"Miguel, estás con nós"

O acto de homenaxe e lembranza a Miguel Suárez Abel, organizado polo Ateneo, ateiga o salón de actos da Casa das Campás
Xaime Toxo, Fina Casalderrey, Anxo Ricón, Víctor Fernández Freixanes e Juan Otero (de esquerda a dereita), na Casa das Campás
photo_camera Xaime Toxo, Fina Casalderrey, Anxo Ricón, Víctor Fernández Freixanes e Juan Otero (de esquerda a dereita), na Casa das Campás

Unhas palabras do propio Miguel Suárez Abel (Arzúa, 1952- Meirás, Valdoviño, 2017), pronunciadas durante a presentación da súa última novela, Nunca te vin chorar, serviron este mércores para abrir o acto de homenaxe que o escritor, mestre e columnista recibiu nun ateigado salón de actos da Casa das Campás de Pontevedra.

Xaime Toxo Presidente do Ateneo 
"Foi un home ao que sempre cumpría escoitar. A mellor homenaxe que lle podemos facer é ler os seus textos"

"En realidade, non quixemos empregar a palabra homenaxe porque non nos cadraba con Miguel, co seu carácter retranqueiro, e preferimos bautizar o acto como Recordando a Suárez Abel, porque nos pareceu máis real e porque case semella que en calquera intre puidese entrar pola porta e falarnos de novo", explicou o presidente do Ateneo, Xaime Toxo. "En calquera caso, sempre foi un home ao que cumpría escoitar. A mellor homenaxe que lle podemos facer é ler os seus textos e os seus artigos. Miguel, estás con nós e sorrís".

O Ateneo de Pontevedra, institución á que Suárez Abel estivo moi vinculado ("fíxose un Ateneo en Pontevedra grazas a el", díxose o mércores), foi o organizador dun acto ao que asistiron familiares e amigos dun autor afincado durante anos na cidade.

Fina Casalderrey Escritora e académica 
"Era un autor capaz de escribir palabras que se che inxectaban directamente nos sentimentos"

O político e ex-directivo do Ateneo Antón Louro, os membros da institución Carmen Durán e Antón Sobral, o activista ecoloxista Antón Masa e os escritores Xosé Monteagudo e Manuel Lourenzo foron algúns dos persoeiros que asistiron á lembranza, que abriu Xaime Toxo e na que tamén participaron o ex-directivo do Ateneo Jaime Otero, o compañeiro do homenaxeado no IES Luís Seoane Anxo Ricón, a académica e escritora Fina Casalderrey e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes. Todos lembraron a súa relación con Suárez Abel e foron destacando distintas facetas da súa personalidade.

IES LUÍS SEOANE. Falando do seu compromiso co proxecto educativo do IES Luís Seoane, Anxo Ricón destacou que, como orientador e psicólogo do centro, destacaban dúas características: "o seu carácter aberto e a súa habilidade para transmitir calma en situacións conflitivas".

Ricón lembrou ademais a súa sensibilidade. "O seu discurso era sempre tranquilizador, esperanzador e cheo de intelixencia. Tiña un fondo dominio de si mesmo. Non era doado velo alterado", explicou Ricón. "A mesma agudeza dos seus artigos usábaa no traballo, o que lle outorgaba un plus de credibilidade".


Víctor Fernández Freixanes Presidente da RAG 
"Onde realmente te atopabas con el, coa súa intelixencia, era nos seus artigos. Aí fica a súa memoria"

O momento máis emocionante do acto chegou da man de Fina Casalderrey que, xunto a Xaime Toxo, leu o anaco dunha obra de Suárez Abel, Si, Carmen, na que narra a convivencia entre unha muller e o seu home, enfermo de alzhéimer, que fora mariñeiro. "Era un autor capaz de escribir palabras que se che inxectaban directamente nos sentimentos", comentou a escritora ao remate da lectura.

O encargado de pechar o acto foi Víctor Fernández Freixanes. "Non é doado falar hoxe aquí de Suárez Abel, nunha cidade que fixo súa con ese entusiasmo que sempre mantivo vivo", comezou dicindo. "E nestes actos sempre queda a sensación de que non fomos abondo xenerosos co homenaxeado cando estaba vivo. Os autores adoitan poñer a carne no asador cando escriben e Miguel Suárez Abel poñía moita carne e moito corazón. Constitúe, sen dúbida, un capítulo importante na renovación da literatura galega do seu tempo".

Freixanes, que foi o editor de cabeceira de Suárez Abel dende Turbo (1986) a Nunca te vin chorar (2010), falou da relación de amizade e complicidade que acabou tendo con el. Actualmente, segundo dixo, onde mellor se desenvolvía era como columnista. "Onde realmente te atopabas con el, coa súa intelixencia, era nos seus artigos. Aí fica a súa memoria".

Comentarios