o CGAC foi pasando por diferentes etapas ou diferentes maneiras de traballar, considero que acaída ao tempo presente. E neste tempo presente, temos un proxecto que remarca os proxectos de produción, proxectos a longo prazo e proxectos de investigación. É o pequeno matiz que estou implementando neste momento, pero é un matiz que no fondo responde a esa misión fundacional do propio CGAC.

P: Cales cre que son as materias pendentes do centro?

R: En cultura sempre temos materias pendentes, o noso tempo verbal é o xerundio. Sempre estamos traballando. Ese xerundio é o que nos fai estar constantemente plantexando novos retos e creo que o CGAC de cara ao futuro ten que seguir traballando no que sería unha programación de calidade, nunha boa colección de arte contemporánea e creo que hai que seguir enfatizando a innovación, a aportación cultural, a investigación, seguir traballando con diferentes axentes e infraestruturas do mundo da arte e temos que traballar no que sería a personalidade xurídica do CGAC, porque os tempos teñen cambiado moito dende a súa creación, e é necesario cambiar algunhas cousas, entre elas, a personalidade xurídica do centro para ter autonomía de xestión de persoal, de orzamentos... Os mecanismos que hoxe ten a Administración pública non son os máis adecuados. Non é que o diga eu, o Prado tamén está cambiando a personalidade xurídica, o CAM de Canarias tamén... é unha dinámica para adecuarse aos tempos presentes.

''En Galicia somos bastante individualistas en todo, tamén na arte''
P:
E como está o terreno hoxe para que os creadores desenvolvan a súa profesión en Galicia?

R: A resposta é obvia: a exposición que inauguramos con seis artistas novos, a realidade das exposicións das galerías que están traballando coas novas fornadas que saen de Belas Artes, dos novos creadores que están saíndo de premios como o do Auditorio de Galicia,... hai unha serie de dispositivos para que novas xeracións de artistas estean saíndo constantemente. O mundo da arte é un organismo vivo, ao igual que o museo, que se está rexenerando constantemente, e hoxendía hai condicións perfectamente homologables a calquera lugar do mundo pola cal os artistas poden facer o seu traballo. Outra cousa é que ás veces o mercado acepte mellor certas propostas, pero as condicións de bolsas, premios, salas de exposicións, galerías, museos, coleccións,... existen.

P: Pero moitos deles van traballar fóra...

R: Hm... Creo que iso é unha falacia. Esa idea do galego emigrante non existe no mundo da arte. O que facemos é adecuarnos á realidade do traballo en cultura hoxendía en calquera lugar do mundo, e a realidade é que vives nun lugar, traballas noutro, expós noutro e móveste constantemente. Esa realidade cultural dos artistas de hoxendía non se pode pensar en termos tradicionais. Un artista vive e traballa onde considera que o seu traballo se pode desenvolver mellor ou onde máis lle estimula.

P: Hai unha interrelación entre os propios artistas?

R: Como en todos os sectores profesionais, cada un decide con quen fala. Hai lugares nos que a tradición de asociacionismo, de participar na esfera pública, é moito maior que en Galicia, aquí somos bastante individualistas, pero pásalle a toda a sociedade galega. Aquí somos como somos, e en cultura nunca hai nada mellor ou peor.

Comentarios