Os Martín Códax premian á banda de metal Grima e ao programa Descúbreas

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle a gala de entrega dos galardóns da música galega, que este ano homenaxearon a Fuxan os Ventos ▶ Sheila Patricia, a Banda Unión Musical de Meaño e Samudra Trío recibiron recoñecementos
Sheila Patricia erguendo o seu galardón Martín Códax rodeada dos seus colaboradores. RAFA FARIÑA
photo_camera Sheila Patricia erguendo o seu galardón Martín Códax rodeada dos seus colaboradores. RAFA FARIÑA

Procesionando a figura dos Premios Martín Códax  comezou este mércores a novena edición da gala de entrega destes galardóns, que outorga cada ano a asociación Músicas ao Vivo, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Mekanika Rolling Band encargouse de que o evento, que este ano presentou Carmen Conde (de Tarabela Creativa), tamén directora artística da proposta, comezase cun subidón de música e festa. Á fin e ao cabo, despois da procesión sempre vén a sesión vermú. Así se dixo no espectáculo, no que se repasou a historia da verbena galega.

Mellor grupo de música tradicional foron os lucenses Airiños da freba. Os primeiros galardóns que viñeron para a provincia de Pontevedra foron os seguintes. Por un lado, un recibiuno a redondelá afincada en Vilaboa Sheila Patricia, na categoría de Músicas do Mundo. "Que viva a música galega!", berrou acompañada dos seus colaboradores habituais, entre eles, Gabi Reboredo, músico afincado na Lama. Sheila Patricia, máis tarde, recollería o testemuño á fronte da asociación Músicas ao Vivo co resto do novo equipo directivo. Por outro, na categoría de mellor banda, gañou a Banda Unión Musical de Meaño, que lle dedicou o premio a Eva Mejuto, "inspiradora cos seus textos". 

Laura García e Facundo Pardo, Grima, co seu Premio Martín Códax. RAFA FARIÑA
Laura García e Facundo Pardo, Grima, co seu Premio Martín Códax. RAFA FARIÑA

Na categoría folk gañaron Os D’Abaixo e na de electrónica, Grande Amore (do selo Ernie Records, de Ponte Caldelas). Na de jazz, Xosé Miguélez e na de rock, Familia Caamagno. O seguinte premio para Pontevedra foi o de Grima, a banda de Laura García e Facundo Pardo, que foi considerado mellor grupo de metal. "A seguir valorando el arte, que es lo que nos hace libres", dixo Pardo.

Nastasia Zürcher fíxose con dous recoñecementos; o do apartado de blues, funk e soul, e o de mellor artista do ano, un dos dous novos galardóns da noite. O outro, a artista emerxente, recibiuno Antía Muíño

Sofía Espiñeira gañou na categoría de canción de autor e Mamá Cabra, na de grupo infantil. Os vigueses Rebeliom do Inframundo fixéronse co premio de músicas urbanas; América de Vigo, co de orquestra; Néboa (na que milita xente de Vilagarcía e de Catoira), co de pop, e Samudra Trío (con integrantes de Pontevedra e de Cangas), co de Música Clásica Contemporánea.

Entrega do premio de honra a Fuxan os Ventos. RAFA FARIÑA
Entrega do premio de honra a Fuxan os Ventos. RAFA FARIÑA

Os denominados Premios Organistrum recaeron no programa Descúbreas da Deputación de Pontevedra (comunicación), na Arca da Noe (sala), que está en Vilar de Santos (Ourense), e no Festival de Ortigueira (festival).

A gala rematou coa entrega do premio de honra, que este ano recaeu en Fuxan os Ventos.
 

Comentarios