Matosinhos revive la historia de la boda entre doña Leonor y don Fernando

"Pola amizade que une aos Reinos de Portugal e da Galiza, que noutrora foron un, convidámolos a vir a Matosinhos", dixo o rei Fernando na presentación da feira medieval desta localidade lusa, que coma sempre acolleu a oficina de Turismo do Porto e Norte de Portugal, en Compostela. Entre lenda e lenda e entre a variedade gastronómica típica do lugar, o presidente da Cámara municipal, Guillermo Pinto, foi repasando o programa previsto para un evento que se celebrará entre os días 9 e 12 de setembro.

Bo sabedor de que ao turista se lle conquista polo estómago, Pinto presentou a súa vila apuntando a que "probablemente sexa a que conta cun maior número de restaurantes por metro cadrado do norte da Península", polo que non dubidou en situala como destino predilecto "para quen gosta do marisco ben feito ou do peixe asado na grella". O presidente da Cámara municipal confía tanto nas boas mañas que Matosinhos se dá na cociña que retou aos galegos a unha competición na que se decidiría cal dos dous pobos, o galego ou o portugués, prepara mellor o marisco. Mais, polo momento, o desafío ficará no aire. Este xoves tocaba falar da feira medieval dos Hospitalarios.

E é que o municipio portugués celebra todos os anos o casamento do rei Don Fernando cunha princesa española, Dona Leonor, un evento que foi moi mal visto alén da Raia. Finalmente, a voda celebrouse nun mosteiro gótico de máis de mil anos de antigüidade que forma parte do Camiño de Santiago. Polo mesmo, o alcalde de Matosinhos non quixo deixar escapar a oportunidade para lembrar a estreita relación que a festa mantén con Galicia e coa súa capital, Compostela.

Así, unha das primeiras lendas que narra a historia da vila lusa conta que era daquelas terras o primeiro camiñante que peregrinou cara o Apóstolo. Foi en tempos dos romanos, no seo dunha disputa entre amigos a ver quen conseguía avanzar máis co seu cabalo mar adentro. O mozo desapareceu e foi dado por morto. Mais seguía vivo, perseguindo entre as augas o barco que transportaba os restos do santo. "Só é unha lenda... Cando se engade que o barco era de pedra xa todo o mundo sabe que a historia non é certa!", aclara entre risas Guillermo Pinto. Inda así, "Matosinhos ten unha relación moi próxima a Santiago, xa que os restos do santo si que pasaron por alí e foi o motivo polo que aquela zona se tornou cristiá". O alcalde ponse serio e métese de novo na presentación da feira medieval.

Neses tres días que durará o evento, haberá unha recreación da guerra que se librou entre España e Portugal ao rexeitar o pobo luso a unión entre don Fernando e dona Leonor, cando Castela intentou asaltar o mosteiro fortificado. Ambiente do medievo combinado cunha gastronomía que nada ten que envexarlle á galega son os dous motivos polos que Pintos cualificou a súa vila de "visita obrigada" a vindeira fin de semana.

Comentarios