miércoles. 21.08.2019 |
El tiempo
miércoles. 21.08.2019
El tiempo

Marcos Reimunde: "Elaboramos un cartaz arriscado que non se ve noutros festivais"

Marcos Reimunde
Marcos Reimunde
Xunto cos compañeiros de Fanto Fantini leva meses preparando a segunda edición do festival burelés Osa do Mar do 4 e 5 de setembro. Terá grupos como Tundra, Sexy Zebras, Cápsula e Novedades Carminha

A organización do festival aposta por un evento no que teñen cabida moitos xéneros musicais e a un prezo asequible para rematar o verán mariñan por todo o alto.

Como surxiu a idea do festival?
O xermen foi unha viaxe ao Festival Paredes de Coura. Temos unha comarca con un potencial enorme en todos os sensos polo que só fai falta esforzo, ilusión, plantexar ideas e darlles para diante. Xuntámonos unhas cantas persoas de diferentes sectores e comezamos a falar, a reunirnos, a preguntar… até que xa estabamos involucrados e coa Osa do Mar cazando. A nosa idea desde o principio era dinamizar a oferta cultura e deportiva da Mariña, cremos que hai espazo para facer cousas novas e con un toque diferente. Aportar o noso grao de area para que Burela, A Mariña e Lugo ofrezan unha imaxe moderna e dinámica.

Por que ese nome e a ubicación escollida?
O recinto está nun espazo do Concello ao que non se lle daba ningún uso, pareceunos un reto reinventalo e aproveitalo. En canto ao nome, tiñamos uns cantos enriba da mesa pero un día chegou Héctor cunha idea de seu irmán (Albano). Un xogo de palabras coa ubicación do recinto: A Marosa-Osa do Mar facía alusión a algo totalmente característico da Mariña: o mar, e dábanos pé a montarnos historias e un punto de humor co tema das osas e osos. Así que ‘avanti’ a Osa do Mar.

Como definiriades o festival?
É un festival de música ‘alternativa’, que é unha palabra moi de moda e que mestura estilos musicais. Elaboramos un cartaz arriscado que non se pode ver en ningún outro festival ademais de actividades deportivas complementarias.

Cales son os pratos fortes?
Subeuse o nivel en canto aos grupos e aínda que non sexan moi coñecidos van gustar. Intentamos que haxa bandas para todos, si che gusta o ‘indie’ haberá 4 ou 5 grupos que che van encantar pero o resto tamén che van gustar. Si eres máis de rock vas ter onde elexir en moitas das súas variantes. Por sona e traxectoria poderíase dicer que Toundra, Novedades Carminha, Cápsula ou Sexy Zebras son os pratos fortes de este ano.

Onde se poden mercar as entradas e canto custan?
Somos un festival moi económico, intentamos que o prezo non sexa unha excusa para non vir. As anticipadas pódense mercar na nosa web: www.osadomar.com e na plataforma Entradium por 15 euros o bono e 10 euros os días soltos. A xente que non compre pola rede habitualmente pode mercalas: En Burela: Cafetería Vista Alegre, Mis en Plas e Traste. En Viveiro:Cervexería Vikinga Punto Galego. En Ribadeo: o Lar de Manolo e en Foz: a Cafetería Namarinos e o Muelle Bar. Na billeteira estarán a 15 euros o bono e 10 a entrada para os días soltos. Tamén hai que destacar as ofertas dos hoteis colaboradores (pódense ver na na web do Festival) e os servizos que se ofrecen eses días: bus continuo desde Burela ao festival, acampada gratuita con baños e duchas, zona de comida e tendas e haberá unha carpa para os concertos por se chove.

Que é o máis difícil de organizar nun festival? É complicado conseguir financiación?
A verdade é que non pensabamos que dese tanto traballo, hai que invertir moitísimas horas. A financiación sempre é complicada, ás veces até da vergoña ir pedindo diñeiro por todos lados pero senón o fas estás perdido. Hai que falar con moita xente, dar bastante a lata, buscar moito e, ao final, ter un puntiño de sorte que sempre é necesaria.

Introdúcese algunha mellora?
Solicitamos o corte da carretera da Marosa para que sexa máis seguro é cómodo. Vendo o lixo que resulta destes eventos queremos que a Osa do Mar sexa un festival verde, respetuoso co medio ambiente. Por iso este ano haberá basos reutilizables e contedores de reciclaxe dentro e fora do recinto.

Que significa para vostede realizar este evento?
Estou moi orgulloso polo que logramos. É moi gratificante sacar a diante unha iniciativa dende cero e ademais sen ánimo de lucro, so co afán de aportar unha imaxe fresca da nosa comunidade e de proporcionar unha boa maneira de rematar o verán cunha gran festa.

Marcos Reimunde: "Elaboramos un cartaz arriscado que non se ve...
Comentarios