Calveiro: "Fontán é case un personaxe de western"

A historia do home que realizou o primeiro mapa científico de Galicia foi unha fixación para este escritor durante moito tempo. Ao longo de 30 anos recompilou información e datos sobre Domingo Fontán, un tipo nacido en Portas que se converteu nun científico eminente do seu tempo. O último Premio de Narrativa Breve Repsol reivindica a súa figura
O escritor Marcos Calveiro diante da reprodución do mapa de Fontán que está na cartoteca da Deputación Provincial
photo_camera O escritor Marcos Calveiro diante da reprodución do mapa de Fontán que está na cartoteca da Deputación Provincial

"Arquímedes de Siracusa precisara dun punto de apoio para mover o mundo. Fontán precisaba dunha base para medir ese mundo que para el representaba Galicia. Xa a tiña. Por fin podía medila e poñerlle rostro á súa patria". O parágrafo é da páxina 107 do último Premio de Narrativa Breve Repsol. Momento crucial da trama, vén resumir o argumento da novela de Marcos Calveiro (Vilagarcía de Arousa, 1968): un home fronte a unha teima, a de realizar o primeiro mapa científicio de Galicia. As máis das veces, con todo en contra. ‘Fontán’ (Galaxia, 2015) novela toda a peripecia, así como outros episodios da vida dun dos científicos máis importantes da historia de Galicia, Domingo Fontán (Porta do Conde, Portas, 1788-Cuntis, 1866), referencia da intelectualidade galega do século XX. "Para uns a terra é o pequeño berce en que nasceron... Para outros, a Terra é tan grande que somentes alcanzan a vela no mapa de Fontán", cita no libro o propio Calveiro a Castelao.

Lembra cando escoitou falar por primeira vez de Domingo Fontán?

Claro. A primeira nova que teño de Fontán é a través doutro libro. De Otero Pedrayo, evidentemente. Ao final de ‘Arredor de si’ o tío de Adrián Solovio pídelle que lle leve ao leito de morte a Carta Xeométrica de Galicia, de Fontán, e iso fai que todo cobre sentido. A min a novela non é que me gustase moito, aínda que soe a herexía, pero si que quedei coa historia do mapa. E dende aí levo con el na cabeza. Practicamente dende a adolescencia.

Por iso escribiu o libro?

Converteuse nunha teima. Cada dato que atopaba íao gardando primeiro nunha carpetiña e despois no ordenador persoal. É unha historia da que levo detrás 30 anos. Porque ademais o mapa de Fontán é un elemento moi simbólico da cultura galega, aínda que moi pouca xente sabe del. É unha figura medio esquecida, aínda que estea no Panteón de Galegos Ilustres con Rosalía e Castelao. Pero para a xeración Nós si que foi alguén moi importante, el e a idea de poñerlle rostro ao país. Otero Pedrayo, Cunqueiro, Castelao... todos falaban do mapa de Fontán.

É un tipo a reivindicar?

Evidentemente, si. A ciencia hai que reivindicala sempre. Hoxe está, se queres, máis de actualidade ca nunca. Os científicos galegos hoxe están tamén medio esquecidos ou traballando polo mundo adiante porque aquí non teñen posibilidade de facelo. Pero é que ademais os científicos galegos do XIX son uns tipos extraordinarios porque, practicamente sen ningún medio, sen ningunha axuda institucional, fan un traballo impresionante, á altura do de Fontán.

"A pesar de estar enterrado no Panteón de Galegos Ilustres, xunto a Rosalía e Castelao, Fontán hoxe está medio esquecido"

A historia de Fontán ten ademais algo de épica: un home nacido en Porta do Conde que é quen de acabar realizando o primeiro mapa científico galego.

E que foi a referencia máis fiable do que era Galicia ata despois da Guerra Civil. No 36 e despois, aos maquis buscábanos polo monte co mapa de Fontán. Pero si, iso ao que te refires era unha das cuestións que máis me obsesionaban de cara á novela: como un rapaciño de Porta do Conde, evidentemente dunha familia acomodada, se non non podería ter estudado en Santiago naqueles tempos, se converte nun científico. En todo caso o que procedería é que acabase sendo médico, avogado ou empresario. A novela xoga precisamente a descubrir ese elemento que actúa como epifanía. O día que visitei a súa casa en Porta do Conde e descubrín alí dúas penas de granito xigantescas, pareceume dar con ela, coa orixe desa pulsión súa por saber, por coñecer e por medir.

A novela, máis alá dunha biografía ficcionada de Domingo Fontán, é un retrato dun tempo polo que van desfilando dende Voltaire a Godoy pasando por Napoleón e Fernando VII.

É que todo iso me parecía moi interesante. A medición do meridiano foi unha das aventuras científicas máis importantes do século XIX. Falamos de xente que marchaba para a selva que se tiraba alí non sei cantos anos intentando medir o meridiano do Perú. Xa me dirás se eran ou non uns tipos alucinantes. Tiñan moito de científicos, pero outro tanto de aventureiros. Quero dicir que naquel momento a ciencia ocupaba as cubertas dos xornais. Había unha verdadeira carreira entre as nacións europeas por ver quen era quen de medir o meridiano ou coñecer a forma da Terra, entre outras cousas. E aí estaban varios científicos galegos polo medio. Iso é algo extraordinario porque a maioría da xente pode pensar que Galicia era naquel momento un sitio illado, abandonado, inculto e ignorante e non é certo. Todo o contrario. Hai un grupo de científicos da Universidade de Santiago de Compostela que ten contacto directo co mellor da ciencia europea sen pasar por Madrid. Collían un barco na Coruña e acababan en La Havre, en Francia. Xosé Rodríguez, o mestre de Fontán, é un tipo que se cartea co mellor da ciencia europea, que visita as mellores universidades francesas, alemás e inglesas, e que merca os primeiros instrumentais xeográficos e topográficos para a Universidade de Santiago.


