Mariluz Montes: "A Chano, o tempo deulle a razón"

Defensora incansable do legado de Chano Piñeiro, a que foi a súa compañeira lembra ao cineasta 25 anos despois do seu pasamento

RAFA ESCOLA PARA ADULTOS (EPA) Avenida de Bos Aires, 26: presentacion do libro 'Lumiere de Nos. Chano Pineiro'. Co autor, Francisco Rozados 'Rochi', a viuva do cineasta, Mariluz Montes, e Anton Sobral.
photo_camera Mariluz Montes (Rubillón, Ourense, 1954). RAFA FARIÑA

A primeira cámara regaloulla a Chano Piñeiro vostede. 
Fálase moito diso, pero poucas veces se explica que eu xa sabía que era o que el quería. E por iso lla regalei. Levabamos un ano de mozos. Coñecémenos en setembro de 1974 e, en setembro de 1975, casamos. Ao longo dese ano eu coñecín ben a Chano. Foi unha relación moi intensa. E casamos porque naquel momento, aínda que agora pareza incrible, se queriamos vivir xuntos, tiñamos que casar. A el facíalle moita ilusión ter unha cámara, así que non lle ía regalar un reloxo. Fose ou non fose costume. Pedín unha cámara Súper 8 a Canarias porque saía máis barata. Daquela os cartos non nos sobraban. Fíxolle moitísima ilusión e comezou a gravar imaxes por todos lados. 

Coñecéronse estudando Farmacia en Santiago. 
En realidade coñecémonos en Aguasantas, nunha festa popular. Eu fun coas miñas amigas e el estaba alí cos seus amigos de Ponte Caldelas. Atopámonos e preguntoume: "Ti fas Farmacia?". "Pois si". Eu daquela non o coñecía. Ademais, el acababa de chegar de Londres, onde fora pasar o verán para aprender un pouquiño o idioma. Quedamos para outro día e dende entón xa ficamos xuntos para sempre. 

Ten dito que a farmacia era a súa profesión e o cine a súa paixón. 
Si, porque era así tal cal. A farmacia era a súa profesión. E ben escollida. Víñalle de familia. O seu avó e o seu pai xa eran boticarios. E foi moi feliz exercéndoa. Gustáballe moito falar coa xente maior, tiña moita empatía con ela, dáballe esperanzas, facíaa rir. Era case como un confesor. Tamén lle gustaba moito a rebotica, as fórmulas maxistrais, os albarelos... E, por suposto, as charlas da rebotica, nas que participaban, por exemplo, María do Carme Kruckenberg, Méndez Ferrín, Fernando Franco, Fonseca Moretón... Pero a súa paixón era o cine. A imaxe, máis que nada. El dicía que unha boa película era como unha sinfonía: se as pezas encaixaban ben, non facían falta nin subtítulos nin voz. Porque el cría que as historias se repiten en distintas partes do mundo, que poden ocorrer aquí e ao mesmo tempo en Suecia ou nun lugar de África. Por iso se poden entender en calquera lado. 

Afincáronse en Vigo, pero vostede naceu en Rubillón (Ourense) e ademais pasou parte da súa infancia e xuventude en Pontevedra.
Toda a miña infancia e ata que acabei o Bacharelato. Teño uns recordos preciosos de Pontevedra. E aínda gardo aí moitos amigos. A vida foinos levando por distintos camiños, espallándonos por Madrid, por Nova York..., pero aínda nos imos atopando de cando en vez, no verán. 

Estaría orgullosísimo de todas esas películas que hoxe poñen a Galicia no máis alto, xusto como el quería

Volveu aquí hai uns días para a presentación da biografía de Chano Piñeiro que publicou Francisco Rozados ‘Rochi’ coincidindo co 25º aniversario do seu pasamento. 
Non se puido facer antes polas circunstancias que todos sabemos. Chano faleceu o 21 de marzo e estaba previsto que se realizasen distintas actividades na súa honra. Aínda con todo houbo lembranzas no Festival de Cans, no Colexio de Farmacéuticos, en Forcarei... E este libro de Rochi, un incansable defensor da figura de Chano. 

Precisamente Rochi ten dito algunha vez que Chano Piñeiro non ten o recoñecemento que debería. Por exemplo, desapareceron os premios que levaban o seu nome. Vostede que pensa? 
Que podo dicir eu? Podes imaxinar o que che vou contestar. Cústame ata expresalo porque sei ben do sufrimento e da loita de Chano. Estamos falando de hai 40 anos, de cando non había nin medios, nin técnicos, nin practicamente nada. Sen embargo, era un autodidacta que sempre creu en cousas que aos demais nos parecían imposibles. E cando llo diciamos contestaba que non só eran posibles senón que eran necesarias. Pero, mira, o tempo deulle a razón. Hoxe temos unha xeración de cineastas galegos formados e recoñecidos a nivel internacional. Esa é a mellor homenaxe que se lle pode facer. 

Algo lle deberá o Novo Cinema Galego a 'Mamasunción' ou 'Sempre Xonxa'. 
Chano dicía hai 40 anos que calquera país que non considere o audiovisual como debe está condenado a desaparecer. E hoxe todo é imaxe. Daquela non se tomaba moi en serio o que dicía, pero resultou que tiña toda a razón. Estaría orgullosísimo de todas estas películas que poñen a Galicia no máis alto, xusto como el quería. 

Identifícase a súa figura coa dun loitador, alguén que se deixou a saúde nas súas películas, que chegou a vender accións entre amigos para sacar adiante 'Sempre Xonxa'. 
Era un loitador, pero tamén un soñador. Era ademais unha persoa de poucas palabras. Gustáballe máis escoitar que falar. Tamén é certo que, sendo como era moi respectuoso, cando tiña que dicir algo, dicíao. Xa fose ao escritor Graham Greene ou ao director xeral do Instituto do Cine, Fernando Méndez-Leite. E a nivel persoal podería dicirche tantas outras cousas... Era a persoa máis humana e máis humilde que teño coñecido. E como compañeiro, o mellor. 

Nunca lle pesou a responsabilidade de ser a viúva de Chano Piñeiro? 
Para nada. Síntome moi orgullosa de ter sido a súa muller, do seu traballo e de todo o que nos deixou. Agora, efectivamente, gustaríame que puidese existir unha fundación en recoñecemento a Chano para que coidase o seu legado. Nós non tivemos fillos e eu querería que o seu traballo non se perdese, que se puidese gozar del no futuro.

Comentarios