martes. 20.04.2021 |
El tiempo
martes. 20.04.2021
El tiempo

Margarita Ledo: "Non podemos concederlles o pracer de chamarnos matriarcado"

Margarita Ledo. TAMARA DE LA FUENTE
Margarita Ledo. TAMARA DE LA FUENTE
O filme 'Nación’, dirixido por Margarita Ledo, repasa a historia dun grupo de mulleres de Ponte Sampaio traballadoras da fábrica de louza Pontesa e a súa loita por manter os postos de traballo. Chega hoxe aos cines de Pontevedra recuperando a memoria das súas mobilizacións

"Non traballedes gratis". Desta máxima pronunciada por unha traballadora de Pontesa atopada por Margarita Ledo (cineasta, xornalista e investigadora) entre imaxes de arquivo parte a película Nación.

Cando se fala de loita obreira pénsase en sectores masculinizados como o metal ou o naval. Faltaba por contar unha parte do relato?
Eu sitúo ese relato nesa épica das mulleres. Xusto en Pontevedra porque hai tres sectores fundamentais na incorporación da muller ao traballo remunerado que é a alimentación, no caso da conserva; o textil, como Regojo, e a louza, que é o caso de Pontesa. A finais dos anos 80 estas industrias comezan a ser desmanteladas e dáse a loita por manter os postos de traballo, un dereito básico. Iso estaba por relatar dende os propios corpos e as voces das mulleres.

A memoria destas mulleres pervive en Ponte Sampaio?
Si. Falamos de instalacións industriais que artellan toda unha bisbarra. Rodamos unha das secuencias no bar A Romana, de Ponte Sampaio, e tratábannos tan ben porque a propietaria traballou na Pontesa. Calquera estaba relacionado coa fábrica. Ademais, o caso segue aberto, porque seguen reclamando a unha inversora que comprou parte dos terreos que pague o acordado. Por outra banda, a da fábrica é unha imaxe forte no emprazamento porque é unha construción exemplar na súa época e agora, a súa arquitectura debería estar protexida.

A orixe desta película foi unha frase que atopou nunhas imaxes de arquivo nas que unha operaria dicía: "nunca traballedes gratis". É unha máxima que segue vixente. Perdéronse dereitos dende entón?
Completamente. Asistimos a un desmantelamento da industria e somos unha sociedade na que a persoa que non ten un salario ten que depender. Polo tanto, non é unha persoa a corpo enteiro. Isto é o que lles pasaba ás mulleres da Pontesa. Tiveron que volver para casa e isto foi unha gran inxustiza, é algo que forma parte do que chamamos discriminación estrutural. Esa afirmación é a máis contemporánea da película. Cando falo coa xente nova dinme: "esas somos nós2. Identifican esa frase coa situación de precarización actual. Ocorre dende que o sector terciario se foi precarizando ata niveis extremos, incluso ata o punto de traballar sen cobrar. Isto é algo que non se pode facer porque alimenta ao inimigo. As mulleres de Pontesa descubrírono moi cedo.

Traballar sen cobrar alimenta ao inimigo, iso foi algo que as mulleres de Pontesa descubriron moi cedo

A diferencia co presente é que agora as traballadoras están máis illadas.
Foise inculcando nas últimas décadas a idea de que todo estaba resolto. Pero iso era unha forma de desvinculármonos a través dos nosos intereses comúns. Xa non hai fábricas, e incluso as que hai prohíben directamente a actividade sindical e isto é algo que está pasando na actualidade. Iso, combinado coa deslocalización, reforza o illamento. O teletraballo e a pandemia viñeron como auga de maio para iso. Temos que estar alerta porque imos chegar a un punto en que a indefensión sexa total e poidan facer con nós o que queiran por ese interese absurdo de concentrar o poder en moi poucas mans que vai levar á destrución mesma do planeta. A única compensación histórica é que eles mesmos serán devorados e destruídos tamén, aínda que xa fan prospeccións en Marte...

Falaba da épica das mulleres e mesmo na cultura popular se menciona o matriarcado galego, se ben esta é unha cuestión polémica.
O matriarcado non existiu nunca. O poder non deixou de estar en mans masculinas. Mesmo cando o home emigra, ela ten que asumir un papel de pater familia, pero iso non significa ter poder, senón máis ben ter un rol de peana. O que si temos é unha historia de manifestación pública, de traballo no agro e no mar, e unha memoria moi recente das confrontacións. Por exemplo, no caso da defensa dunha praia comunal como a de Baldaio, a mobilización estivo dirixida por unha muller, Olivia Pose. Esa performance no espazo público é o único empoderamento que temos, pero non podemos concederlles o pracer de chamarnos matriarcado porque para que existise tería que desaparecer o patriarcado. Non é unha cuestión de xénero biolóxico, é unha cuestión de poder.

Máis que matriarcado, entón, o que temos é o costume de rebelarnos.
Iso si que o temos. Rebelámonos coa palabra, coa acción, co pensamento... Para isto é moi importante estar conectadas e eu penso que, en Galicia, o feminismo está ben organizado. Iso é importantísimo para respirar xuntas.

Aquí existe a memoria das mariscadoras de Lourizán, que enlaza tamén co ámbito sindical porque estes días os traballadores de Ence protestan contra as leis que limitan a continuidade de Ence na ría.
A de traballadores defendendo a morte da ría é unha paradoxa. O dereito ao traballo existe, e hai que garantilo, pero non pode ser a costa de calquera cousa. Sempre hai que confrontar complexidades coma esta. Eu estou en contra de que Ence siga na ría.

Como foi o traballo coas operarias e co equipo da película?
Eu creo que se creou un espazo de confianza. Tratábase de que elas contasen a súa experiencia dende o seu corpo para outras persoas e creo que o conseguimos. Foi para min moi rico vivilo. Como cineasta, como persoa, como investigadora, como modo de achegarme á complexidade do real nunca poderei agradecérllelo o suficiente. Agardo que para elas fose tamén unha experiencia grata, coido que foi así, e que isto compense a ingratitude institucional cara elas, así como o maltrato por parte da patronal. Un maltrato en sentido simbólico, por facerlles perder un dereito como o de traballar; no sentido material, por empobrecelas, e no sentido corrosivo de demorar no tempo, porque moitas xa faleceron, a solución de algo que aínda está aberto. Elas son aínda corpos abertos.

Margarita Ledo: "Non podemos concederlles o pracer de chamarnos...
Comentarios
ç