Marcel Gross abrirá en xaneiro o ciclo teatral para todos os públicos

'Domingos do Principal' celebra 19 anos con sete espectáculos que van da danza ao clown

Espectáculo de Marcel Gross. DP
photo_camera Espectáculo de Marcel Gross. DP

Sete espectáculos, entre os que hai propostas de clown, de teatro de actores, monicreques, danza e música, entre outras cousas, compoñen o programa da 19a edición do ciclo de teatro familiar Domingos do Principal. Xacobe Rodríguez, da compañía Akatro, e a concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentaron a programación do ano que vén, que comezará o 21 de xaneiro e rematará o 11 de marzo. Está composta por sete espectáculos de compañías galegas, do resto de España e unha francesa, que en total realizarán 17 funcións (ás 12.00 e ás 18.30 horas cada domingo máis tres concertadas con centros escolares os luns).

Segundo contou Xacobe Rodríguez, o clown catalán Marcel Gross, "que as dúas veces que veu a este ciclo foi con diferenza o máis valorado", abrirá as montaxes nun universo de letras vogais. Despois virán Teatro dos Ghazafelhos e a compañía francesa de Claire Ducreux cun espectáculo de danza. Seguiranlle Por Píscore, "que interpretará un concerto con catro músicos e un instrumento: unha marimba". A recta final de Domingos do Principal correrá a cargo de Unahoramenos (Canarias), coa historia dun inmigrante africano con varios Premios Réplica, Teatro ó cubo e Spasmo Teatro (Salamanca), cunha obra premiada no festival de Ciudad Rodrigo.

21 de xaneiro. Marcel Gross
Nun pequeno universo de letras vogais, un Universario, Marcel Gross brinca coas palabras e transforma a realidade a base de imaxinación.

28 de xaneiro Ghazafelhos
Rubicundo sae cada noite na súa bicicleta. Historia sobre a amizade, a constancia, a poesía e a posibilidade de perseguir os soños.

4 de febreiro. Claire Ducreux
Espectáculo de danza e teatro visual, titulado Refugie poetique, no que un vagabundo elixe un cruce de rúas como refuxio provisional convertendo dous valados de obra nas portas do seu universo

18 de febreiro. Por Píscore
Catro actores e músicos con tan só unha marimba interpretan un Concerto singular. Despois de moitos risos, o son é incrible. 

25 de febreiro Unahoramenos
A compañía canaria conta a historia dun inmigrante africano dende que sae da súa aldea en Me llamo Suleiman. Para maiores de 12 anos.

4 de marzo. Teatro ó cubo
Vera, Roi e Anxo son tres irmáns con formas moi diferentes de ver o mundo que terán que chegar a un acordo en O faiado.

11 de marzo. Spasmo
O grupo de Salamanca proponlle aos espectadores realizar unha volta ao mundo na montaxe Mundo lirondo (premiada en Ciudad Rodrigo).

Entradas á venda en www.pazodacultura.org

Comentarios