''Moitas zonas de sombra na televisión analóxica tamén o serán na TDT''

María Cruz Martínez, trala súa charla en Xuventude Galiza Net (Foto: M.G.)
photo_camera María Cruz Martínez, trala súa charla en Xuventude Galiza Net (Foto: M.G.)

En dous anos, salvo desgracia irreparable, a televisión que vexamos virá en formato dixital por ondas terrestres. Pero aínda que a TDT formará parte das nosas vidas en moi pouco tempo, son moitas as cousas que descoñecemos sobre a chegada deste sistema de trasmisión.

Os participantes da Xuventude Galiza Net puideron aclarar as súas dúbidas na charla que ofreceu María Cruz Martínez, enxeñeira de telecomunicacións da oficina da TDT da Xunta, que espuxo as vantaxes do novo sistema dixital, e presentou os avances que se están a dar de camiño ao apagón analóxico en Galicia.

Pregunta: Teremos TDT no 2010 como está previsto ou haberá un "efecto AVE" na televisión dixital?

Resposta: Home, iso non se saberá ata que chegue o 2010. Por agora vanse cumprindo os prazos que están previstos por lei de porcentaxe de poboación cuberta, pero ata o final non podemos estar seguros de todo.

P: A cobertura á que se quere chegar mídese en persoas, non en territorio...

R: Si. Ademáis non é obrigatorio por lei que estea cuberta o 100% da poboación, polo que hai zonas que non van ter a que acollerse para solicitar que se lles preste o servizo de televisión dixital terrestre.

P: E se cando acabe o paso ó dixital coincide que vivimos nunha zona "de sombra", sen cobertura?

R: Ata o de agora aínda non se despregou a rede principal de transmisión, non sabemos se quedarán zonas de sombra ou cáles serán. Pódese intuir, porque hai zonas de sombra en analóxico que tamén sexan zonas de sombra en dixital. No caso de que vivas nunha zona de sombra, é o concello o que ten que instalar repetidores de baixa potencia ('gapfillers'). Ademáis, teñen que facelo eles, porque ten habido casos nos que unha comunidade de montes queren poñer un destes 'gapfillers', un 'encheocos', e poden pagalo, pero a titularidade ten que ser do concello.

P: Sempre nos quedará o satélite...

R: A opción de recibir por satélite sempre a hai, o que pasa que hai que pagala, fronte a TDT que é gratuíta. Ao mellor dáse o caso de que un concello non pode permitirse un 'gapfiller' para un lugar con dúas ou tres persoas, nese caso a única solución é o satélite. Ós concellos correspóndelles ocuparse destes pequenos repetidores, pero non están obrigados por lei.

P: Cales son as maiores dificultades técnicas para que despregar a TDT en Galicia?

R: Hai que ter en conta que non se van construir infraestruturas novas, as antenas, só se cambiarán os transmisores. Nese aspecto o único que fan falta son cartos para levar a cabo a sustitución. O que se pretende conseguir sexa similar ou mellor á analóxica.

P: Por hai tanto optimismo coa televisión dixital terrestre e sen embargo parece tan dificil levar a banda ancha ao rural?

R: Ó final é o que acabo de dicir, é cuestión de diñeiro. A banda ancha é cuestión sobre todo de empresas privadas, e se non lle compensa, non a despregan, xa que non están obrigadas. Outra cousa é a televisión estatal e autonómica pública, que sí que teñen ese deber. Pero as televisións privadas tamén se moven así, de feito, o reemisor principal en Ourense, o de monte Meda, non emite nin Antena3, Telecinco nin Cuatro, só as públicas.

P: Cales son as dúbidas máis habituales sobre a TDT?

R: Normalmente, a xente chama porque "non recibe ben a TDT". Hai distintas situacións. Pode ser que non teñan ben adaptada a antena, ou por outros motivos, pero telefónicamente non se pode resolver. Nós recibimos máis queixas de concellos que directamente de particulares, pero o principal problema é que se emite publicidade da TDT sen estar toda a rede despregada, polo que hai xente que se queixa de que non recibe o sinal dixital sen saber que aínda non chegou á súa vila.

P: Haberá diferencia de recibir o sinal de TDT dende un trasmisor principal ou dende un pequeno 'gapfiller'?

R: Non, a diferencia entre eles é de pontencia, non de calidade. Se estás dentro da súa área de influencia, os datos chegan igual. O problema é que non haxa obstáculos entre o emisor e a túa antena. O problema da televisión é que ten que haber visión directa entre o transmisor e o receptor Se estás a un quilómetro, pero no medio hai un monte que non deixa ver a antena, non vas a ver a televisión. Se ten máis potencia ten máis alcance, pero iso non resolve o problema da visión directa. De feito, aquí en Santiago temos o monte Pedroso, que é un reemisor potente, na zona da Avenida de Lugo non se recibe ben a súa sinal.

Comentarios