María Piñeiro e Antía Yáñez gañan a segunda edición do certame 'As mulleres que opinan'

A xornalista de El Progreso e a escritora lucense recollen os galardóns nun acto no que se puxo o foco na necesidade dunha ollada crítica e feminista nos periódicos e se chamou a atención sobre a escaseza de homes entre o público do encontro que inspira este certame
María Piñeiro (esquerda) e Antía Yáñez cos seus premios do certame 'As mulleres que opinan'. DAVID FREIRE
photo_camera María Piñeiro (esquerda) e Antía Yáñez cos seus premios do certame 'As mulleres que opinan'. DAVID FREIRE

Polos artigos Hablar, na categoría de idioma castelán, e As leis de Newton, na de galego, a xornalista de El Progreso María Piñeiro e a escritora lucense Antía Yáñez recibiron, respectivamente, os Premios As mulleres que opinan, que este ano celebraban a súa segunda edición. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Deputación, Luis López, entregáronlle os galardóns este luns, nun acto no que se puxo o foco na necesidade dunha ollada crítica e feminista nos medios de comunicación e se chamou a atención sobre a escaseza de homes entre o público do encontro As mulleres que opinan son perigosas, que inspira este certame xornalístico.

As coordinadoras deste foro, as xornalistas Diana López Varela e Susana Pedreira, contaron que a participación no concurso aumentara con respecto á primeira edición. Pasouse de 19 artigos presentados, a 25. "Deles, 16 estaban escritos en galego e 9 en castelán", indicou López Varela, que reivindicou a ollada "crítica e non compracente" do xornalismo feminista

Ao tempo, esta coordinadora quixo resaltar do texto de Antía Yáñez que puxera o foco "nun asunto que se vén comentando no encontro hai tempo: a ausencia de compañeiros". A este respecto, López Varela lembrou que o foro As mulleres que opinan son perigosas non era un proxecto das súas coordinadoras nin das entidades que o apoiaban economicamente senón que "é de todas e todos".

Pola súa banda, Susana Pedreira subliñou o feito de que as dúas gañadoras deste ano pertencesen a xeracións diferentes, "sepáranas 16 anos", porque precisamente un dos obxectivos do encontro era que todas as mulleres xornalistas estivesen representadas. "É un foro que comprobamos que se converteu nun espazo seguro para as profesionais".

O artigo de María Piñeiro, publicado en El Progreso e no Diario de Pontevedra o pasado 23 de marzo, fala da necesidade de que existan encontros como As mulleres que opinan son perigosas para levar ao debate público cuestións que atinxen ás mulleres no ámbito xornalístico profesional das que ata o momento non se falaba. "Despois de participacións tan francas e abertas, acabar escribindo un artigo sobre isto non é difícil".

Pola súa banda, Antía Yáñez, que presentou un artigo inédito, reflexionaba no seu texto sobre o peso que a sociedade patriarcal e os estereotipos seguen tendo á hora de que as mulleres fagan pública a súa opinión. "As mulleres opinamos, pero opinamos cara dentro", sinalou. "A min un profesor díxome un día que era unha verdulera por falar demasiado alto na clase. Pouco a pouco ímonos cortando. Oxalá a miña filla de 10 meses poida opinar sen que ninguén lle diga nada parecido".

O xurado do certame As mulleres que opinan estivo composto este ano por persoal técnico de Igualdade e prensa da Deputación e do Concello; polas organizadoras do foro, Diana López Varela e Susana Pedreira, e polas dúas xornalistas gañadoras da primeira edición dos premios, Carolina Sertal e Carmen G. Magdaleno.

Comentarios