'As Matinés do Principal' traerán a Sés, Morgan e McEnroe a Pontevedra

Sés durante un concerto no Pazo de Cultura. DAVID FREIRE

O ciclo aposta por ofrecer concertos os sábados ao mediodía no Teatro Principal

Tres serán os espectáculos musicais que do ciclo As Matinés do Principal este ano: o de Sés (30 de marzo), o de Morgan (27 de abril) e o de McEnroe (19 de outubro). Esta programación, da promotora i-Radia Crea e do Concello, aposta por organizar concertos de grupos pop ou rock os sábados, ás 12.30 horas, no Teatro Principal. As entradas para as actuacións están á venda en ataquilla.com e na Casa da Luz (prezos: entre 14 e 18 euros; 45 euros, bono). Os menores de 14 anos teñen un desconto do 50%.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, e Carlos Montilla, de i-Radia Crea, veñen de presentar este ciclo que opta "por confiar en propostas que se saen do común na procura doutros públicos e audiencias". Montilla explicou que este tipo de actividades, "a pesar de non ser especificamente para nenos", acaban por crear e formar públicos adultos.

As Matinés abriráas Sés presentando o seu novo disco, Rabia ao silencio, no que versiona a autores ligados "á loita dos pobos" e ao compromiso. "Ela é, sen dúbida, unha das voces galegas máis reivindicativas", comentou o representante de i-Radia Crea. Seguiralle Morgan, "unha das bandas nacionais con máis tirón agora mesmo, que ten un espectáculo moi divertido que pode encaixar moi ben co público familiar". Finalmente, na última parte do ano, virá a Pontevedra McEnroe, "un clásico do panorama nacional, que reaparece tras unha temporada de silencio". Segundo os promotores da actuación, a data de Pontevedra será única e exclusiva en Galicia".