'As Meninas' e o 'Guernica', na Boa Vila

A Casa da Luz e o Liceo Casino reúnen réplicas dos lenzos máis influíntes da historia da arte a tamaño real nunha mostra organizada por ADEC e que pasará por ambos edificios
Os alumnos do colexio San José, este martes, visitando a mostra na Casa da Luz. DAVID FREIRE
photo_camera Os alumnos do colexio San José, este martes, visitando a mostra na Casa da Luz. DAVID FREIRE

As meninas, a Mona Lisa, as tres gracias de Rubens, a moza da perla, a maja espida ou Saturno devorando ao seu fillo danse cita en Pontevedra. Os cadros máis relevantes da historia foron reunidos pola Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural (ADEC) para amosalos na Boa Vila.

En total, a asociación amosará réplicas en tamaño real de 18 obras influíntes a nivel mundial. A Casa da Luz acolleu este martes a primeira entrega da mostra. Esta exposición permanecerá aberta ata o 27 de outubro e foi inaugurada polo alumnado do colexio San José, que realizou unha visita á mesma. Sen moverse de Pontevedra, os pequenos puideron contemplar obras de arte custodiadas en museos de todo o mundo, como a Noite estrelada de Van Gogh, localizada no MoMA de New York, ou As Meninas de Velázquez, no Museo del Prado. ADEC garda as obras de maior tamaño para amosalas no Liceo Casino despois da mostra da Casa da Luz.

"O Guernica de Picasso ou As tres gracias de Rubens non nos cabían na Casa da Luz, ademais doutras obras, por iso estarán expostas no Liceo Casino a partir do 27 de outubro e ata o 5 de novembro", conta a presidenta de ADEC, Cristina Caramés, que explica que a obra que máis custou ubicar foi o Guernica polo seu gran tamaño.

A finalidade das exposicións é achegar a grandes e pequenos ás grandes obras de arte. "Ás veces falamos diante dos nenos de determinados cadros que nunca viron, trátase de ter unha noción das obras máis importantes da pintura e contemplalas a tamaño real, algo que, doutro xeito, implicaría viaxar a museos por todo o mundo", explicaba o martes Caramés.

Entre os 18 cadros seleccionados hai tamén obras de galegos como Urbano Lugrís, coa obra Festa, ou Laxeiro, con Trasmundo. Outras das pinturas que se recollen no recopilatorio de lenzos son Os fusilamentos do tres de maio, de Goya; A liberdade guiando ao pobo, de Delacroix; o Xardín das delicias, de El Bosco; O nacemento de Venus, de Boticcelli, ou as Lavandeiras de Gauguin, entre outros. Todas estás a disposición dos pontevedreses, de balde, ata o 5 de novembro.