Martes. 18.09.2018 |
El tiempo
Martes. 18.09.2018
El tiempo

María Victoria Moreno, unha vida de amor á lingua

María Victoria Moreno. ARQUIVO
María Victoria Moreno. ARQUIVO

A autora homenaxeada no Día das Letras Gelgas vivía entre palabras loitando por unha fala que fixo súa

De nai malagueña e pai toledano, María Victoria Moreno Márquez naceu nun pobo de Cáceres pero considerábase galega. Logo de vivir en Estremadura e Castela e de estudar en Barcelona e Madrid, chegou a Pontevedra en 1963 xa que o seu home foi contratado no Colexio da Once da cidade. Foi alí onde comezou o romance da autora con Galicia. Namorada desta terra dende que a pisou por primeira vez, sentiuse identificada coa lingua e converteuse nun estandarte dela. "A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor", pronunciou en 1993 no Congreso de Poetas alófonos en lingua galega. 

A súa vida xirou arredor das palabras, da lingua e da literatura, da ensinanza e dos mozos. Era políglota: falaba latín, árabe, portugués, francés, español, calatán, éuscaro, italiano, un pouco de ruso, outro pouco de romanés e, evidentemente, galego. Impartiu Literatura castelá no Instituto Masculino de Lugo e no de Vilalonga, en Sanxenxo, antes de entrar como docente en 1967 no Instituto Feminino de Pontevedra, agora coñecido como Valle Inclán. "Hai xente que non está contenta co seu traballo, pero para min a aula sempre foi unha festa. E eu a festa non a perdía", dixo Moreno hai uns anos nunha entrevista concedida a Diario de Pontevedra. 

Xunto a outros compañeiros abreu a librería Xuntanza en 1973, onde tiña un caixón segredo no que agochaba os libros prohibidos

A pesar de traballar arreo e ser coñecida por ser unha mestra moi entregada, sempre tiña un oco para a escritura. Adoitaba facelo na cociña da súa casa ata altas horas da noite coa axuda dunha pequena lámpada. Outro dos seus momentos preferidos de desconexión eran os paseos que daba por Campolongo cos seus cans, Alma e Nico. 

Durante o réxime, María Victoria seguiu fiel á defensa da lingua e continuou loitando polo galego. Xunto a outros compañeiros abreu a librería Xuntanza en 1973, onde tiña un caixón segredo no que agochaba os libros prohibidos, a maioría en galego de autores como Castelao. A profesora adicaba as clases dos venres de literatura española a ensinar a galega para que as alumnas practicasen a escrita da lingua. "Non midades tanto a métrica e medide os sentimentos do poeta", din que proclamaba María Victoria nas aulas. Ademais, ofrecía de maneira gratuíta cursos de galego, organizados polo colectivo Amigos da Cultura de Pontevedra, que estaban destinados a mestres, mestras e a todo aquel que non tivera a posibilidade de coñecer a nosa lingua. Por todo isto e por colaborar activamente con entidades culturais en prol da fala como o Ateneo de Ourense, cuxo presidente era un coñecido militante comunista, en 1974 retiráronlle o pasaporte. 

Abrazar os libros
Durante toda a súa vida non deixou de escribir. Comezou facéndoo en castelán para logo mergullarse na lingua de Rosalía. Os seus achegados contan que cada vez que publicaba unha nova obra, pasaba un bo anaco abrazando esas follas cheas de historias que creara con tanto agarimo. 

A publicación de Mar adiante convertiuna nunha das mellores autoras da literatura infantil galega. A súa primeira novela na nosa lingua trata dunha mestra  que un día lles contou ós compañeiros que viña de poñer escola nun barco, o Arroás. Como non a creron, e ela sabía que non o soñara, escribiu a historia para que os rapaces a coñeceran. Miguel é un dos personaxes, un vello mariñeiro que fixo un barco cando soubo que o docente ameazara aos rapaces con tiralos ao mar cos libros ao pescozo se non sabían a táboa do sete. A tripulación contaba cun poeta, un debuxante, un amigo das estrelas e unha cociñeira velliña e garimosa, Lola. Neste navío os nenos aprendían cousas que non saían nos libros.

A publicación de Mar adiante convertiuna nunha das mellores autoras da literatura infantil galega

"Escribo sempre como un impulso, sen planificación. Mar adiante, o meu primeiro libro galego, saíu porque o soñei. E a partir daquela o meu compromiso co galego xa foi para sempre", pronunciou María Victoria Moreno nunha entrevista para A Nosa Terra. O Cataventos foi a segunda obra publicada e a primeira coa que recibiu o premio O Facho. Nesta ocasión persegue, dalgún xeito, atopar explicacións, abalando entre o fantástico e o real, que revelen a orixe dun cataventos. Moreno emprega a fábula para ensinar como a arrogancia e a soberbia, xunto o exercicio ditatorial do poder, reciben o seu castigo: trátase dunha fermosa metáfora sobre a liberdade. 

