Mario Iglesias volve ao Festivalito

O cineasta pontevedrés participa na XV edición do festival de La Palma coa curtametraxe "Mucho mejor", que conta co escritor Xesús Constela como protagonista
2020090510323534300
photo_camera Xesús Constela (esquerda) e David Pantaleón recibindo instrucións de Mario Iglesias (dereita) durante a rodaxe da curta. CEDIDA

Unha parella sentada na terraza dun bar observa a un tipo que está noutra mesa. Parécese moito ao cuñado do home, co que este ten unha conta pendente dende hai 20 anos. Ese é o punto de partida de Mucho mejor, a última curtametraxe do cineasta pontevedrés Mario Iglesias (De bares, Relatos). Rodouse o pasado mes de agosto en La Palma (Illas Canarias), no marco do XV Festivalito, festival internacional de curtas e cine extremo no que Iglesias ten participado en diferentes ocasións.

"Invitoume a ir o seu director, José Víctor Martín Fuentes, coa idea de xuntar a xente que estivera vinculada ao festival", conta Mario Iglesias, que lembra que dentro da sección La Palma rueda se gravan ducias de curtametraxes na Illa da Palma durante a semana que dura o evento. "E aquí hai que resaltar o esforzo e valentía deste equipo que se empeñou en sacar isto adiante nunhas circunstancias tan incertas. Ten un enorme mérito o que fixeron". No evento inscribíronse este ano 290 persoas, que rodaron 96 curtas.

O realizador pontevedrés explica que o lema baixo o que se desenvolveu o festival este ano foi "Reset: no podemos volver a la normalidad, la normalidad era el problema". El optou por rodar unha historia dunha fixación non resolta. Os actores protagonistas son Xesús Constela, Julia Moraña e o director e actor canario David Pantaleón.

Mario Iglesias: "Levaba tempo sen rodar e xa tiña ganas. Facelo no Festivalito foi unha experiencia moi boa en todos os sentidos"

"Deuse a feliz coincidencia de que Xesús, que é amigo persoal, ía estar na illa eses días. E como eu xa colaborara con el nalgunhas ocasións sabía o xogo que daba, que sempre tira para adiante, e con iso xa tes gañado medio partido nisto da interpretación. Chameino e lieino. A el e á miña muller, Julia Moraña, que tampouco sabía que era actriz, pero que aquí debuta como tal".

CASUALIDADE. Efectivamente Xesús Constela xa participara noutros proxectos audiovisuais de Iglesias como El origen del problema e unha curta inédita. "Coincidimos en La Palma totalmente por casualidade, pero nin o dubidei", explica o mestre do instituto de Poio e escritor (As humanas proporcións, Shakespeare destilado). "Mario é un tipo cun enorme talento ao que eu aprezo moitísimo. Traballar con el é moi especial. A min resúltame fascinante. Sempre o digo: para min, é un xenio. Oxalá fixera máis cine", comenta.

Xesús Constenla: "Mario Iglesias ten un xeito de traballar fascinante. É un pracer colaborar con el. Sempre o digo: para min é un xenio"

Centrado na pintura na actualidade, Mario Iglesias non traballaba no ámbito audiovisual dende a estrea da webserie de tres episodios El origen del problema (2016-2018). "Si que levaba tempo sen rodar e xa tiña ganas. Facelo no Festivalito foi unha experiencia moi boa en todos os sentidos", di o director. "Agora teño algún proxecto que me gustaría sacar adiante, unha longametraxe, pero as cousas no mundo do audiovisual non suceden da noite para a mañá. Levan o seu tempo".

Comentarios