Silverio Rivas, escultor: "O meu obxectivo é atopar a máxima expresión da materia"

Unha mostra antolóxica no Museo de Pontevedra repasa dende mañá a traxectoria artística do escultor Silverio Rivas. Unha data na que o creador celebra os seus oitenta anos de vida, mais tamén unha maneira de entender a escultura, á que se enfronta sempre como un desafío
Silverio Rivas posa entre dúas das pezas da súa exposición no Museo de Pontevedra. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Silverio Rivas posa entre dúas das pezas da súa exposición no Museo de Pontevedra. BEATRIZ CÍSCAR

Toda unha referencia na escultura contemporánea galega, a obra de Silverio Rivas chega ao Museo de Pontevedra para facer un percorrido antolóxico pola súa longa e exitosa traxectoria baixo o sutil e intelixente nome de Eloxio do silencio. Certo que as súas pezas amosan unha contención e que os seus materiais propoñen un espazo para o sosego e a reflexión, afastada do balbordo cotiá, de aí que nos acheguemos ao escultor para que nos fale da súa relación coas súas pezas, da procura dun equilibrio entre a forma e o baleiro e a dialéctica entre a mente e a materia, como dinamos dun traballo que sempre procura atopar aquilo que sorprenda ao artista, aquilo que o estimule a acadar novas conquistas.

¿Que imos a atopar nesta exposición que mañá se inaugura?
É unha exposición antolóxica que comeza no ano 1973, cunha serie de obras heteroxéneas que afrontan esa experimentación constante que para min é a escultura, e a búsqueda de novas sensacións ao enfrontarme á materia e descubrir que é o que vai ocurrir. Esa sorpresa fronte ao que ocorre ao traballar en materiais diferentes como o granito, a madeira, o bronce ou a cerámica. A obra é diferente e esa é sempre a miña procura, que a materia impoña un certo rigor e que o artista saque dela o mellor que hai dentro.

A data da inauguración coincide coa do seu oitenta aniversario. Unha data que obriga a revisar o feito ata este momento. Cando bota a vista atrás que é o que ve Silverio Rivas?
O autor non ten que ver con nostalxia a súa obra. Hai que mirar sempre cara adiante e despois cando te achegas ao que pasou hai cousas máis acertadas e outras menos, pero non podes renunciar ao que fixeches. Todo o proceso seguido ata hoxe non se debe ocultar. Neste abano de obras pode habelas mellor resoltas e outras peor, pero ata as que non quedaron como esperaba non podo negalas, corresponden ao impulso dunha época e non o quero ocultar.

Que é o que máis lle preocupa cando se enfronta ao material?
Sempre buscar a máxima expresión da materia. Incluso para acadalo ábroa e miro que acontece no seu interior, que é cando aparecen as obras articuladas, e sorpresas que eu non teño pensadas a priori. Eu non traballo con maquetas previas á obra, fágoo sempre directamente sobre a obra nun diálogo coa materia que me ten que sorprender. Se esa sorpresa non aparece en realidade non aconteceu nada e non houbo un bo diálogo. Ela tamén me sinala por onde teño que ir.

Na súa última exposición na Casa das Artes de Vigo titulada Mente/ Materia, plantexábase unha das tensións da súa obra entre o pensado e o material. Cómo é ese proceso?

O rigor no proceso de traballo é fundamental para min. E en ocasións xorde algo misterioso que che provoca unha sensación de benestar ou equilibrio. Esa serenidade da obra ben feita, sen fisuras no proceso, é moi importante para min.

Traballando con materiais tan diversos, vostede ten preferencia por algún sobre outro que lle permita acadar novas sensacións?
Lóxicamente traballar con diferentes materias ten un obxectivo, que a obra cambie. Cando me enfronto a unha madeira ou ao bloque de granito o traballo non é da mesma maneira. A madeira permite algo máis orgánico ou espacial, pero o que procuro sempre é que a materia acade unha sensación de levedade no espazo.

Como membro do movemento Atlántica, corenta anos despois daquel tempo e do seu impacto, cómo o lembra?
Foi sobre todo un revulsivo na arte. Un movemento moi interesante que permitiu que os artistas que estaban producindo se decantasen por un traballo máis innovador. Se propuxo tamén unha relación entre todos eles para aportar algo diferente. Penso que ese obxectivo Atlántica acadouno, ao mellor incluso de maneira excesiva, porque semella que despois non volveu a haber outra xeración así, pero non por culpa dos artistas, si que houbo grupos como os Novísimos, ou creadores que xurdiron de Novos Valores, pero si que semella como si Atlántica ocupara todo o territorio, aínda que durara pouco tempo, e deixara un campo moi aberto para outras propostas. Nós chegamos nun momento oportuno, nun momento de cambio na sociedade e aí acadamos o noso obxectivo.

Outra tensión que atopamos na súa obra é a que se mantén entre a forma e o baleiro. De que xeito a propón vostede?
Pola miña maneira de enfrontarme á obra eu non teño máis que facer visible o que está dentro do bloque ou do tronco, e por iso moitas das obras se articulan, e nese proceso eu vou desprazando volumes para xerar unha forma no espazo. Despois tamén xorde un diálogo entre eses volumes que están desprazándose, ten que haber un equilibrio entre un elemento e outro. Se un se ampliara de xeito excesivo, creando unha gran oquedade, ese diálogo podería estragarse e eu busco esa proximidade entre elementos para crear o diálogo e o ritmo entre eles.

Cunha traxectoria tan longa cada peza á que se enfronta Silverio Rivas aínda segue sendo un desafío que superar?
Si, si, a min aburriríame facer algo que non tivera dificultades. Eu quero facer unha obra que sexa definitiva, que non sei previamente moi ben en que consiste pero é ao que aspiro e para iso non hai que poñerse límites nin repetir un esquema que xa estea aprendido. Hai que comezar sempre de cero e cando decides isto, enfróntaste a algo novo, e o que se trata e non caer nesa repetición de esquemas, algo que eu tamén levo a cabo cando propoño unha exposición e a súa montaxe tamén xorde dunha reflexión. É unha dificultade, pero tamén é un estímulo, o outro non tería ningún sentido e provocaría toda unha serie de preguntas para as que xa teño as respostas.

Persoal
Silverio Rivas (Ponteareas, 1942) xera nas súas obras un complexo tratamento da forma dende o material nas que se analizan e propoñen solucións para toda unha serie de problemas conceptuais que se xeran nese enfrontamento coa madeira, o granito, o bronce, a cerámica ou o poliéster.

Os seus acabadados impecábeis converten as súas pezas en suxerentes propostas para o espectador. A súa obra pública é tamén moi salientábel sendo dous exemplos paradigmáticos a súa Porta do Atlántico na Praza Elíptica de Vigo ou a Capela Solis no Paseo Alcalde Blanco de Marín

Comentarios