Os Martín Códax incorporan dous novos premios: a artista emerxente e a artista do ano

Os galardóns da música galega, que se entregarán o 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, chegan á súa novena edición
Organizadores e patrocinadores dos premios, na presentación en Santiago. PREMIOS MARTÍN CÓDAX
photo_camera Organizadores e patrocinadores dos premios, na presentación en Santiago. PREMIOS MARTÍN CÓDAX

Os Premios Martín Códax da música galega contan, dende esta edición, con dúas novas categorías: artista emerxente e artista do ano. Así se anunciou este luns no Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde se celebrou a presentación dos galardóns, que se entregarán o 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Para as 16 categorías existentes, o prazo de inscrición estará aberto entre o 11 e o 31 de xullo na web dos premios.

Así, os Martín Códax entregarán este ano 22 galardóns: os das 16 categorías musicais (que contarán con tres finalistas cada unha), tres premios Organistrum (sala, festival e espazo de comunicación musical), un galardón honorífico a toda unha traxectoria e, as novidades desta edición, artista do ano e artista Emerxente, dúas categorías extraordinarias.

O prazo de inscrición de candidaturas estará aberto entre o 11 e o 31 de xullo

Outra novidade é que se fusionan as categorías Músicas do Mundo e Reggae-Ska-Mestizaxe nunha soa. O resto dos premios son Pop-Indie, Rock-Blues, Funk-Soul, Metal, Canción de Autor/a, Músicas Urbanas, Música Clásica-Contemporánea, Jazz-Músicas Improvisadas, Música Tradicional, Música Folk, Música Infantil, Orquestras, Grupos-Música de Verbena, Coros-Grupos Vocais e Bandas de Música Popular. A votación do xurado profesional, formado por tres representantes da comunicación, da formación e da industria, e dúas músicas/os, será do 8 de agosto ao 3 de setembro, e a rolda dos socios e socias de Músicas ao Vivo, a entidade convocante, do 15 de setembro ao 2 de outubro. 

A secretaria de Músicas ao Vivo, Nastasia Zürcher, e a vogal da entidade, Marga Ramos, destacaron, durante a presentación, a recuperacion da normalidade nos premios que recoñecen a salas e festivais, "tras concedelos de maneira extraordinaria o pasado ano pola pandemia", segundo informaron os Premios Martín Códax. 

Nastasia Zürcher e Marga Ramos tamén comentaron as dúas novas categorías extraordinarias que se crearon. "Coa de artista do ano, o desexo é abrir o certame á participación do público xeral e incidir na expansión de proxectos e carreiras musicais", explica a organización dos premios. A votación estará aberta na web entre o 15 de setembro e o 2 de outubro. "No caso da categoría de artista emerxente, será un xurado profesional quen a valore. Os requisitos? Non levar máis de tres anos en activo, ter algún disco, -EP ou álbum-, editado, e non ser proxecto premiado ou finalista en edicións anteriores dos Premios Martín Códax da Música".

No acto de Santiago tamén participaron  o director de marketing das Bodegas Martín Códax, Jorge Pallarés; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a deputada provincial de Cultura, María Victoria Alonso, e a concelleira de Pontevedra Eva Villaverde.