Marcos Nine escolle Novos Cinemas para estrear 'A Virxe Roxa'

O realizador da Illa de Arousa recrea a historia de Hildegart e Aurora Rodríguez a partir de fragmentos de 423 películas da época ►O Festival Internacional de Cine de Pontevedra prolongarase dende este martes ata o 19 de decembro
Cartel do filme A Virxe Roxa
photo_camera Fragmento do cartel do filme 'A Virxe Roxa'. DP

A nova película de Marcos Nine (A Illa de Arousa, 1977), A Virxe Roxa, protagonizará este martes a sesión inaugural do Festival Internacional de Pontevedra Novos Cinemas (20.30 horas, Teatro Principal, entrada de balde previa recollida das invitacións). Nine, gañador de media ducia de premios Mestre Mateo, é un dos cineastas galegos máis importantes da actualidade. Despois de pasar a súa película na Seminci de Valladolid e na Cinemateca Uruguaya, o que supuxo a súa estrea en España e a nivel internacional, elixiu Novos Cinemas para realizar a súa estrea en Galicia.

"Encántame que sexa así. Estiven os dous últimos anos participando en mesas redondas, pero nunca proxectara aínda ningunha película. Que sexa na xornada inaugural, por un lado, faime moita ilusión e, por outro, supón unha enorme responsabilidade porque tes ese desexo fondo de que o filme estea á altura", explica Marcos Nine, que confesa que lle gusta a idea sobre a que xira o festival pontevedrés, centrado en proxectar primeiras obras de novos cineastas. "Sempre son interesantes porque adoitan ser as máis arriscadas, as máis ousadas. Despois, o habitual é volverse máis conservador".

O realizador arousán escolle nesta película unha historia real para recreala dende a súa particular perspectiva. Neste caso, A Virxe Roxa volve a un caso acontecido a comezos do século XX en España: o de Hildegart Rodríguez, unha nena concibida pola súa nai, a ferrolana Aurora Rodríguez, co único obxectivo de convertela nunha muller ideal. Cando a proxenitora advertiu que a rapaza se afastaba do que ela tiña previso asasinouna.

"Aurora Rodríguez concibe esa filla perfecta que ten na cabeza a través da euxenesia, unha teoría moi da época, que acabarían desenvolvendo os nazis dunha maneira arrepiante". Baséase no emparellamento sexual de persoas escollidas cunha serie de cualidades co obxectivo de que procreen seres humanos mellorados. "Aurora Rodríguez buscaba crear á redentora do sexo feminino e do proletariado. A rapaza acaba sendo unha líder política e unha das primeiras persoas en teorizar sobre sexualidade".

2.000 FILMES. O arousán recompuxo a tráxica historia de Aurora e Hildegart Rodríguez, durante a pandemia, a partir de fragmentos sacados de contexto de 423 películas. "Realmente foi un traballo inxente porque partín da visualización de 2.000 filmes da época".

A tráxica historia das dúas mulleres sérvelle ao cineasta, que a conecta con moitas cuestións actuais, incluídas as relacións vicarias, para "explorar todas a miñas paranoias, porque levo obsesionado coa relación coas máquinas creo que dende o instituto", confesa. A conexión disto coa película atópase, por unha banda, no contexto do filme, "neste caso marcado pola Revolución Industrial e as sufraxistas, entre outras cousas" e, por outro, coa realización formal do filme, "ese método de traballo estajonivista, esa idea soviética do traballador total que fai de todo en favor dun produto final, aquí a película".

Na primeira xornada de Novos Cinemas, festival que se prolonga ata o 19 de decembro, tamén se van proxectar os traballos do obradoiro de cine que Adrián Canoura dirixiu no Campus. Poderanse ver (16.30 horas) no Teatro Principal. Horarios e entradas: novoscinemas.com.

Comentarios