MANUEL PÉREZ LOURIDO, POETA

"A literatura non ten por que levar a ningún sitio"

Volve ao verso en galego Manuel Pérez Lourido con 'Pásame un cabalo polo peito', un poemario perdido polo autor e felizmente recuperado que agora chega á rúa da man da editorial Urutau. Preséntase este mércores (20.00 horas, entrada libre) no Espazo Nemonon
O escritor e mestre Manuel Pérez Lourido, camiñando por Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O escritor e mestre Manuel Pérez Lourido, camiñando por Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

PASARON DOUS ANOS dende que Manuel Pérez Lourido (Pontevedra, 1963) publicara o seu anterior libro de poemas, Después daré un grito (Discursiva, 2017). Mestre de Inglés no colexio Froébel, columnista en medios como o Diario de Pontevedra e escritor, Pérez Lourido volve á poesía en galego, xénero e idioma cos que debutou en Vértebras e lóstregos (El Taller del Poeta, 2012). Faino con Pásame un cabalo polo peito (Urutau, 2019), que presenta este mércores en Nemonon acompañado por Tamara Andrés e Xesús Constela. "Son poemas que se van xuntando e que despois un ordena", explica sobre o contido, ao tempo que conta a peripecia que hai detrás da saída á luz desta obra. "Tiña todos os textos nun disco duro dun ordenador que cascou. Aínda que pareza incrible, non tiña copia. Nin estaban nun pendrive, nin na nube, nin en nada. Despois de dar voltas durante meses, dixéronme que aquilo non tiña solución. Pero, como fago moitas cousas das que despois me esquezo, un día atopei unha copia en papel dalgúns dos poemas. Xa o daba por perdido, pero esa copia salvou o poemario".

Por qué Pásame un cabalo polo peito?
É un verso dun poema. Escolleuno Tamara Andrés, que é a autora do prólogo. Non son nada bo cos títulos. Deille posto un a cada unha das tres partes do libro e xa quedei esgotado: Anacos dun mesmo, Árbores que andan e Un día dentro doutro. Non fun quen de dar cun para o poemario. Foi ela a que se fi xou neste verso. Gustoume e deixeino. Dalgunha maneira recuperouno, porque un esquécese de cada un deles concretamente.

Urutau é un selo moi vinculado a Pontevedra, que publica en portugués e en galego.
Si, foi tamén Tamara Andrés a que me falou del. Presenteilles o traballo e gustoulles. Eu estou encantado coa estética deste selo e con ese interese que ten pola edición de libros de poesía, co que estou moi a gusto.

E por que volveu ao galego?
Porque xa lle tocaba. E porque os poemas que fun xuntando desta vez estaban en galego. A verdade é que eu escribo tamén en castelán, pero hai cousas que só se poden escribir nun idioma. O poema que hai adicado a Tambo non podía estar escrito noutra lingua.

Carlos Oroza dicíase autor dun único poema ao longo de toda a súa traxectoria. Coincide con esa forma de entender a poesía?
Hoxe, despois de comer, miña muller achegóuseme e preguntoume de que ía este novo libro. "Do de sempre", lle contestei. Non hai outra cousa. Sei que agora mesmo se leva, e ten todo o sentido do mundo, facer poemarios con temáticas concretas. Non é o meu. A Oroza precisamente tamén hai adicado un poema neste volume. Ségueme facendo graza a xente que me di poeta. Sei que o fan con agarimo, pero poetas eran Oroza e catro máis. Eu escribo poesía.

"Penso sinceramente que [a poesía] é unha arma con máis pasado que futuro". Ségueo crendo?
Eu tampouco vexo isto como unha ferramenta para nada. É o que teño para expresarme. A min gustaríame moito ser capaz de tocar un instrumento musical con solvencia. Sería un cantautor matao deses que andan por aí adiante. Pero non me sei expresar musicalmente, así que emprego a literatura. Porque sei escribir. Pero non penso que a literatura teña que levar tampouco a ningún sitio. Non ten por que. Se leva, perfecto. E se non leva, está ben igual. A todos nos gustaría ampliar o número de lectores que temos e chegar a máis xente. Pero tampouco sei ata que punto depende dun.

Séguelle dando preguiza buscar tempo para empezar a escribir unha novela?
En realidade, xa o busquei. Empeceina, pero a cousa vai lentísima. Decateime de que esixe unha disciplina da que carezo. Estou acostumado a escribir poemas nun anaco de papel en calquera sitio en calquera instante. Aínda así, este verán empecei unha historia. Pero necesita unha disposición de tempo e unha regularidade que agora mesmo non teño. Quizais sexa a escusa perfecta para non dar escrito unha novela nunca.

De calquera maneira, séntese máis cómodo coa poesía, sáelle con maior naturalidade.
En certo sentido é máis natural en min, si. Tamén foi o primeiro que comecei a escribir. Fun un neno de quinto de Primaria que fi xo un poema que lle gustou á profesora. A prosa é outra cousa, aínda que tamén escribo artigos. Pero a eses si que lle teño collido o punto. Xa os integrei na miña disciplina.

O estilo que usa nas súas columnas non ten nada que ver co do poeta. Hai unha retranca, un humor, por veces duro, outras máis lixeiro, que na poesía non aparece.
É certo. Unha vez que me puxen a escribir artigos decidín que un medio para chegar á xente ía ser o humor, aínda que despois non sempre foi así. Xa está a cousa bastante fastidiada como para ler un artigo e acabar máis preocupado do que estabas. Así que, aínda que fale de cousas serias, trato de sacar un sorriso. Despois chega un momento en que xa non che saen as cousas doutra maneira.

Comentarios