"Acordámonos de Moldes todos os días"

Compañeira de vida de Manuel Moldes, dende o falecemento do artista pontevedrés en 2017 May Díaz liderou a loita pola pervivencia dun legado que este xoves remata coa inauguración da sede da súa fundación. Na rúa Benito Corbal, fronte a onde tiña o seu taller. "O que prevalece é o orgullo", di.
A presidenta da Fundación Manuel Moldes, May Díaz. GONZALO GARCÍA
photo_camera A presidenta da Fundación Manuel Moldes, May Díaz. GONZALO GARCÍA

O espírito libre de Manuel Moldes (Pontevedra, 1949-2017), a súa intensidade creativa, a súa constante exploración pictórica e o seu compromiso inquebrantable coa dignidade do ser humano regresan este xoves definitivamente a Pontevedra. Para quedar. A súa viúva, May Díaz Cacheda (Lalín, 1961), presidirá a inauguración da sede da Fundación Manuel Moldes, un espazo longamente agardado que, finalmente, abre as súas portas. No seu interior, a obra deste artista clave da creación contemporánea galega. Pero non só. A intención é ir máis alá e que as salas permitan proximamente que a obra do pontevedrés dialogue coa doutros autores, poñendo especial atención aos vinculados á facultade de Belas Artes, da que foi mestre. Tamén se buscará que sirva para conectar distintas experiencias creativas, máis alá da arte plástica, ou que se vincule co taller do artista, que estaba xusto enfronte e que a familia mantén como o tiña o pintor. 

Todo listo para abrir ao público a Fundación Manuel Moldes?
Está todo listo. Estamos ocupándonos dos últimos detalles para que todo estea perfecto.

Inauguran o espazo cunha exposición antolóxica do artista, que incluirá a exhibición de pezas moi pouco coñecidas, algunhas restauradas para a ocasión. 
Exacto. Hai obras que o público apenas puido contemplar. Por exemplo, unha que só estivo na exposición que fixera o grupo Atlántica no Centro Cultural da Villa de Madrid no ano 1981. Ese cadro non se volveu mover nin se mostrou en ningún outro sitio. É unha obra grande, que se restaurou por completo para estar agora aquí. En Pontevedra nunca se viu. Hai moitísima xente que non o coñece. Pareceunos moi bonito recuperar esa obra. Ademais, unha das labores principais da fundación é precisamente a restauración e o estudo da obra de Moldes. Así que incluíla nesta primeira mostra encaixa perfectamente no que serían os obxectivos da fundación: coidar o seu legado artístico, restauralo, catalogalo e dalo a coñecer. Isto mesmo pasa con outras obras. Porque efectivamente abrimos cunha exposición antolóxica, que comisarío xunto a Ramón Rozas e que, sen incluílo absolutamente todo, porque 50 anos son moitos anos, si que nos dá unha visión global das distintas etapas polas que pasou Moldes. 

Na antolóxica hai pezas de bastante antes de Atlántica, de cando era pouco máis que un rapaciño

Dende Atlántica ata os seus últimos traballos?
Non, non, dende bastante antes de Atlántica. As pezas máis antigas son dos anos 60, de cando era pouco máis que un rapaciño. A exposición está composta por 27 obras, de diferentes tamaños, e esas primeiras son das máis interesantes porque permiten achegarse ao que foron os seus primeiros traballos. Son a nosa ‘joyita da corona’. Forman parte desas pezas que, como che dicía antes, non viu practicamente ninguén. A exposición empeza con elas e remata coa súa última obra. 

Facía referencia a que haberá pezas de diferentes tamaños, dende obra máis pequena a cadros de gran formato. Estes últimos, quizais os máis coñecidos, foron precisamente os que deron máis problemas á hora de adecuar o espazo á obra de Moldes. 
Hai algún de seis por tres metros, si. Imaxina. Non foi sinxelo preparar o espazo que puxo a Xunta de Galicia á nosa disposición e houbo que facer unha obra importante para acondicionalo. Deu o seu traballo, pero creo que finalmente todo quedou francamente ben. 