"Aqueles tipos eran persoas alucinantes que tiñan moito de científicos e outro tanto de aventureiros"

Eloxia ao longo de toda a novela o método científico, a exactitude e á razón. Pero logo decántase por facer unha novela no canto dunha biografía estrita.

Porque eu fago literatura. Non son ensaísta. Non teño nin idea de ciencia. Eu procedo das letras. Os meus coñecementos matemáticos e xeográficos son bastante limitados. Tiven que estudar para entender como se fai un mapa, poñerme con libros de topografía e mirar de entender como funcionaba un teodolito para intentar explicarllo do xeito máis sinxelo posible a un lector leigo coma min. Eu son fan da ciencia. Penso que os científicos son xente extraordinaria. Escribir unha novela ou pintar un cadro é algo que adoita obter unha resposta máis inmediata por parte do público porque se presupón unha linguaxe máis accesible. Calquera pode ler un libro ou ver unha pintura, pero enfrontarse a unha fórmula matemática é outra cousa. Por iso escribín esta novela sobre un tipo que sobe nun burro e percorre toda a Galicia do século XIX chea de bandoleiros, de franceses e de trifulcas para facer un mapa. E faino practicamente só. Porque esta historia é practicamente un western. Fontán é un personaxe do Oeste nese sentido. Un pioneiro. Iso é o que me admiraba desta historia. Hai moitos datos reais, pero logo gran parte da novela está ficcionada porque non tiven acceso aos diarios de campo de Fontán nin a moitas outras cousas. Así que tirei da miña imaxinación usando referencias dos seus contemporáneos e a información que recompilei ao longo destes anos.

Porque o traballo de documentación si que existe e é moi importante.

Si, os datos son os que son e están aí. Tamén é verdade que na miña adolescencia estiven moi obsesionado polas fontes do Nilo e este tipo de científicos viaxeiros ingleses como o Doutor Livingstone, esa ciencia mesturada coa aventura. Son personaxes doutro mundo.

Non é amigo vostede dunha literatura sinxela. As súas novelas, ‘Festina lente’ (Premio da Crítica, Premio Fervenzas Literarias e Premio Irmandade do Libro), ‘Setteccento’ e esta mesma, caracterízanse por unha certa esixencia de cara ao lector que vai dende o vocabulario ao contexto histórico. Por non ser, nin sequera é amigo das notas á pé de páxina.

Claro, pero é que eu sempre penso nun libro como nunha aventura. O proceso de escritura do libro éo para min e o proceso de lectura debería selo tamén para o lector. Cando escribín ‘Fontán’ aprendín unha morea de cousas e quero que o lector as aprenda tamén e que, se ten que tirar dun dicionario, dunha enciclopedia ou de Google, que o faga. Podes gozar coa novela como experiencia literaria, pero tamén podes chegar a moitas historias diferentes e abrir a mente a outros mundos e a outros personaxes fascinantes. Un libro ten que ser algo aberto que te leve da man por outros camiños. Unha novela tente que levar a outros libros, a Otero Pedrayo ou a Jules Verne, que menciona nun libro ao mestre de Fontán, por exemplo.

"No ámbito científico e cultural, estes son tempos case tan escuros como os do século XIX, se non máis"

A Xosé Rodríguez?

A Xosé Rodríguez, si. Aparece en ‘Aventuras de tres rusos e tres ingleses na África austral’, aínda que está mal referenciado. No libro é José Rodrigues, pero está inspirado nesa persoa. Así que xa ves, á parte da Ría de Vigo hai outra referencia galega nas novelas de Verne. O que pasa é que é unha novela científica que quizais non é das máis coñecidas. Eu collina por primeira vez naqueles Clásicos Universales Ilustrados que liamos de pequenos.

"Malia os avances do progreso, na inclemente loita entre razón e fe seguían a perder os de sempre", di na novela. E hoxe?

E hoxe seguen a perder os de sempre. O mundo non cambiou tanto como pensamos dende o século XIX. A pesar dos avances da ciencia e da medicina, canta xente segue recorrendo a todas esas '‘magufadas'’ sen sentido nin rigor científico. Segue habendo un elemento supersticioso en todos nós que moitas veces nos leva a abandonar a razón e a luz. Estes son tempos case tan escuros como os do XIX, se non máis. Coa escusa da crise económica desencadeouse unha crise cultural e científica que paralizou a creación e a investigación neste país.

Os científicos de hoxe están tan sós como o estaba Fontán? Na novela por veces atópase enfrontado a todo e a todos.

Á fin e ao cabo, o do científico é un traballo máis ben solitario. É verdade que hai máis traballo de equipo, pero ao final está un só diante do microscopio ou fronte a unha fórmula nunha pizarra.

O Mundo que vostede lle crea a Fontán é case como o Rosebud que Orson Welles inventa para o seu Kane.

É unha homenaxe clara a ‘Cidadán Kane’. A novela propón un percorrido circular que comeza nesa pena que intriga a Fontán, que eu bautizo como o Mundo, e remata ao seu pé. Pero é que eu son moi cinéfilo e sempre me marabillou ‘Cidadán Kane’, un filme que se pode tratar dende moitos puntos de vista, por suposto o técnico, por exemplo, pero que a min me gusta especialmente por esa proposta que fai Welles da vida arredor da infancia, da volta final á nenez, orixe de todo. É un elemento marabilloso e por iso está na novela.

Comentarios