Domingo. 18.11.2018 |
El tiempo
Domingo. 18.11.2018
El tiempo

Margarita Ledo: "Otero Pedrayo estaría ao meu pé, a favor de que as mulleres ocupemos o espazo público"

Margarita Ledo, no Sexto Edificio. OLGA FERNÁNDEZ
Margarita Ledo, no Sexto Edificio. OLGA FERNÁNDEZ

Pioneira, como en toda a súa traxectoria profesional, a académica foi a primeira muller en recibir o Premio Otero Pedrayo, que conceden as deputacións galegas e máis a Xunta de Galicia, 40 anos despois da súa creación

Primeira decana da facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, directora de medios de comunicación, exiliada política nos anos 70, académica e cineasta. Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) foi quen de romper as barreiras que a separaban daqueles espazos reservados para os homes. Este luns converteuse na primeira muller en acadar o Premio Otero Pedrayo.

Tiveron que pasar 40 anos para que o Premio Otero Pedrayo se lle entregase a unha muller.

É un síntoma do silencio e o control que houbo sobre as mulleres, pero tamén é un síntoma de mudanza e de gozo, porque o propio Otero Pedrayo foi dos que apoiaron nas cortes da Repúbica, cando era deputado, o voto para a muller, para que foramos cidadás plenas. El estaría ao meu pé, a favor de que as mulleres ocupemos o espazo público que nos corresponde.

Ten unha especial relación con Otero Pedrayo; entre outras cousas, senta na mesma cadeira da Real Academia Galega que ocupou el.

Si, el ocupouna dende o 1929 ata o 1976. Logo estivo alí Monseñor Araúxo, que era bispo de Mondoñedo. A miña relación con Otero comeza como xornalista, cando fun cubrir un evento e o escoitei falar por primeira vez. Continúo coa lectura dos seus textos, marcoume especialmente o ‘Ensaio histórico sobre a cultura galega’, ao que lle fago unha homenaxe no meu propio discurso de entrada na academia, e os seus ensaios e textos xornalísticos. El mantivo en pé aquilo que nos identifica como ‘comunitas’ como ‘nós’: a língua. Nunca se abaixou, como naquela despedida da Universidade de Santiago de Compostela na que pronuncia ‘espontaneamente’ a súa conferencia maxistral en lingua galega. Esa foi a primeira vez que se fixo despois da guerra.

"Buscamos a igualdade, que é o principio cidadán de base. Eu farei folga, ao igual que o domingo estiven na manifestación de Vigo"

Quen mantén en pé a lingua hoxe en día?

A lingua é unha creación colectiva, pero a función do intelectual é a de darlle visibilidade. Neste momento hai moitos colectivos e posicións políticas que reclaman unha toma de posición sobre a lingua. Estamos nun momento delicado e remítome ao último informe da Real Academia Galega.

Cal é o papel das institucións neste contexto?

Son moi importantes porque representan unha sociedade e non caen do ceo. Son mediadoras do que a xente representa e do que reclama. Se non fan o correcto contribúen á desaparición non só da lingua, senón tamén da sociedade que a creou e que ten un lugar no mundo. A través da lingua tamén nos estimamos, polo que están acabando tamén coa capacidade de querérmonos, e iso é terrible porque conleva unha gran desconexión do resto da sociedade.

É o que se coñece como autoodio.

Si. Non só o autoodio, senón que tamén odias ao resto. Estase creando unha doenza social da que saír é moi difícil. As institucións, que viven de nós e están chamadas a representarnos, teñen esa obriga. E non só no que se refire á lingua, senón tamén á terra como paisaxe, como recurso e como harmonía. A ecoloxía é unha das grandes achegas das últimas décadas. Otero fala da chaira como o berce do Miño e é triste que hoxe en día este río estea ameazado porque lle plantaron enriba eucaliptos. Un país que permite isto –mediante as súas institucións– está autoexcluíndose da civilización e da súa propia existencia.

É vostede pesimista.