A sede da fundación é un espazo longamente agardado. Como se sente hoxe a familia?
Na familia estes días estamos tan cansos que creo que aínda non o asimilamos de todo e non tivemos tempo nin sequera de desfrutar este momento. Isto é para nós o recoñecemento a todo o traballo que fixemos, a todo o esforzo. Pero hoxe o que prevalece é o orgullo de poder reunir e conservar a obra de Manolo como é debido. Ese era o noso obxectivo dende o principio. Estamos moi felices.

Mantemos o taller por romanticismo e porque pensamos que o espazo ten un valor. Poderíanse facer visitas ou organizar alí talleres. Está por definir

Téñeno especialmente presente estes días? Acordábanse del montando a mostra, do que lle gustaría ou non, co que estaría de acordo ou en desacordo?
Claro, moitísimas veces. Se Manolo estivera aquí, que faría? Eu penso que seguramente estaría rosmando sobre se isto podería ir aquí ou non, pero finalmente resolvería. É inevitable telo presente. Incluso cando reparas nos detalles das obras. Porque os seus cadros teñen múltiples lecturas.Mesmo os que poden ter unha máis fácil seguro que inclúen algo máis simbólico que aínda non atopamos. Acordámonos del todos os días. E hoxe máis, claro.  Porque ademais son datas moi especiais. Pensa que o día 3 fará seis anos que morreu. E pensa que imos inaugurar a sede da súa fundación fronte á casa na que naceu e na que viviu, onde tivo o seu taller toda a vida, salvo os oito anos que pasou en Madrid. Hai luz en todo isto. Hai luz. E por iso estamos moi contentos.

Ese taller no que traballaba en Benito Corbal segue estando aí. Decidiron conservalo.
Mantemos o taller, si. Un pouco por romanticismo e outro pouco porque pensamos que o espazo ten un valor e podería seguirse dedicando á arte, que é unha cousa que estamos seguros de que a el lle gustaría. Estaría moi ben que formase parte do espazo da fundación, que estivese conectado con el. Cremos que o estudio pode achegar cousas, complementar as salas. Poderíanse facer visitas ou organizar alí talleres. Está por definir.

O que non lle gustaría nada a Moldes sería o acto da inauguración coas autoridades. Non sei que opina vostede.
Non, non lle gustaría nada (ri). Porque non lle gustaban nada estas cousas. E o de falar en público levábao fatal. 

Do que estaría feliz sería de saber que na sede da súa fundación habería sitio para persoas vinculadas á súa facultade, a de Belas Artes.
Para a xente nova en xeral, a xente que está comezando, que é a que normalmente o ten máis complicado. Desta maneira queremos que na fundación tamén estea presente a súa labor pedagóxica. Pero é que entre os obxectivos da fundación está xa recollido que se potenciará o diálogo da obra de Moldes coa doutros artistas. E con outras disciplinas máis alá da arte plástica. A arte pode atoparse en moitas manifestacións tanto no ámbito cultural como no científico. O mundo cambia moi rápido e queremos que a fundación teña nel o seu espazo.


INAUGURACIÓN DA SEDE CUNHA EXPOSICIÓN ANTOLÓXICA
A sede da Fundación Manuel Moldes, que ocupará o oitavo andar do Edificio da Xunta en Benito Corbal, quedará inaugurada o xoves 30 de novembro (17.30 horas) cunha exposición antolóxica dedicada ao creador que lle dá nome. Aínda que o acceso será con convite, de non completarse a cabida, permitirase entrar ao resto do público que o desexe. A mostra repasa a traxectoria de Moldes a través de 27 obras realizadas ao longo de cinco décadas. Permanecerá aberta ata o 30 de marzo de 2024. Entrada de balde. Horario: xoves e venres de 18.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.

Comentarios