"Para min, cantar é como unha terapia"

As cantareiras de Mos e do Porriño, as do Pirimpimpim, volven cun novo disco, O benquerer. "Porque nós de querer mal non sabemos nada", explica Francisca Adeca, Paca 
Francisca Adega 'Paca' (A Capela, A Coruña, 1943). MALVELA
photo_camera Francisca Adega 'Paca' (A Capela, A Coruña, 1943). MALVELA

Naceu na Capela, pero vostede xa é medio porriñesa.

Levo aquí 48 anos, imaxina.

Porque do Porriño e de Mos son as Malvela, que veñen de sacar novo disco. En Mos precisamente o presentaron o 17 de maio.

Foi un éxito total. Estabamos todas moi nerviosas. Porque, aínda que pareza mentira, presentalo na casa é máis difícil que no resto dos sitios. Pero saíu todo fantástico. Todo foron felicitacións.

Ademais, pola pandemia, había xa tempo que non actuaban.

Claro. Estabamos para gravar cando se cortou todo, ata os ensaios. Botamos dous anos paradas.

Así que isto foi como un regreso.

É que foi un regreso. E como é este novo disco? Pois, mira, ten de todo: xotas, muiñeiras, pasodobres...

E un tema da madriña do grupo, que é Uxía: As de Mos.

A maioría son pezas de autor. Compúxonolas xente achegada a Malvela. As irmás de Uxía están todas metidas no lío. A súa irmá Ana é a nosa directora de voces e toca a pandeireta. E ela xa é directamente a nosa madriña.

Chamáronlle ao disco O benquerer. Non sei se ten algo que ver cun disco moi famoso doutra artista, Rosalía, El mal querer.

O noso traballo non ten nada que ver. Nós somos de querer ben. De querer mal non sabemos nada. E somos da nosa Rosalía, da nosa poeta. Sempre. Do agarimo e do amor é do que sabemos.

Cantas son agora mesmo?

Debemos ser unhas catorce.

E vostede forma parte do grupo dende o seu inicio?

Non, entrei máis tarde. Xa debía levar o grupo funcionando seis ou sete anos. Eu estaba noutro grupo, Fonteliño, no que aínda estou. Un día díxonos Ana se queriamos vir catro de nós probar tamén aquí. E viñemos. Eu non mirei nin para atrás porque xa era unha seguido ra de Malvela. Coñecíaas a todas.

Que era o que lle gustaba de Malvela? Algo especial tería.

A ver, algo especial, non sei... A min cantar en Fonteliño tamén me gustou e me gusta. Xa temos gravados dous discos! Sabes que pasa? Que son moi festexeira. Tiña tempo libre, así que que mellor que vir para Malvela. Fíxeno encantada da vida. Porque aquí somos como unha familia. Levámonos moi ben. Non hai ningún problema entre nós. Somos unha piña.

Nada que ver con eses grupos que fóra do escenario non se levan ben.

Para nada! Moitas veces Ana ata se enfada con nós porque falamos máis do que cantamos. Ten que poñerse seria (ri).

Co seu traballo, Malvela unha reivindicación importante do papel das mulleres maiores na nosa música e na nosa cultura. É así?

Si, si. Eu penso que si. E penso que lle ensinamos á xente nova moitas cousas de valor. Igual non temos a súa cultura ou os seus estudos, pero podemos ensinarlle outras cousas importantes que se aprenden no día a día, que a vida che vai ensinando.

Quen é a que ten hoxe máis idade de todas?

As de máis idade son Silvina e Carmen. Carmen cumpre os anos un chisquiño antes que Silvina, que fai 90 en agosto.

As dúas dan unha lección de vida.

E non vexas a enerxía que teñen!

Non me diga que son as que tiran polas demais!

Si que tiran, si. Son as que tiran.

Manteñen vivo o legado da señora Carmen.

A señora Carmen era unha muller moi culta, moi intelixente. Aprendemos moito dela. E mira que xa empezou maior en Malvela, pero aínda despois, con 82 anos, gravou un disco en solitario cunhas cancións preciosas. Ela dicía que sempre lle gustara cantar, que cantaba cando ía ao muíño. Despois, a partir dun curso de canto, foi que acabou en Malvela e eu creo que no grupo foi moi feliz porque alí facía o que máis lle gustaba. Así como Silvina é hoxe a nosa alegría, ela era a paz e o sosego. 

Coñece ás Tanxugueiras? Gústalle o que o fan?

Coñézoas de velas na tele. E encántanme. O que fan é unha maneira de que a xente nova siga coa tradición, coa música de sempre, coa nosa cultura e coa nosa fala. E as Malvela son máis de directo ou máis de entrar nos estudio de gravación a preparar o disco? De directo, de directo. Iso é o que máis nos gusta. A un concerto con público, aínda que vaias un pouco nerviosa, en canto sobes ao escenario, todo se pasa. É como se te agrandaras. Dáche forza.

O seu gran éxito e a canción favorita de moitos fans é o Pirimpimpim. Cal é a súa favorita?

O Pirimpimpim temos que cantalo sempre. É o noso sinal de identidade. Pero non penses que é a canción que máis me gusta a min. Tira moito e é difícil de cantar. A min gústanme máis outras. Por exemplo, do novo disco gústame moito Pasodoble da miña naiciña, que nos compuxo Paulo Nogueira, de Treixadura. Esa encántame. É unha preciosidade de canción. Pero tamén me gustan moito Un ramalliño violeta, As de Mos... Por certo, no noso disco colaborou o músico portugués Daniel Pereira, que toca o cavaquinho e é extraordinario.

Como animaría ás mulleres de máis de 65 anos a seguir cantando ou a facer aquilo que as faga felices?

Cando chegas a unha idade, tes que ter unha actividade que che guste, incluso algo que quixeches facer de nova e non puideches. Para min, cantar é como unha terapia. Porque sempre me gustou, pero, claro, a vida non che deixa facer todo o que queres. Tes que atender os fillos, traballar... Pero cando te xubilas, hai que buscar unha actividade, algo que che guste facer e que te leve a ter a cabeza sempre funcionando.