lunes. 08.03.2021 |
El tiempo
lunes. 08.03.2021
El tiempo

María Reimóndez: "Toda literatura é militante"

María Reimóndez. IVÁN REYMÓNDEZ
María Reimóndez. IVÁN REYMÓNDEZ
Cunha novela de ciencia ficción feminista e ecoloxista, tal e como a propia autora a define, María Reimóndez gañou o I Premio Pinto e Maragota de diversidade sexual e de xénero, convocado polo Concello de Pontevedra e Xerais. 'Cobiza', que así se titula, vén de saír á rúa.

A gran desconexión é unha especie de cataclismo mundial que marca un antes e un despois na distopía que é Cobiza, a novela da escritora e tradutora María Reimóndez (Lugo, 1975) que gañou o I Premio Pinto e Maragota do Concello de Pontevedra. A obra, que edita Xerais, devolve ás novidades literarias a unha autora que xa tiña no seu haber o Premio de Poesía Johán Carballeira, o Premio Agustín Fernández Paz e o Premio Xerais, entre outros. 

De que vai Cobiza
É unha novela de ciencia ficción feminista. Transcorre en dous momentos paralelos do futuro, un máis próximo a nós e outro máis afastado. Entre eles houbo o que se chamou a Gran Desconexión, un cataclismo que supón un retroceso no que foron os avances tecnolóxicos e que creou unha nova configuración mundial. Neses dous espazos temporais atopamos ás protagonistas desta historia. No futuro máis próximo, unha científica, que gaña a "lotería da fertilidade", é dicir, que ten a posibilidade de reproducirse. No outro espazo temporal, uns seres con apariencia humana, pero compostos de esencia arbórea, que son capturados e van nun barco negreiro. A partir de aí van pasando moitas cousas. 

É unha novela de ciencia ficción feminista. E tamén ecoloxista. 
Si, tamén. A novela reflexiona sobre a cobiza humana e a que nos conduce ese pensar que podemos vivir nun crecemento económico sen fin, sen ter en conta que estamos nun planeta con recursos limitados e onde a degradación ambiental é cada vez maior. Esta é unha distopía na que se formulan algunhas hipóteses sobre cara onde podería ir a situación que vivimos no presente, entre elas, a esterilidade, unha realidade que está aquí. A reprodución é cada vez un tema máis complexo e máis relacionado co poder e cos corpos utilizados como produción. Todo iso está na raíz de Cobiza

Aparentemente unha referencia para este libro podería ser ‘O conto da criada’, de Margaret Atwood. É así? Manexou outras? 
A ciencia ficción é un xénero que as autoras feministas levan moito tempo explorando porque é moi vizoso. Máis que Margaret Atwood, a min influíronme as autoras indíxenas canadenses. Canadá é un espazo cultural do que bebo moito. Tamén outras autoras que escriben en inglés dende espazos da postcolonialidade como Nixeria ou a India. 

Non somos conscientes dos moitos prexuízos que continúa habendo no sistema literario. Seguimos tendo en mente o ideal de escrita masculina e patriarcal

Gañou con esta obra o I Premio Pinto e Maragota de diversidade sexual e de xénero. Que se creara este galardón pode ter que ver cun momento de reflexión colectiva importante sobre estes temas? 
Non somos conscientes dos moitos prexuízos que aínda existen no sistema literario, como parte da sociedade, con respecto a certas visións, a certas narrativas, a certas formas de escribir. A creación destes premios permite que estas obras compitan nun espazo de igualdade. A miña experiencia tanto en xurados como presentando obras permíteme falar de como se reciben estes textos, de como se estigmatizan e de como seguimos tendo en mente ese ideal de escrita masculina e patriarcal sobre que temas hai que tocar e como. As obras escritas por mulleres dende unha óptica feminista enseguida son etiquetadas, para dar a ver que iso, no fondo, é unha literatura de segunda. 

"Pero segundo o que me acabas de dicir que significa ser muller, a quen importa se se ten vaxina ou pene?", di un personaxe da súa novela. O debate sobre identidade de xénero levou nalgún caso a enfrontamentos entre o feminismo e o activismo LGTBI. Vostede onde se sitúa nesta discusión? 
Eu creo que é un debate falaz. O feminismo non é un monolito, dentro del tamén hai estruturas de poder. Dende sempre o feminismo reflexiona sobre o xénero e a súa construción. Excluír ás mulleres trans dese debate forma parte dos procesos que se van dando. Tamén houbo un momento no que as feministas brancas heterosexuais e con poder académico excluían ata ás mulleres lesbianas. E en épocas anteriores, por exemplo se nos imos ata Pardo Bazán, excluíase ás mulleres de clase baixa. Estes tirapuxas que acontecen no interior do feminismo obrigan a reflexionar e a seguir ampliando de forma crítica o espazo de acción. Ese que dis é un debate ao que se lle deu moita visibilidade, habería que preguntarse tamén por que, a quen lle interesa. Pero para min é un proceso positivo e orgánico do que son os feminismos como un pensamento plural. É evidente que as mulleres trans forman parte do colectivo das mulleres e que compre seguir reflexionando sobre o xénero como construción social. Máis alá de calquera debate teórico é importante pensar que estamos a falar dos dereitos básicos dos seres humanos. E os dereitos non son opinables. Para min calquera persoa que diga que é feminista, pero lle nega dereitos a outras persoas, ten un problema co uso do termo. 

A literatura debe ser militante? 
Toda literatura é militante. O que pasa é que maioritariamente milita no patriarcado. O problema é que este termo só se aplica a aqueles textos que presentan unha ollada crítica dende un punto de vista de xénero, de clase ou do que sexa. Todos os que se presentan como acríticos, ou pura literatura, ou pura estética, ou non sei que outros termos utilizan, militan. Todos. Para empezar, esa palabra, militante, irrítame moito como pacifista. Non me gusta nada que teña que ver con militar. E creo que é unha etiqueta que lle pon o poder a aqueles textos que o critican para desprestixialos, para presentalos como obras menores. A literatura máis militante é aquela que se presenta como neutra porque é a que milita nas estruturas de poder.

María Reimóndez: "Toda literatura é militante"
Comentarios
ç