"É un momento de gran fraxilidade: ninguén sabe que sucederá mañá"

A falta de escenario, Voadora trasládase á rede. A compañía da pontevedresa Marta Pazos vén de compartir na súa canle de YouTube, en aberto, as que son as montaxes máis importantes da súa carreira. Ao mesmo tempo, prepara o seu terceiro Shakespeare: 'Othello'
Marta Pazos, directora da compañía Voadora. SANTIAGO CUQUEJO
photo_camera Marta Pazos, directora da compañía Voadora. SANTIAGO CUQUEJO

Voadora en el sofá é o título que a compañía de teatro que dirixe a pontevedresa Marta Pazos lle puxo a un proxecto a través do que comparte en aberto en internet gravacións das súas montaxes máis importantes. Os vídeos, que se poden ver en YouTube, acumulan centos de visualizacións. Mentres tanto, a directora artística, escenógrafa, dramaturga e intérprete conta que o grupo aproveita o confinamento para investigar sobre violencia machista e posverdade, dous temas clave da súa próxima proposta, Othello.

En que consiste Voadora en el sofá?
É un proxecto que naceu na radio, dunha iniciativa de Daniel Galindo, do programa La sala, de Radio Nacional (RNE). Cando se iniciou o confinamento, el púxose en contacto con distintas compañías para saber se queriamos compartir os nosos traballos, tendo en conta que as gravacións de teatro, non son teatro, son un rexistro que normalmente se realiza para uso interno da compañía. Pero a nós, agora mesmo, si que nos pareceu que era un momento bonito para acompañar á xente que non pode ir ao teatro. Tamén nos permite achegar obras a un público que quizais non puido velas no seu momento. A verdade é que estamos moi contentos co resultado da proposta porque nos están chegando moitísimas mostras de agarimo. E tamén estamos sorprendidos pola repercusión que están acadando algunhas das gravacións [Sueño de una noche de verano, que ten unha duranción de hora e media, acumula máis de 2.000 visualizacións].

De Calypso a Garage, nesa canle de YouTube están as súas montaxes máis importantes.
Si, están as obras máis importantes dos últimos anos. Non incluimos as últimas, porque non ten moito sentido. Agardamos que se poidan volver ver xusto cando remate toda esta situación. Tamén compartimos algunhas cousas que a xente nos foi pedindo. É un proxecto que permanece aberto.

Para alguén que non coñeza a compañía e o seu traballo, é este tamén un xeito de achegamento.
Si, seguro. É certo que supón un achegamento ao noso traballo. E é unha oportunidade para poder velo sen axustarse a un lugar e a un horario. Aquí está agora mesmo en aberto para todo o mundo. De feito, a min, estes días, como profesional do mundo da cultura, chéganme propostas deste tipo para poder ver o traballo doutras persoas, xente que admiro e sobre a que me apetece profundizar. Temos unha oportunidade única para facelo. E, fíxate, para min, todo isto que está pasando, tamén constitúe un bo baremo da necesidade que temos de cultura.

Por outro lado, Voadora segue traballando e anuncia que prepara a súa adaptación de Othello para o ano que vén. Tamén avanza algúns dos temas que tratarán a través deste clásico: a posverdade ou a violencia de xénero.
Iso é. Para nós sempre foi un obxectivo, á hora de enfrontar obras clásicas, facelo a través dun diálogo co pasado. Nunha obra tan violenta como Othello, que acaba co asasinato de dúas mulleres e de dous homes, parecíanos importante poñer o foco sobre elas. Porque, ademais, o contexto no que se producen esas mortes é terrible. Apetecíanos moito contar esa historia coa ollada nelas, nesas personaxes secundarias, que para nós non o son. A nosa intención é estrear na primavera de 2021. Aproveitando esta situación tan particular que vivimos, case monacal, estamos realizando a investigación da que despois sairá a obra. Estamos, por exemplo, convidando a profesionais da violencia de xénero ou da comunicación, en relación coa reflexión que queremos propoñer sobre a posverdade, a contribuír coas súas achegas.

Esta é a terceira vez que Voadora se enfronta a Shakespeare.
Exacto. Completamos aquí a triloxía que iniciamos con A tempestade, na que se falaba da vinganza e do poder, e que seguimos con O soño dunha noite de verán, na que se falaba co transxénero e da liberdade de escolla.

Conclúe aquí a súa relación coa obra do dramaturgo inglés?
Pode ser. Eu son moi de triloxías. Seguramente se pecha aquí un ciclo, si, aínda que nunca se sabe porque Shakespeare é sempre un imán, sempre é unha boa praia á que ir a parar. Eu sei que acabo volvendo unha e outra vez a el.

O mundo da cultura, en xeral, está acusando un terrible golpe coa alerta sanitaria. Como leva Voadora o confinamento?
É unha situación complicada para todo o mundo. A pantasma da incertidume parece formar parte do ADN da cultura, si, pero agora esta crise é social, aféctalle absolutamente a todos e todas. Nós, que xa xeralmente estamos nesa situación, recibimos un dobre impacto. Como o levamos? Pois con moita incertidume, con moito aquí e agora e nada máis. Tratamos de centrarnos en pasiños pequenos: que podo facer hoxe e punto. Porque ninguén sabe que vai acontecer mañá. É un momento de moita fraxilidade.

Comentarios