A festa no faiado e Leonardo e os fontaneiros foron dous dos seus seguintes libros publicados. Este último revela unha estreita relación da autora cos animais. O protagonista é un can de palleiro sen dono que se converte no amigo e confidente dun rapaz de catorce anos un tanto rebelde ó que acompaña e protexe. O amor polos animais de María Victoria era unha constante. Chamáballe "cachorros" aos seus cans e aos alumnos: gabábase de tratalos da mesma maneira. A autora afirmaba que non ía facerlle nunca ós animais o que non lles faría ás persoas xa que, para ela, son seres indefensos e quen lle fai mal, pode facerllo a calquera. Ademais, segundo contan Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre nun texto adicado á autora para a RAG, María Victoria non "os alimentaba cos desperdicios da comida, aínda que si lles entregaba os libros de mala calidade para que xogasen con eles até os desfacer".  

Anagnórise, publicada en 1988, é considerada unha das súas obras máis importantes e aparece na Lista de Honra da IBBY, a Organización Internacional para o Libro Xuvenil, polas súas siglas en inglés. Este clásico da literatura xuvenil galega é unha novela amorosa que leva unha agarimosa dedicatoria. "Para os meus alumnos de Vilalonga, que me aledaron os días en que eu enfiaba esta historia, que me regalaron o bolígrafo co que a escribín". O conto narra unha aventura de Nicolau, un rapaz das Rías Baixas que ten problemas na súa casa e decide marchar a Madrid facendo autostop. O neno é recollido por unha escritora da zona coa que manterá unha intensa relación na viaxe. 

Perdas e encontros
En 1996 faleceu o seu marido e viviu un dos momentos máis duros da súa vida, que logrou superar apoiándose nas súas grandes paixóns. Dar clase, interesarse polos seus alumnos, parolar cos seus amigos da librería Seijas e escribir servíronlle para aliviar a dor. Poucos meses despois, foi diagnosticada con cancro de mama, doenza coa que loitou e da que dicía que a facía escribir "contra o reloxo". Esta muller feminista, defensora da xustiza social e amante do galego, aumentou a súa obra coa laureada Guedellas de seda e liño, Eu conto, ti cantas..., ¿Un cachiño de bica? e ¿E haberá tirón de orellas?. Tamén foi unha das directoras da colección Árbore, da editorial Galaxia, que estaba adicada aos máis novos. 

Moi lonxe dalí e anos despois, o libro Leonardo e os fontaneiros chegaría ás mans de Pedro Ferriol na Havana, en Cuba. Este, logo de ler a novela xuvenil, tentou poñerse en contato coa autora e decidiu enviarlle unha carta. O amor estaba agardando de novo á escritora. Entre correos electrónicos e folios repletos de bos desexos e poemas, namoráronse e casaron en maio de 2003. María Victoria adoitaba dicir que fora ela mesma quen, a través dunha gaivota mariñeira, lle enviara o libro.

Logo de morrer, doou 5.009 libros da súa biblioteca persoal ao IES Torrente Ballester, un dos centros nos que deu aulas máis tempo

Ferriol atopou na casa que compartían unha novela, baixo o nome de Donde el aire no era brisa escrita a man. Tratábase dunha das primeiras obras que escribira María Victoria. Convenceuna para que a reescribira e enviouna a un certame en Salamanca polo que gañou o Premio de novela curta Manuel Díaz Luis. No discurso que ofreceu como vencedora, matizou que non traizoou a Galicia por escribir a novela galardoada en castelán. 

O seu amigo Xavier Senín foi o encargado de traducila en 2009 ao galego. O seu legado vai máis alá do que figura no papel. Logo de morrer, doou 5.009 libros da súa biblioteca persoal ao IES Torrente Ballester, un dos centros nos que deu aulas máis tempo. Entre eles, atópase a súa ampla colección de O Quixote, un dos seus favoritos e que llo facía ler a tódolos mozos. A autora foi homenaxeada a título póstumo na VII edición do Salón do Libro Infantil da cidade do Lérez en 2006 e este ano é a escritora á que se lle rende tributo este xoves 17 de maio de 2018, no Día das Letras Galegas. 

María Victoria Moreno, unha vida de amor á lingua
Comentarios