María Marco: "Amar non é outra cousa que coidar"

Doutora en Belas Artes, comisaria e crítica, coa súa primeira obra narrativa, 'Coidadora' gañou o Xerais 
undefined
photo_camera María Marco (Vigo, 1979). MGV/ XERAIS

Probablemente sexa a única autora que teña gañado o Premio CGAC de Investigación e o Premio Xerais.

Eu comecei coa escritura dende a crítica, porque o que estudei foi Belas Artes. Pero sempre tiven curiosidade por saber que pasaría se traballase a ficción. Decidín facelo un día, pasar ese límite que marca a escritura académica e ortodoxa, e saíu ‘Coidadora’. Gañar con ela un premio como o Xerais empodera moitísimo e dá esperanza e autoconfianza. Foi unha sorpresa moi bonita.

'Por min e por todas as miñas compañeiras'. É a dedicatoria do libro.

Claro. Eu quería facer unha obra de autoficción, pero sobre todo quería poñer en valor a figura feminina da coidadora, porque é unha figura invisibilizada, precarizada... Isto é algo que eu coñezo en primeira persoa. Pero quería ir máis alá da miña experiencia. Porque Galicia ten unha das pirámides de poboación máis envellecidas de Europa. Que futuro lles espera ás nosas nenas? Para min todo isto é unha preocupación importante porque se non empezamos a falar do tema e as institucións non empezan a adquirir un compromiso cos coidados non sei que vai pasar. O número de coidadoras nos próximos anos vaise duplicar ou triplicar. E cada muller que pasa a dedicarse aos coidados deixa á parte todo o demais. Un dos meus obxectivos era ese, crear como unha conciencia de clase.

É unha novela, pero vostede recoñece que xoga co que se denomina autoficción. Canto do que conta é verdade?

Moitísimo. A categoría é autoficción, pero os relatos que inclúo son auténticos. E a parte de ciencia ficción tamén está baseada en artigos sobre neuroloxía. Porque outra idea que me interesaba era falar do futuro que imos atopar Así que me documentei moitísimo con ‘papers’ sobre o funcionamento do cerebro. Aínda que despois se ficcione, sempre é unha ficción ancorada á realidade. Penso que isto tamén fai a novela atractiva para xente cuns intereses máis científicos, que poida identificarse con esa exploración. Gustaríame que así fose.

Hai outras autoras contemporáneas que veñen poñendo o acento sobre os coidados. 'Cuidar es uno de los principales valores', dixo, hai uns días, Irene Vallejo.

Eu síntome moi orgullosa de que o tema dos coidados comece a aparecer na axenda dos medios de comunicación. Porque hai que empezar a falar abertamente deste tema e a facelo sen prexuízos. Hai outras autoras, como Annie Ernaux, que traballan nesta liña. Si, pode ser que haxa unha xeración de autoras que están a poñer en valor tanto a crianza dos nenos como o coidado dos anciáns porque é algo que moitas experimentamos e que sabemos ben da importancia que pode ter que estes temas pasen a ser prioritarios. Que pode ser unha moda? En realidade dá igual. O importante é que se fale disto, que se escriba disto, que as mulleres verbalicemos o que nos pasa, que reclamemos ter voz, porque durante moito tempo tampouco a tivemos no eido literario. Hai que abrir esta porta. Penso que cada vez nos imos atopar con máis obras sobre a vellez, os coidados e como as mulleres viven estes procesos. Paréceme tan interesante como esperanzador.

A súa novela parece estar escrita para darlle resposta a esa cita de Virginia Woolf, que é unha das abre o libro: "Nada queda de todo iso; todo desaparece". Por exemplo, cando conta a historia de Pilar Padín, de Xeve.

En realidade todo parte dun proceso consciente de visibilización destes casos. Efectivamente, xa Virginia Woolf falaba de todos os traballos domésticos perdidos, todo ese traballo feminino que ninguén recoñecía. As escritoras desta última onda feminista recollemos este legado. Dalgunha maneira temos que axudar a que este círculo se peche. É tamén unha maneira de reivindicar a aquelas autoras como pioneiras. Porque todas as mulleres que escribimos autoficción sabemos de onde vimos: delas. Debemos recoñecelo.

'Todos somos dependentes e todos somos coidadores', di nunha das primeiras páxinas do libro. Que ninguén se equivoque, non?

Cando empecei a investigar máis profundamente o tema dos coidados para o libro desenvolvín case o que sería unha teoría do amor. As mulleres tradicionalmente entendemos o amor en termos de dependencia e submisión porque iso é o que nos mostrou case na súa totalidade o que compón a cultura occidental: o cine, a literatura... Pero eu, a medida que ía escribindo o libro, descubría que o amor non é outra cousa que coidar, coidar en diferentes graos. Todos necesitamos coidados ou somos coidadores. Mesmo sen que exista unha enfermidade polo medio. Outra das citas que abre a novela fala diso, do labrego que coida as terras.

Doutorouse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Para min pasar por esa facultade foi fundamental. O doutoramento para min foi definitivo na miña construción como autora.

‘Coidadora’ foi algo excepcional na súa traxectoria ou vai seguir escribindo narrativa?

Fíxate, hai catro meses sufrín unha rotura da rótula, o que me levou a poñerme no lugar do dependente. A min, que sempre estiven no papel da coidadora. Iso fíxome reflexionar e estou empezando a documentarme e a investigar para o que sería unha segunda parte de ‘Coidadora’, unha especie de continuación dende a outra perspectiva, a do dependente.

Comentarios