Elvira Ribeiro, escritora

"A min o que me interesa é o xogo e a descuberta"

Nacida en Cerponzóns e afincada en Cuntis, vén de publicar con Apiario Ola! Son un bicho bóla! e de traducir Quérote para Algar
Elvira Ribeiro (Pontevedra, 1971). MARÍA VÁZQUEZ
photo_camera Elvira Ribeiro (Pontevedra, 1971). MARÍA VÁZQUEZ

Os bichos bóla protagonizan o seu último libro. Como se lle ocorreu esta idea?
A idea xa a tiña antes de que en Apiario me propuxeran entrar a formar parte da súa nómina de autoras de literatura infantil. Preguntáronme se tiña algo xa escrito que puidese cadrar no seu catálogo. E efectivamente eu tiña un bosquexo da historia do bicho bóla. A partir do seu convite, foi que a rematei. Esta historia ten a orixe na miña propia infancia e na fascinación que me produciu descubrir o mundo natural. O protagonista do libro é o que nós chamamos bicho bóla, ao que nalgunhas zonas de Galicia se lle chama zapateiro, que é o único crustáceo terrestre: un bichiño pequeniño que vive debaixo das pedras, en lugares húmidos e escuros, e que, se lle tocas co dedo, se converte nunha boliña. A partir de aí, deume por investigar sobre outros bichos bóla que houbese polo mundo e fiando unha cousa con outra saíu o libro.

A editorial di que é un libro para rir. Era esa a intención da autora?
Era. O humor formou parte desta historia dende o principio. Para min é un punto clave da literatura infantil. Por suposto, non ten que ser toda con humor, pero digamos que é un plus. Se unha historia para nenos pequeniños como é esta, para prelectores e primeiros lectores, á parte de descubrirche un mundo que descoñeces, seres polos que podes quedar fascinada, ten humor, sempre engancha moito máis.

O seu selo tamén destaca que este é un libro "para aprender que a comunidade se constrúe dende a diversidade".
O libro sae á venda precisamente cando, dende algúns discursos políticos, esta idea se pon en dúbida. Si, iso que sinala a editorial tamén se pode extraer do libro. Sermos persoas diferentes non é algo que nos afaste, senón algo que nos pode axudar á descuberta do outro e a converternos en mellores persoas. Con todo, iso non é o que máis me interesa a min da literatura. Porque ás veces penso que hai un exceso de literatura didáctica que nos indica como debemos ser, como facer as cousas ben... Pero, en realidade, a literatura nin fai mellores persoas nin cambia o mundo. A min o que máis me interesa é a descuberta, a fascinación, o xogo, axudar a coñecer outras palabras, outros conceptos, outras latitudes... É o que máis me interesa da literatura.

En Apiario, o selo de Antía Otero e Dores Tembrás, din que non publican ningún título que non amen. Foi especial publicar con elas?
Fíxome moitísima ilusión que me chamasen porque elas editan moi pouquiño: dous ou tres libros ao ano, como moito. Así que escollen moi ben a quen queren publicar. E, se non lles gusta o que lles propós, non teñen ningún problema en dicirche amablemente que non cadra no seu catálogo. Para min foi un motivo de alegría e de orgullo publicar con Apiario. Sei como coidan os proxectos, como miman o texto, o deseño, o papel, as autoras... Non, non era publicar nun sitio calquera. Coñezo como é ese labor artesanal que realizan e como defenden cada un dos seus libros, porque cren neles. Iso é algo que se bota en falta noutras editoriais, que defenden moito a algúns autores, pero a outros moito menos. Cando un selo debería facer iso por norma: publicar aquilo que cre que debe ser publicado e defendelo a morte. Con Dores e con Antía si que pasa.

Hai autores do ámbito da literatura infantil e xuvenil, como Fina Casalderrey, que reivindican de xeito constante unha maior consideración para este ámbito. Concorda con esta reclamación?
Eu penso que a literatura infantil e xuvenil en Galicia está moi ben considerada. Hai moitas autoras recoñecidas mesmo fóra de Galicia, a nivel estatal. Incluso diría que o seu recoñecemento é maior que a doutros ámbitos da literatura galega. A súa calidade é palpable. Quizais sobre o que conviría reflexionar é sobre o que pasa cando un sistema literario se basea fundamentalmente neste tipo de literatura. Para min iso é un problema. E penso que no sistema, ou no sistemiña se queres, literario galego hai algo disto. Vénse sostendo pola venda de libros nos colexios e nos institutos, pola venda de libros para nenos. Por iso e polo que mercan persoas militantes, que cada vez son menos. Se o reducimos todo aos nenos e ao ensino, que por suposto son un ámbito importantísimo, algo vai mal, algo falta.

Vai estar no próximo ‘Polvorín de versos’, encontro da libraría Chan de Pólvora (Compostela, 5 de febreiro). Séntese vostede, por enriba de todo, poeta?
Así é, si. Á hora de pórlle un nome ao que fago, de definirme nunha palabra, aínda que ás veces uso tamén escritora, case sempre digo poeta. Non me preocupa a denominación, pero si que me considero unha persoa que escribe fundamentalmente poesía. O meu medio de expresión, no que me sinto máis a gusto, é a poesía.

Pero tamén é tradutora. O seu último traballo é Quérote.
Si, é un libro dunha editorial valenciana, Algar, para a que fago traducións fundamentalmente dos seus álbums ilustrados. Neste caso é un título que xira arredor do amor. Ser tradutora é algo complexo, pero para min tamén moi satisfactorio. Tes que ter un coñecemento bastante profundo da lingua da que partes e tamén da lingua á que chegas, das dúas, para que non se perdan matices e detalles importantes. O texto traducido debe recoller o espírito do texto de partida. Dos traballos que fago, o de tradutora é o dos que máis me gusta.

Comentarios