sábado. 22.02.2020 |
El tiempo
sábado. 22.02.2020
El tiempo

María Costas, acriz e cantante: "Eu son o que son porque fixen o que fixen"

María Costas (Vigo, 1959). GONZALO GARCÍA
María Costas (Vigo, 1959). GONZALO GARCÍA
Viguesa afincada en Pontevedra, voz de Antilia, premio Mestre Mateo por 'Dhogs', tanto traballa con Cadaval como en 'O sabor das margaridas'

Que foi antes, actriz ou cantante? 

Empecei no teatro. No grupo Artello, con Morris, Ernesto Chao, Rosa Álvarez, Alfonso Agra... Como alí había xente que tocaba e eu cantaba, sempre acababamos metendo nas funcións algo de música. Así que, en realidade, comecei sendo actriz e cantante ao mesmo tempo. 

A música e a interpretación son cousas parecidas? 

Son disciplinas distintas, pero con moitas cousas en común. Ao final, estás usando a voz e o corpo para contar historias. As cancións non son outra cousa que historias en pílulas. Hai países nos que todo isto está moi mesturado. En Norteamerica, por exemplo, un actor soe ter formación en interpretación, pero tamén en música, en danza... Aquí non é así. De feito, unha vez escoiteille dicir a Lucía Jiménez, que tamén é actriz e cantante, que en España mesmo pode ser un handicap facer as dúas cousas. Algo diso hai, como se se vise con desconfianza a unha boa actriz que tamén canta ben. No meu caso, cando despois de moito tempo volvín ao teatro co musical Galicia Caníbal, Quico Cadaval dicíame: "Eu creo, María, que ti sempre pensaches que eras unha cantante á que lle gustaba interpretar, pero non sei se serás unha actriz á que lle gusta cantar". 

Agora mesmo ten moito peso a súa carreira como actriz, pero mantén un proxecto musical, Antilia, xunto a José Churruca. 

El é guitarrista e eu canto. Comezamos facendo versións moi persoais, pero como tiñamos cancións propias acababamos meténdoas sempre polo medio. Rematamos creando Antilia. Demos cun produtor, Javier Abreu, que entendeu moi ben o que queriamos facer e nos axudou a que o proxecto fose máis sólido e diferenciado. No que facemos hai algo de pop, algo de raíz, algo de folk, algo de jazz... Penso que se nota o que levamos no noso arquivo sonoro. A min, por exemplo, gústanme moito Joni Mitchell, Janis Joplin... 

Moita xente que podería pensar que non a coñece na súa faceta musical, en realidade si que o fai. Porque vostede púxolle voz a moitos jingles e sintonías das cabeceiras da Televisión de Galicia (TVG) e foi a vocalista da súa orquestra. 

Si, moita xente non asocia que son a mesma persoa. Tamén me preguntan ás veces con sorpresa: "Pero ti eras a do grupo Club Naval? ". Custa casar a esas dúas persoas: a que fun e a que son. 

A vostede tamén lle custa? 

Eu son o que son porque fixen o que fixen. Disto non cabe dúbida. Naquela época, houbo momento, sobre todo ao principio, no que todo aquilo me resultaba moi interesante. Pero cando Club Naval fichou por Hispavox, unha discográfica moi potente, perdemos o control do que faciamos. Mecano estaba arrasando e había que parecerse a Mecano. Coa Orquestra da TVG tamén comezamos facendo un repertorio moi interesante, con músicos moi bos, arranxos moi chulos... Todo era moi adrenalínico porque funcionabamos a toda velocidade. Aprendín moitísimo. Pero nos últimos anos sentía que estaba rebotando contra o teito. Ata que finalmente me dixen "agora ou nunca". E volveron entón as oportunidades no teatro, o casting de Galicia Caníbal... E aí fun de cabeza. 

"Foi unha alegría marabillosa o que pasou con 'Dhogs'! Creo de verdade que é xa unha película de culto"

É actriz fixa nas producións de Excéntricas. Que importancia ten na súa traxectoria terse cruzado con Quico Cadaval? 

Moita. Débolle a miña volta ao teatro. Pero a Quico Cadaval coñecino hai moitos anos, no 80 e tantos, nunha Ultranoite da Sala Nasa de Santiago, na que lle tocou presentarnos a Enma Pino e a min, que tiñamos un proxecto cabareteiro que se chamaba Bloody Mary. Eu esa noite saín de alí sendo fan del e de Mofa e Befa, que tamén estaban nos seus inicios. Que podo dicir? Para min é moi cómodo traballar con Quico. Á parte de que é unha enciclopedia ambulante e de que é un tipo cultísimo, é moi divertido. Entendémonos moi ben. É sempre unha alegría que se lembre de min e que me convertera nun membro externo de Excéntricas, que é case como unha familia. 

No audiovisual, a súa interpretación en Dhogs valeulle un premio Mestre Mateo. 

Foi algo tan xenial o de Dhogs. Sen casting nin nada. Chamáronme porque me deberon de ver en Casa Manola (TVG) ou algo así. Non tiña nada que ver, pero algo debeu cheirar Andrés [Goteira] que podía dar de min e fíxeno. O premio foi unha sorpresa alucinante. Estaba aí con esas mulleres ás que tanto admiro, con esas traxectorias... Eu! Que era como unha recén chegada! Foi unha alegría tan marabillosa! Sobre todo, porque foi unha alegría compartida. Case todo o equipo foi premiado. Merecíano tanto! Creo de verdade que Dhogs é xa unha peli de culto. 

Outro proxecto no que participa é a serie O sabor das margaridas, que non tivo tanto éxito en Galicia como na súa distribución internacional a través de Netflix. 

Si, verdade? Segue pasando isto de non valorar o que facemos por falta de autoestima. E esta é unha historia que chama a atención pola súa calidade, a pesar de facerse cuns medios xustiños. 

Onde a imos atopar este ano? 

Pois está a miña participación na segunda temporada de O sabor das margaridas, que acabo de rematar, e na adaptación de Shakespeare de Excéntricas [Medida x medida, que puido verse en outubro en Pontevedra]. Tamén están a punto de estrearse a película El Santa Isabel, de Paula Cons, e unha miniserie que fixen en Portugal, A espía, unha coprodución ambientada na Segunda Guerra Mundial.

María Costas, acriz e cantante: "Eu son o que son porque fixen o...
Comentarios