Javier Veiga: "A mellor maneira de enfrontar un problema é rir dese problema"

A punto de presentar as primeiras imaxes do seu debut como director cinematográfico no Festival de Ourense, o grovense virá a Pontevedra para liderar a noite de monólogos que organizou Afapo. "O humor nunca é daniño", asegura. 

O actor, director e monologuista Javier Veiga nunha foto promocional.
photo_camera O actor, director e monologuista Javier Veiga nunha foto promocional.

Rodou este verán o que será o seu debut como director cinematográfico, Amigos hasta la muerte, unha comedia na que adapta a súa propia obra de teatro e que conta estrear en salas para o ano que vén. En plena posprodución, Javier Veiga (O Grove, 1973) colle un día para actuar a beneficio da Asociación de Familiares de Alzhéimer de Pontevedra (Afapo), coa que xa ten colaborado noutras ocasións. Farao, o venres 23 de setembro, no Auditorio de Afundación, nun show no que estará acompañado por David Amor e Rober Bodegas.

Van propoñer enfrontar con risas o Día Mundial do Alzhéimer.
É así, pero non é cousa nosa. O mérito é de Afapo, unha asociación que decidiu no seu momento facer isto, apostar polo humor, rir de todo o que nos pasa. Porque a mellor maneira de enfrontar un problema é poder rir dese problema. No momento no que podes rir del, desactívalo e xa é menos problema. Non vas cambiar nada do asunto en si, pero axúdache a levalo. E iso xa é importante. Creo que esta é a lección que nos dá a todos Afapo, xa non aos seus socios senón ao conxunto da sociedade. O humor nunca é daniño. 

Vostede é un firme defensor do uso da retranca á hora de encarar calquera problema serio, como pode ser esta enfermidade, ou calquera outra dificultade.
É que eu diría que ser así case forma parte da nosa idiosincrasia, da nosa cultura. Os galegos, en xeral, entendemos a vida dende sempre dende o sarcasmo e dende a ironía. É un xeito de enfrontarse ás cousas que non é nin máis nin menos frívolo, senón simplemente unha opción persoal. E empeza por saber rir dun mesmo. Non creo que iso lle faga mal a ninguén. E non creo que signifique que lle dás máis ou menos importancia ao que sexa. Simplemente eu estou máis a gusto cando podo rir de algo. 

Sen embargo, cada vez é máis habitual que alguén se ofenda ante un chiste.
Xa. Iso ten que ver cunha ‘tuiterización’ da sociedade. ‘Tuiterización’ ou ‘ideotización’. De súpeto, a ofensa pasou a estar moralmente por enriba de todo o demais e hai que aceptala. Como se a xente ofendida fose a que tivese que decidir que se pode dicir ou non. Cando a ofensa é algo absolutamente persoal. Pero, si, parece que chegamos a un punto no que a xente con propesión a ofenderse, a que ten a pel máis fina, é a que ten a batuta. A min, cando menos, paréceme perigoso.

Unha sociedade na que os ‘ofendidos’ son cada vez máis fortes só pode ser peor, máis ‘mojigata’ e retrógrada. Non aprezo nada bo nesta especie de gardas da moral

Chegaron a xudicializarse casos como o de Dani Mateo e algún outro.
Hai bastantes casos xa. Pero é que cando ocorre algo tan estúpido como que un tipo se levante e lle dea unha bofetada a outro por facer un chiste e media poboación se poña do seu lado, apoie a violencia e o xustifique dicindo que o entende e que lle parece ben a alguén sexa capaz de pegarlle a outro por un chiste que non lle gusta, creo que só podemos dicir que temos un serio problema. Non se pode xustificar a violencia porque che sentara mal unha broma, fora boa ou fora mala. Dá igual. Se foi mala, contéstalle, faille ti outra, levántate e marcha... Tes un cento de alternativas posibles para contestar a iso, se non che gustou, sen recorrer á violencia. E que medio mundo se dedique a xustificalo, creo que di moito do momento social no que estamos. De que estamos falando? De que o outro o merecía? Canto merecía? Merecía máis? Paréceme moi tolo! Pero seguimos aceptando e aceptando todo isto e perdemos a perspectiva mentres os ‘ofendidos’ se van facendo cada vez máis fortes. Eu creo que todo isto só nos leva a unha sociedade peor, máis ‘mojigata’ e retrógrada, máis triste. Non aprezo nada bo nunha sociedade con esta especie de gardas da moral. 

Formará trío en Pontevedra con David Amor e Rober Bodegas. 
Temos unha especie de sociedade non firmada que nos levou a xuntarnos nos últimos tres Nadais, para facer un espectáculo xuntos, ‘Esfínter’. É unha boa escusa que temos para vernos e facer un par de actuacións en Galicia. Esta vez, a causa merecía que nos xuntaramos un pouquiño antes. 

Acaba de rodar en Ourense a que vai ser a súa opera prima no cine, Amigos hasta la muerte. Que tal foi a experiencia?
Pois a verdade é que moi boa en todos os sentidos. Hai moito tempo que quería levantar este proxecto baseado nunha historia moi persoal e moi emotiva. E tamén tiña moitas ganas de sacar adiante unha longametraxe. Rodamos a maior parte da película en Ourense, na capital, pero tamén unha semaniña no Grove, que me permitiu estar na casa. Creo que quedou unha película moi bonita, moi especial. Teño moitas ganas de que se proxecte para ver a reacción do público.

Adaptouse a si mesmo para este debut, porque o guión está baseado na obra de teatro do mesmo título. Vai ser unha historia moi diferente á que se viu sobre as táboas?
Vai ser máis emotiva, eu creo. A propia linguaxe cinematográfica leva a iso. A comedia no teatro, en directo, é outra cousa. Tamén había neste caso unha certa responsabilidade ou non sei como chamalo. Sempre che din o de dar o salto ao cine, como se iso fose o máximo e o teatro ou a televisión, cousas menores. Nunca crin iso. Sempre me molestou. Pero telo metido tan dentro que cando chega o momento de rodar vas co cu apretado. Pesa, queiras ou non. É como chegar a Ítaca. En calquera caso, fixen a peli como todo o que fago, meténdolle moito corazón.

E volveu rodearse da súa ‘troupe’ habitual: Ledicia Sola, Touriñán, David Amor... Ata fai un cameo Xoel López.
Si que me gusta repetir coa xente coa que traballo. E tamén me gusta rodearme de amigos. Nesta historia, titulándose como se titula, era absolutamente necesario. Foi moi bonito xuntarnos todos aí. Xoel López, á parte do cameo, fainos boa parte da música da peli. Imaxina que luxazo.
 

O ESPECTÁCULO
Javier Veiga actuará, acompañado por outros dous monologuistas galegos, David Amor e Rober Bodegas, o venres 23 de setembro (21.00 horas), no auditorio de Afundación de Pontevedra, a beneficio da Asociación de Familiares de Alzhéimer de Pontevedra (Afapo). O colectivo organiza cada ano unha gala humorística arredor do Día Mundial do Alzhéimer co obxectivo "de visibilizar la enfermedad, dar a conocer la problemática de las familias afectadas y poder reunir fondos para nuevos proyectos". As entradas para a noite de monólogos están á venda en ataquilla.com (15 e 18 euros). 

Comentarios