Dii Feeling: "Para min o sentimento é o máis importante"

A bailarina urbana viguesa, que xa bailou con Nathy Peluso e coreografiou ás Tanxugueiras, acba de chegar á final estatal da Red Bull Dance Your Style
Dii Feeling. GIANFRANCO TRIPODO (RED BULL)
photo_camera Dii Feeling. GIANFRANCO TRIPODO (RED BULL)

Que é Red Bull Dance Your Style?
É unha competición que se fai da man de Red Bull para tratar de achegar as danzas urbanas a todo tipo de público. Faise na rúa e vota o público. Decide a xente.

Que sexa o público o que vota ten unha especial relevancia?
É diferente, sen dúbida. Porque os bailaríns traballamos sobre unha linguaxe que está tecnificada e sobre uns códigos concretos. Pero a xente da rúa mira o que fas con outros ollos. Non sabes se o que estás facendo lle está chegando ou non. É particularmente difícil.

Precisamente lle ía preguntar se fora moi difícil gañar esa semifinal.
Foi moi difícil porque había 38 grados na Praza de España en Madrid. Estabamos todos cun golpe de calor terrible. Foi duro bailar nesas condicións.

Gañar esta semifinal de Madrid dálle unha praza directa para unha final estatal.
Exacto. O que fixo Red Bull foi ir escollendo bailaríns por autonomías a partir dun tour. Ían pasando por distintas cidades para facer unha preselección á que ti te podías presentar. En cada unha desas cidades escollían a dúas persoas, que pasaban directamente a unha semifinal. Fixéronse dúas: unha en Granada e a que gañei eu, que foi en Madrid. Os dous mellor clasificados en cada semifinal competiremos agora na final de Barcelona.

Por que se fai chamar Dii Feeling?
Porque para min o sentimento é o máis importante na danza.

Máis que a técnica?
Por suposto.

Como foi que comezou a bailar?
Eu comecei na miña casa, de nena. Non tiña nin idea de que había escolas de danza nin nada parecido. Daquela non había redes sociais. Non era tan fácil conectar con xente cos teus mesmos intereses como agora. Con 15 anos, can do a miña curmá empezou nunha escola, Media Punta, de Vigo, eu fun detrás. Cando entrei alí e vin ás rapaciñas bailando a Missy Elliot, dixen: isto é o que eu quero facer na miña vida. Pero daquela en Galicia, no mundo do hip hop, só había breakers. Moi poucos facían outras cousas. Un chisquiño de popping [estilo que consiste en contraer e relaxar os músculos para crear un efecto de golpe] e de locking [que consiste en parar en medio dun movemento rápido e manter esa posición antes de continuar]. Non había información do hip hop free style que é o que eu bailo. Foi viaxando e coñecendo a xente como aprendín.

"Temos tan metido na cabeza que hai que facelo todo ben que non vemos que non se pode bailar mal. Iso non existe"

Porque se tende a identificar rapidamente o hip hop coa acrobacias dos breakers e existe todo un mundo máis alá.
Hai unha chea de estilos vinculados ás danzas urbanas.

Hoxe hai máis referencias de baile urbano en Galicia que cando vostede comezou?
A cousa cambiou moitísimo. Hoxe en Galicia hai moitos bailaríns. Con todo, á xente, o que facemos non lle chega. Aínda se nos mira raro se nos poñemos a bailar na rúa. Pero supoño que isto é unha evolución que pode levar anos.

Que diría que caracteriza o seu xeito de bailar?
O que máis bailo é popping, hip hop e waacking [estilo de street dance que se caracteriza polo movemento dos brazos e pola expresividade], pero tamén meto técnicas doutras disciplinas que traballo. Como definiría o meu estilo? Técnico e, ao tempo, con forza. Unha mestura de influencias marcada tamén por unha certa feminidade.

Falta cultura de danza no noso país?
Si, seguro. Non estamos acostumados a expresarnos co corpo. Agora quizais algo máis co TikTok: os nenos ven os vídeos e imítanos. Pero vaste a outros sitios como os Estados Unidos ou aos países africanos e o baile forma parte da súa cultura dunha maneira moito máis intensa. Non existe a vergoña. Aquí cústanos moito máis movernos. Dános vergoña expresarnos co corpo.

E facelo mal.
Exacto. Temos tan metido na cabeza que hai que facelo todo ben que non nos damos conta que non pasa nada se o fas mal. Porque ademais nunca podes expresarte mal bailando. Iso non existe. Evidentemente hai ferramentas para facelo mellor, para descubrir a linguaxe corporal e o corpo en xeral. Pero quero dicir que nunca ninguén che pode dicir que non te podes mover así cunha canción. Se é o que sentes, está ben.

É importante para un profesional bailar con artistas como Nathy Peluso?
Dáche proxección e axúdache a entrar en contacto con xente do gremio e do mundo da música. Axuda un montón.

Como entrou vostede en contacto coas Tanxugueiras?
Fixen un vídeo o ano pasado bailando un dos seus temas, Midas, e subino a Instagram. Vírono e comentáronme directamente nel que lles gustaba. Aos poucos días chamáronme da produtora para facer algo xuntos. Bailo en tres vídeos delas e coreografiei Averno. Todo a partir das redes sociais. Agora mesmo para os bailaríns as redes sociais son case como o noso curriculum.

Daríalle algún consello a algún mozo ou moza que queira bailar e que non se atreva polo que sexa?
Se queres algo na vida, tes que ir a por el. Que non teñan medo e, se o teñen, que o usen para conseguir o que queren.

De verdade quería ser unha das bailarinas da película El bar Coyote?
De verdade (ri). Encantoume a película e quería ser unha delas. A ver, eu cada vez que vía a xente bailando sentía algo por dentro. Do que se trata é, cando atopas iso, seguir ese camiño. É o que lle dá sentido á vida.

Comentarios