jueves. 20.02.2020 |
El tiempo
jueves. 20.02.2020
El tiempo

María Carrera: "Cando subo ao escenario transfórmome"

María Carrera (Pontevedra, 1971). EMILIO MOLDES
María Carrera (Pontevedra, 1971). EMILIO MOLDES
A cara da actriz está ligada ao concurso de murgas, que presenta dende hai dez anos. Pero, agora mesmo, María Carrera é sobre todo ‘Valiente’

Vén de estrear unha peza de microteatro que escribiu, dirixiu e protagonizou, Valiente.

Si, un traballo moi persoal, que saíu a raíz da morte do meu mozo, hai tres meses, de cancro de pulmón. Nesta obra conto toda a nosa historia, dende que nos coñecemos en Madrid.

Porque vostede está agora afincada na capital de España.

Dende hai dous anos e medio. Pero sempre que me chaman, veño. É importante aclarar que Valiente é unha obra alegre, que me funcionou case de terapia. Porque as primeiras semanas foron moi duras para min. Odiaba a todo o mundo, non quería actuar... Horrible. Pero fíxena porque na súa última noite, Santiago, Santi, díxome que a ver cando lle facía unha obra de teatro, que só facía cousas para os nenos e para o Entroido... Prometinlle que lla ía facer. E cumprín.

Estreouna na sala La Escalera de Jacob, de Madrid.

O 17 de xullo. Estiven tres mércores alí. Despois, viñen con ela a Pontevedra, a El Pequeño e a La Taberna del Jazz. Agora vou estar en Vigo e tamén me gustaría moito levala a Bueu, que é un sitio moi especial para min.

Conseguiu entón que saíse unha peza luminosa dunha historia con final triste.

É verdade que todo o mundo chora ao final, pero non porque sexa unha obra amarga, senón porque se emociona. Diso tamén trata o teatro: de emocións. Aínda con todo, a nosa é unha historia bonita. En realidade, é unha homenaxe a Santi.

Unha declaración de amor.

Exacto! Porque a min nunca me pasara o que me pasou con el, namorarme desa maneira. Conectamos dun xeito incrible. Tiñamos os mesmos gustos: escoitar música en directo, pasear por Madrid, ir ao teatro...

Vai xirar máis con esta obra?

Gustaríame moito! Vou tratar de facela algunha vez máis en Pontevedra. Quizais levala tamén a Valencia...

Estrear en Madrid foi complicado?

Neste caso xusto, non. Cando cheguei a Madrid tratei de moverme polos colexios e polos centros culturais e nin sequera me contestaban. Só nun colexio de Vallecas, ao que fun actuar. Pero cando rematei Valiente, que escribín entre Madrid e Xenebra, e lla mandei a La Escalera de Jacob, recibín resposta ao día seguinte.

A música é moi importante na obra.

Porque era moi importante para nós. Almorzabamos con música, xantabamos con música... Así que aí están David Bowie, George Harrison, o cantautor David Villanueva... Segundo ía escribindo a obra, víñanme as cancións á cabeza. Menos a primeira, que ma pasou a miña curmá dicíndome: "esta é a vosa historia". Era Wild is the Wind, de David Bowie.

Valiente foi el, pero tamén vostede por compartir unha historia tan persoal.

Non, non. Valiente foi el. Dende o principio, cando lle detectaron esa mancha horrible, ata o último día. Pelexou todo o tempo, ata o último momento.

Animarase a escribir máis?

O outro día, Luis (Garea), de La Taberna do Jazz, preguntoume por que non me animaba a facer unha obra completa sobre este tema. Pero non sei se me atreverei... Quen sabe. Fíxate que cando estou representando esta obra son feliz. Tamén é verdade que son feliz sempre que subo ao escenario. Cando subo ao escenario transfórmome. Aquí, por exemplo, non son a María do Entroido.

Nin a pirata Lola, coa que encheu hai uns días a Praza do Teucro, dentro da programación do verán do Concello.

E mira que facía calor ese día! Tiñamos un pouco de medo de que a xente fuxira para a praia. Pero non, foi espectacular a acollida. Aparézolles coa guitarra acústica e coa eléctrica e as nenas e os nenos flipan. Se non chega a ser por isto, polo escenario, polo teatro, que me dá a vida...

Como se fixo vostede actriz?

Uf, de casualidade total. Eu estudei Maxisterio. Cando acabei non había oposicións, así que me puxen a facer o Tafad (Técnico en Animación e Actividades Físico Deportivas), porque eu estaba na Gimnástica de Pontevedra. Facía marcha atlética. Un día vin un anuncio dun curso de fotografía. Quixen ir, pero con quen me atopei foi con Manuel Solla, do grupo Expresión. Así que me apuntei a teatro. E xa nunca o deixei.

Despois formou o dúo Pekanekas con Eva Garra.

Si. E xuntas empezamos a presentar o concurso de murgas, hai xa máis de dez anos. Lémbrome que nos chamou Sarandeses (José Luis, responsable da loxística e da coordinación das actividades festivas do Concello) unha mañá para presentalas esa mesma noite. Eva, que era moi botada para adiante, dixo que si, que si, e alí fomos. Despois, ela marchou para Madrid e quedei eu.

Cantos disfraces pode chegar a usar en cada Entroido?

Ao principio usaba só un. Pero agora levo un ou varios, depende, cada día do concurso, máis o do pregón e máis o do loito do Ravachol. Así que bastantes. Teño ido de Marge Simpson, de Vilma Picapiedra, de Cruella de Vil... Antes tamén era só unha presentación, pero agora as murgas poden tardar dez minutos en prepararse, así que hai montar un número, ensaialo... Aínda que a verdade é que me encanta. Gózoo moito. E a xente é moi moi agarimosa comigo. Párame pola rúa e todo. Como se fora Penélope Cruz. Fanme sentir como unha estrela. Sempre me digo: que chulo é facer rir á xente.

María Carrera: "Cando subo ao escenario transfórmome"
Comentarios