Ás veces póñome dramática, pero non, son optimista. Sempre hai unha saída. Eu animo a responsabilizarnos do tempo que nos toca e do país que temos.

Vostede rompeu moitas barreiras ao longo da súa traxectoria: foi decana, é académica da RAG, dirixiu medios de comunicación... O próximo 8 de marzo haberá unha folga de mulleres que siguen pedindo o mesmo que xa se pedía hai moitos anos.

A igualdade, que é o principio cidadán de base. Eu farei folga, ao igual que o domingo estiven na manifestación de Vigo. Esta non é só unha folga laboral, senón damén de coidados, para reivindicar o papel silenciado da muller en moitos ámbitos onde nin sequera está remunerado. Pero eu tiven a sorte de nacer nunha familia onde non había distincións. Miña nai traballaba e as miñas irmás tamén. Meus irmáns saben cociñar e eu non, por exemplo.

"Cada momento ten os modos de participación que as condicións crean. Na clandestinidade, para dicir o que pensaba, tiña que empregar unha organización como era a UPG (Unión do Povo Galego)"

 

Cre que nesta ocasión as mulleres están especialmente concienciadas?

Na manifestación de Vigo, por exemplo, había moitos homes e xente de todas as idades, o que quere dicir que o feminismo non é unha cuestión de xénero biolóxico, senón algo que interesa a toda a sociedade. Libéranos de prexuízos que nos veñen impostos a todos e a todas, tamén aos varóns que non exercen o poder ou que non son patriarcais.

Como foi cambiando a súa percepción da política e o xeito de participar na vida pública?

Cada momento ten os modos de participación que as condicións crean. Na clandestinidade, para dicir o que pensaba, tiña que empregar unha organización como era a UPG (Unión do Povo Galego). Era un partido que recollía o ronsel do propio partido galeguista, de Castelao, con posturas antiimperialistas e que incorporaba o marxismo. Estaba nos tempos da linguaxe dos anos 60, nas loitas de liberación nacional como as de Cuba ou Arxelia... A partir de aí, segundo os espazos nos que podes intervir, vas cambiando. Eu agora podo participar en certos espazos nos que antes non podía. Eu fago proxectos europeos en galego que logo son traducidos, a docencia exérzoa en galego e escribo tamén nesa lingua. Participo noutro tipo de emprendementos, como pode ser o cinema. Eu, e calquera persoa, aplico un programa político xeral en función de como creo que debe transformarse unha sociedade.

Sempre estivo relacionada coa universidade. Como cambiou dende os anos 70, cando vostede estudou, ata a actualidade?

É complexísimo porque o Plan Boloña foi un corte coa tradición anterior da universidade pública. Fragmentou tanto o coñecemento que é moi difícil na actualidade saber se estás formando con algo que poida igualar ás persoas. A partir do segundo curso os alumnos xa poden marchar a outros lugares. Polo tanto,hai unha disgregación que está pensada para que ninguén se sinta de ningunha parte, para que se formen mentes especializadas en algo, cando normalmente as especialzacións quedan obsoletas moi rápido. No aspecto da comunicación, esquécese que é un mundo de relación. Trátase de relacionar coñecementos, non en especializarse. Ese é o problema fundamental da universidade. A dispersión vai acompañada do esfarelamento das linguas que se utilizan, porque o galego cada vez utilízase menos na universidade, incluso na de Santiago, que era o faro onde precisamente Otero Pedrayo deu aquela ‘Última lección’. Xusto agora, a universidade está incorporando, cun debate mínimo e cunha conciencia crítica menor, o Plan Boloña, que non é máis que un programa neoliberal, no cal os intereses non son o coñecemento. Pero hai un fenómeno que non se pode ocultar: a expulsión de persoas que a propia universidade está formando e se ve na obriga de render e aplicar os seus coñecementos noutras sociedades. Esta, como é algo moi gravoso e indefendíbel, é a gran contradición que ten a universidade neste momento como parte da sociedade.

Margarita Ledo: "Otero Pedrayo estaría ao meu pé, a favor de que as...
Comentarios