María Ifeu, Os Resentidos e Ortiga no 16º aniversario da sala Karma

O local pontevedrés inclúe na súa programación unha sesión vermú, dúas noites de micro aberto e varios acústicos
Cartel deseñado por Diego Guillotina Estudio. DP
photo_camera Cartel deseñado por Diego Guillotina Estudio. DP
A sala Karma de Pontevedra comeza esta semana a celebrar o seu 16º aniversario. "En realidade, 16 menos 1", explica o seu xerente, Marcos Rivas, referíndose a que en 2021 non se puido realizar a tradicional programación de concertos debido á pandemia. De aí que o lema co que se celebrarán desta vez os directos será Vela perdida. Polo menos, este ano o espazo desquítase. "Aínda que só a medias, porque xa houbo que aprazar concertos previstos para xaneiro e febreiro, trasladar propostas a despois do verán... Con normalidade aínda non se traballa".

Con todo, a sala ten programados unha vintena de concertos, tendo en conta que dous están pendentes de anunciar pola cervexa que patrocina o local, e deixando á parte o cartel de DJ que animarán as madrugadas.

"Seguimos apostando por mesturar indie e rock, cousas chegadas de fóra e proxectos de aquí", conta Rivas. A programación quedará aberta por parte dos arxentinos Cápsula o venres 4 de febreiro e rematará o 23 de abril coa banda madrileña Aurora & The Betrayers. No medio das dúas propostas combínanse, como di o xerente da sala, propostas diferentes. Hai previstos, por exemplo, concertos de artistas tan importantes da historia da música galega recente como Nicolás Pastoriza (11 de febreiro) ou Os Resentidos (25 de marzo). Os seus directos complementarán os doutros grupos máis apegados á actualidade como Terbutalina (19 de febreiro), que ofrecerá unha sesión vermú; Ortiga (26 de marzo), que fixou esta data despois de aprazala en dúas ocasións por causas relacionadas coa pandemia, e Isius (1 de abril), que acaban de publicar novo disco.


Concertos destacados
4 de febreiro Cápsula
Dende a escena rock underground arxentina chega Cápsula, os encargados de abrir o venres a programación do aniversario.

11 de febreiro Pastoriza
Dúas referencias fundamentais do pop e do rock galego actuarán en Karma: Nicolás Pastoriza (febreiro) e Os Resentidos (marzo).

24 de marzo Sienna
A patrocinadora da sala, a cervexa Mahou, confirmou varias actuacións, entre elas a do cantante e compositor valenciano Sienna.

23 de abril Aurora
O aniversario pecharao Aurora & The Betrayers, último proxecto da artista madrileña Aurora García (Freedonia).

VIBRA MAHOU. Polo que se refire aos concertos que patrocina a cervexa Mahou dentro do seu circuito de locais por toda España son, á parte do mencionado de Pastoriza, os da banda Shinova (18 de marzo) e do valenciano Sienna (24 de marzo). A maiores está programado un concerto da cantante e compositora sevillana María Yfeu (19 de marzo), organizado por San Miguel On Air.

Apoiado por Mahou tamén se celebrará un concerto de Frans Banfield (Los Hijos del Rigor) en El Pequeño, outro espazo que Rivas xestiona en Pontevedra e que se concibíu como irmán pequeno de Karma. "Os concertos de Nicolás Pastoriza e de Frans Banfield serán en El Pequeño, e agardo que haxa máis", explica o responsable do local. "A miña intención é montar aí unha serie de acústicos de calidade invitando a máis xente como Ale [Los árboles]".

Dende Karma tamén se destacan as noites de micro aberto que se programan da man de Black Hole e Queco Lago. "Están tendo moito éxito. Estamos moi contentos con como están funcionando". Haberá, cando menos, unha en marzo e outra en abril.

Finalmente, Rivas, que tamén é o responsable da promotora Jack-Jack, conta con sacar adiante, unha vez rematado o aniversario da sala, o festival Galegote Rock. Pendente do Concello, tamén pensa xa na posible recuperación do outro festival que organiza en Pontevedra, o Surfing the Lérez, que ten como sede a Illa do Covo e que leva dous anos sen celebrarse a causa da pandemia.

Comentarios