Matriuska filma a historia de Sargadelos

O pontevedrés Daniel Froiz produce o documental, que se grava na Coruña e en Lugo e que dirixen Cecilia Betz e Andrés Sanjurjo
 
Jacobo Sutil (esquerda), Daniel Froiz (centro) e Xosé Díaz Arias (dereita) nunha xornada de rodaxe do documental sobre Sargadelos. XUNTA DE GALICIA
photo_camera Jacobo Sutil (esquerda), Daniel Froiz (centro) e Xosé Díaz Arias (dereita) nunha xornada de rodaxe do documental sobre Sargadelos. XUNTA DE GALICIA

Hoxe e o resto do mundo é o título do documental que a produtora Matriuska, que ten á fronte ao pontevedrés Daniel Froiz, grava sobre a historia de Sargadelos. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, visitou esta semana a rodaxe deste traballo, que conta cunha axuda de 77.000 euros da Xunta de Galicia, segundo informou o organismo autonómico. 

Froiz exerce de produtor executivo deste documental, dirixido por Cecilia Betz e Andrés Sanjurjo. A gravación está tendo lugar en distintos espazos das provincias da Coruña (Sada e Santiago de Compostela) e Lugo (Cervo). A visita de Sutil produciuse durante unha xornada de gravación no Museo de Belas Artes da Coruña, na que participaron a directora deste centro, Ángeles Pena, e un dos fillos de Isaac Díaz Pardo, Xosé Díaz Arias

O equipo do proxecto é eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina

A Agadic fixo fincapé en que o equipo do proxecto era "eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina".

O documental Hoxe e o resto do mundo aspira a reconstruír o que foi o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica de Sargadelos, que se chegou a ser considerada a Bauhaus galega, tanto polos deseños vangardistas das súas creacións como pola influencia que chegou a ter posteriormente. "Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso".

Cerámicas do Castro

Segundo a Agadic, o documental achegarase, primeiro, á figura do Marqués de Sargadelos "para explicar como foi quen de poñer en pé unha industria pioneira na Mariña lucense" no século XIX. Continuará coa creación de Cerámicas do Castro en Sada, xa no século XX, e co periplo vital de Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias de Castro Mimina, "en especial durante a etapa arxentina que deu como froito a alianza artística e intelectual con Luís Seoane e a recuperación de Sargadelos". 

O percorrido pola historia da marca ten previsto chegar ata o século XXI, achegándose "á quinta xeira da factoría e aos desafíos para o relanzamento da marca", rodeados de polémicas e controversias practicamente dende o momento no que, no ano 2004, Díaz Pardo foi apartado da dirección de Sargadelos.

Comentarios